Notas de prensa

ITC’26 reunirá na UVigo especialistas de catro continentes arredor do turismo transfronteirizo

137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.

Vigo converterase así en punto de encontro para a comunidade investigadora especializada en turismo, promovendo o debate sobre sostibilidade, innovación, gobernanza, cooperación territorial e desenvolvemento de destinos, así como o fortalecemento das redes académicas internacionais.

Organizado polo Centro de Investigación en Turismo de Portugal, Citur; a UVigo e o centro de investigación Ecobas, o congreso contará coa participación de 138 voces expertas, de múltiples disciplinas e procedentes de trece nacionalidades, o que confire a este simposio un carácter nomeadamente global. Do total de traballos que se darán a coñecer, un 14% están asinados por equipos internacionais.

Desde Portugal, España, Brasil, Xeorxia, Marrocos...

Como entidade promotora, Citur atrae cun peso destacado á delegación de Portugal, que achega a esta edición máis do 80% de autores participantes, España será o segundo país con maior presenza, seguido de Brasil, Xeorxia e Marrocos. Porén, o alcance global deste encontro permitirá coñecer tamén de primeira man unha pluralidade de perspectivas de investigación sobre o turismo transfronteirizo dende outras nacionalidades diversas: Angola, Colombia, Eslovenia, Grecia, Países Baixos, Polonia, Reino Unido e Turquía.

Presencialmente no campus de Vigo, o simpósio celebrarase en formato híbrido para acoller ao longo de dous días a presentación dun total de 137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores e autoras vinculados a 52 institucións académicas e de investigación.

Dacordo a estas cifras, o ITC consolida a súa posición como un dos principais foros internacionais dedicados á análise dos desafíos e oportunidades do turismo, con especial atención á cooperación entre territorios e rexións fronteirizas. Nesta ocasión, 82 relatores presentarán as súas investigacións distribuídos en 12 sesións presenciais, mentres que outros 56 darán a coñecer os seus estudos durante as 9 sesións que poderán seguirse en liña.

A dimensión global do encontro tamén se reflicte na diversidade lingüística das investigacións que se presentan, cun 80 % das publicacións en inglés, un 15 % en portugués e un 5 % en español, o que permitirá facilitar o intercambio académico e a difusión internacional dos resultados científicos.

Visit Rio Minho Plus, modelo a exportar

Como membro do comité científico e responsable do comité organizador, o equipo liderado pola profesora da UVigo e investigadora de Ecobas, Elena Rivo, deseñou para este simposio un escenario de análise e debate no que “a fronteira entre territorios se enfoca como un espazo único de riqueza, onde a participación activa das comunidades e a valorización e coidado dos recursos son os elementos cardinais para a atracción de visitantes”.

Baseado neste enfoque, o proxecto transfronteirizo Visit Rio Minho Plus, fundamentado na consolidación da Marca Río Miño e na creación de novos produtos turísticos transfronteirizos, constitúe o eixo sobre o que se artellan as distintas temáticas que se abordarán no programa do congreso.

Así, alén dos avances de investigación e a valiosa cooperación para favorecer a transferencia do coñecemento aos territorios, o ITC’26 contribuirá a posicionar os valores singulares da xestión do turismo transfronteirizo sobre o eixo do Río Miño e a cooperación estratéxica entre Galicia e Portugal moito mais aló das nosas fronteiras.

Múltiples actividades de turismo transfronteirizo

Completando o programa académico, as actividades sociais do congreso contemplan a realización do Eurocity Tui–Valença: Navegando entre fortalezas, que inclúe a visita á fortaleza de Valença, a Ponte Internacional e á catedral de Tui, nunha proposta que permitirá abordar temas tan diversos como o Camiño de Santiago e o fenómeno do contrabando.

Outra opción que poderán explorar as persoas participantes no congreso será o Paseo en barco polas illas do río Miño dende Vilanova de Cerveira, que se completará cunha visita á Bienal de Cerveira.

Apoio institucional

Mostra do respaldo que as distintas administracións -europeas e rexionais- outorgan a esta iniciativa de calado internacional, o acto de clausura do congreso contará coa presenza da reitora da UVigo, Carmen García Mateo, quen estará acompañada polo director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; e a copresidenta do ITC’26, Elena Rivo.

O proxecto Visit Rio Minho Plus no que se enmarca o ITC’26 está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España Portugal (POCTEP) 2021-2027.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-09-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES