Notas de prensa

Biomateriais e bioimpresión 3D centran parte do programa da XIX Xornada Científica de Terapia Celular e Medicina Rexenerativa no CICA

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) acolle a XIX Xornada Científica de Terapia Celular e Medicina Rexenerativa, organizada polo grupo de investigación TCMR. O encontro reúne especialistas de institucións españolas e portuguesas para compartir liñas de investigación biomédica e favorecer a colaboración entre disciplinas.

A inauguración da xornada contou coa participación de Jerónimo Puertas Agudo, vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC; Silvia María Díaz Prado, coordinadora do grupo de Terapia Celular e Medicina Rexenerativa; e Carlos Platas Iglesias, director do CICA.

Con vocación formativa e de divulgación científica, a xornada está dirixida a persoal investigador do ámbito biomédico, profesionais das ciencias da saúde e alumnado de grao e posgrao. O seu obxectivo é contribuír ao coñecemento dos mecanismos moleculares e celulares implicados nas enfermidades e das posibilidades que abre a investigación para desenvolver novas estratexias terapéuticas.

Da terapia fáxica á bioimpresión 3D

O programa inclúe a intervención de Luís Antonio Mariñas Pardo, do Instituto de Saúde Carlos III, centrada na terapia fáxica como modelo de desenvolvemento terapéutico. Pola súa banda, María Piñeiro Ramil, do Grupo de Patoloxía Musculoesquelética do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, presenta un novo modelo celular para estudar os mecanismos patoxénicos implicados na heteroplasia ósea progresiva.

A participación internacional chega da man de Rui Domingues, do International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL) de Braga, Portugal, cunha charla sobre como descifrar os sinais celulares activados por forzas mecánicas para orientar a rexeneración do tecido tendinoso.

Completan o programa Laura Mendoza Cerezo e Jesús Manuel Rodríguez Rego, da Universidade de Extremadura. As súas intervencións abordan, respectivamente, o deseño dixital, os biomateriais e a fabricación personalizada en medicina rexenerativa, e a bioimpresión 3D como innovación tecnolóxica para a medicina do futuro.

Investigación interdisciplinaria e formación

Os biomateriais e a bioimpresión son tamén liñas de traballo desenvolvidas no CICA, nas que conflúen a bioloxía, a química, a ciencia dos materiais e a enxeñaría.

Esta colaboración entre disciplinas enmárcase na visión One Health do centro de investigadión, que recoñece a conexión entre a saúde humana, a animal e a dos ecosistemas e promove unha abordaxe integrada dos retos da saúde.

Estas xornadas poñen en valor o traballo impulsado por Silvia Díaz Prado e o equipo do grupo TCMR para crear un espazo de aprendizaxe e intercambio científico entre o ámbito sanitario, o académico e a investigación biomédica que, no seu conxunto axudan a mellorar a calidade e a expectativa de vida dos cidadáns.

Sobre o CICA

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña creouse en 2015. A súa actividade articúlase arredor de tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.

O centro forma parte da Rede CIGUS da Xunta de Galicia, un recoñecemento á calidade e ao impacto da súa investigación. A excelencia científica, a transferencia de coñecemento e a súa difusión á sociedade constitúen os piares da súa actividade.

Universidade da Coruña (UDC), 2026-10-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran-calor-ferrol.jpg) Galicia rexistrou un mes de setembro seco e moi cálido, cunha temperatura media de 20,4 graos, é dicir, 2,4 graos por riba do habitual nesta época do ano. De feito, foi o segundo setembro máis caloroso na Comunidade desde 1961 (ano de inicio da serie histórica), tan só superado polo de 2018. Así consta no último informe climatolóxico mensual de MeteoGalicia, presentado esta mañá en Santiago de Compostela.
Foto de la tercera plana (fp-madeira-2.jpg) No que atinxe ao reparto territorial, a matrícula medra de forma xeneralizada en todas as provincias e en todas as áreas, sendo a provincia de Ourense a que rexistra unha porcentaxe máis elevada de crecemento. Así pois, Ourense acada as 7.053 persoas na FP (+7,43%), Lugo conta con 7.774 matrículas (+6,76), Pontevedra con 27.642 persoas (+5,64%) e A Coruña rexistra 32.914 persoas matriculadas (+5,44%). Esta dinámica alcista dáse tamén en todas as áreas territoriais, sendo a que máis medra a de Barbanza-Muros-Noia (+10,61%), seguida de Lemos-Chantada-Quiroga (+9,22%), A Mariña (+7,89%), Área de Ourense (7,54%) e Verín-Limia-Baixa Limia (+7,39%).

Notas

A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes abre a súa programación do curso 2026/2027 con Seres, unha exposición “sobre as entidades imaxinarias que poboan o noso folclore persoal e os vínculos que establecemos con elas”, segundo sinala o seu comisario, o artista e profesor da Facultade de Belas Artes Thomas Apostolou.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) acolle a XIX Xornada Científica de Terapia Celular e Medicina Rexenerativa, organizada polo grupo de investigación TCMR. O encontro reúne especialistas de institucións españolas e portuguesas para compartir liñas de investigación biomédica e favorecer a colaboración entre disciplinas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES