
A través de obras de diferentes disciplinas, realizadas por seis artistas orixinarios de Reino Unido, Alemaña, Brasil, Grecia e Zimbabue, esta mostra colectiva reivindica a arte como unha forma de contacto co inaccesible, engade Apostolou. Promovida co apoio da Deputación de Pontevedra, Seres celebra este xoves 8, ás 19.30 horas, a súa inauguración e reúne as pezas de Murilo Álvarez, Dominic Beattie, Anna Franke, James Alec Hardy, Deny Párchei e James Wright.
Ata o 1 de decembro poderá visitarse na sala de exposicións do campus unha mostra que reúne unha ampla variedade de disciplinas, que inclúen escultura, cerámica, pintura, debuxo, instalación, video performance, arte sonora e escultura dixital, salienta o seu comisario. Trátase ademais de obras realizadas por creadores e creadoras con diferentes traxectorias artísticas, desde figuras xa consolidadas ata estudantes da propia Facultade de Belas Artes, como é o caso de Álvarez. As súas obras, recoñece Apostolou, non comparten un vocabulario visual formalmente parecido, mais conéctanse a través desa capacidade que ten a arte como nexo de comunicación co inaccesible, de como arquetipos, musas, demos, heroes, monstros, compañeiros e deuses, sendo produto da mesma multitude de medos, soños, desexos e razoamentos, a miúdo se manifestaron a través da arte.
Nese senso, Apostolou recoñece que non buscaba obras que compartiran unhas características ou conceptos determinados, de tal xeito que, nun comezo, a conexión entre as diferentes pezas que integran esta mostra permaneceu invisible para min, ata finalmente atopar esa presenza recorrente de entidades imaxinarias.
Máscaras, demos e seres incorpóreos
Nesta colección de seres fantásticos que propón esta exposición poden verse pezas como as máscaras cerámicas que xeran unha serie infinita de observadores e observados, como dous espellos enfrontados, de James Wright, un artista nacido en Zimbabue e residente en Francia. Tamén unha instalación na que a alemá Anna Franke explora a fronteira tanto corporal como espiritual, sinala Apostolou, a través da disolución dos límites entre o ser e o seu contorno. Por outra banda, na exposición preséntanse unha serie de debuxos do británico Dominic Beattie, que en 2015 foi recoñecido co premio UK/Raine para artistas emerxentes, promovido pola Saatchi Gallery de Londres. Neles fanse presentes unha serie de demos que emerxen tanto da imaxinación persoal do artista como dunha cultura común de ciencia ficción e fantasía, explica o comisario.
Natural tamén do Reino Unido, James Alec Hardy, un artista que ten participado en exposicións en espazos como o Tate Modern, suma a esta mostra unha escultura virtual. Trátase dun escaneo tridimensional dunha escultura construída orixinariamente a través de materiais, reliquias e obxectos acumulados no seu taller, que Apostolou presenta como un deus virtual que cuestiona a xerarquía tradicional de realidades. Por outra banda, o físico e o espiritual mestúranse no trípode monstroso de Murilo Álvarez, un estudante do Grao en Belas Artes natural de Brasil, que suma á exposición unha escultura interactiva.
Este conxunto de obras vense complementadas por unha serie de pezas sonoras do artista nacido en Grecia Deny Párchey. Estas obras, explica Apostolou, utilizan os cantos como vehículos de especulación, convidando ao oínte a especular e imaxinar o espazo, as condicións e, máis importante aínda, os seres incorpóreos que os crearon.
Basilisa Fiestras, nova coordinadora da sala
Ademais da primeira exposición do curso, Seres é tamén a primeira mostra que acolle este espazo desde que a profesora Basilisa Fiestras asumiu a coordinación da Sala Manuel Moldes. Integrante do novo equipo decanal da facultade, como vicedecana de Cultura e Estudantado, Fiestras explica que a sala albergará nos próximos meses a programación xa definida polo seu anterior responsable, Ignacio Pérez-Jofre. Nese senso, destaca como moi oportuna a proposta que seleccionara para inaugurar este ano académico, por tratarse dunha mostra comisariada por un profesor e artista, que se dedica profesionalmente a realizar exposicións, ao que se suma o carácter internacional da mostra e o feito de que incorpore tamén a un alumno da facultade.
As propostas que deixou Pérez-Jofre son moi interesantes e creo que encaixan moi ben coa idea que temos desde o Decanato, engade a nova coordinadora do espazo. Nese senso, máis aló da programación prevista para este ano, avoga por continuar a liña de traballo que se viña desenvolvendo na sala, apostando tamén porque nela haxa moita presenza da comunidade universitaria. Neste punto, Fiestras pon de relevo o obxectivo de que a comunidade académica, "tanto estudantado como profesorado", sexan axentes activos na futura programación, salientando o seu interese porque a sala sexa tamén unha plataforma de visibilización da investigación que se fai desde a facultade.
Galicia rexistrou un mes de setembro seco e moi cálido, cunha temperatura media de 20,4 graos, é dicir, 2,4 graos por riba do habitual nesta época do ano. De feito, foi o segundo setembro máis caloroso na Comunidade desde 1961 (ano de inicio da serie histórica), tan só superado polo de 2018. Así consta no último informe climatolóxico mensual de MeteoGalicia, presentado esta mañá en Santiago de Compostela.
No que atinxe ao reparto territorial, a matrícula medra de forma xeneralizada en todas as provincias e en todas as áreas, sendo a provincia de Ourense a que rexistra unha porcentaxe máis elevada de crecemento. Así pois, Ourense acada as 7.053 persoas na FP (+7,43%), Lugo conta con 7.774 matrículas (+6,76), Pontevedra con 27.642 persoas (+5,64%) e A Coruña rexistra 32.914 persoas matriculadas (+5,44%). Esta dinámica alcista dáse tamén en todas as áreas territoriais, sendo a que máis medra a de Barbanza-Muros-Noia (+10,61%), seguida de Lemos-Chantada-Quiroga (+9,22%), A Mariña (+7,89%), Área de Ourense (7,54%) e Verín-Limia-Baixa Limia (+7,39%).