Noticias

O novo marco galego para o impulso educativo estará centrado no reforzo da lectura e as matemáticas, o apoio docente e a mellora continua

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello deu o visto e prace ao Marco galego para o impulso educativo, un paquete de medidas enfocado á mellora integral e continua do sistema con novas medidas de reforzo centradas nas aprendizaxes clave, como son as competencias de linguas e matemáticas, o apoio ao profesorado no seu labor docente, o impulso da igualdade de oportunidades e os novos retos marcados polo avance tecnolóxico e a intelixencia artificial. 'Vimos de coñecer os datos do último informe PISA e, aínda que Galicia se mantén por riba da media española nas áreas avaliadas, non podemos estar satisfeitos e imos facer todo o que estea nas nosas competencias para reverter esta situación', indicou Rueda.

Así, desde o Goberno galego preséntase un novo marco de actuación para reforzar cuestións que foron devualuadas coa implantación da actual lei orgánica educativa, a Lomloe: a cultura do esforzo, a autoridade do profesorado ou as competencias básicas en lingua e matemáticas.

Traballo previo de modernización do sistema

Así mesmo, estas novas accións súmanse a un amplo traballo previo de modernización estrutural e programática, establecido nos últimos anos por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, que se reflicte en todas as medidas vinculadas ao acordo asinado coa maioría das forzas sindicais (baixada de ratios ou reconfiguración do horario docente), a posta en marcha do Plan Mega ou a propia Lei de educación dixital, xa en trámite parlamentario.

Pero a maiores do realizado desde Galicia, e deste novo marco de traballo presentado hoxe, desde a Xunta ponse o acento tamén na responsabilidade a nivel nacional, tanto á hora de modificar os currículos e os sistemas de avaliación establecidos na Lomloe como polo feito de non ter iniciado, con ambición, a necesaria actualización da carreira profesional docente. Así mesmo, e seguindo a propia liña de corresponsabilidade que establece a nova Lei de educación dixital, convídase á reflexión colectiva ás familias para conseguir así un verdadeiro impulso integral no ensino galego.

Impulso á comprensión lectora e ás matemáticas

De xeito concreto, o Marco galego para o impulso educativo inclúe cinco liñas estratéxicas de actuación. A primeira delas céntrase no reforzo das competencias básicas como son ler, escribir e pensar, que se comezarán a desenvolver xa no presente curso escolar. A este reto responde, segundo explicou Rueda, 'Avanza Lectura, un novo programa para mellorar as competencias do alumnado en 3º e 4º curso de Primaria'.

Trátase dun programa de intervención e acompañamento a aqueles centros que máis o precisen orientado á mellora sistemática da competencia lectora, que combinará reforzo da formación do profesorado, avaliación inicial para detectar as dificultades de comprensión, intervención adaptada a ditas necesidades, recursos didácticos e seguimento os resultados.

Xa de cara ao vindeiro curso 2027/28, Rueda anunciou que se vai actualizar o currículo de Primaria, dentro da pequena marxe de axuste que teñen as comunidades, para reforzar o carácter transversal da competencia lectora dun xeito sistemático nas distintas áreas de coñecemento. 'É dicir, para que se traballe a lectura en todas as materias e non só nas lingüísticas', salientou.

No caso de Secundaria, o vindeiro curso establecerase tamén 'unha nova materia obrigatoria de Lectura e Comprensión en 1º e 2º de ESO'. O currículo estará centrado en estratexias de comprensión, interpretación, análise e valoración crítica da información a partir de textos de diferentes tipoloxías, complexidade e formato e vinculados aos distintos ámbitos de coñecemento.

Tamén dentro do eixe de reforzo das competencias clave, Rueda informou que se implantará este curso o programa Avanza Matemáticas para a etapa de Primaria tamén naqueles centros que máis o precisen. Trátase dunha iniciativa orientada a 'fixar conceptos básicos e mellorar a resolución de problemas, o razoamento ou a capacidade de cálculo', indicou.

Dentro deste primeiro eixe estratéxico tamén se insire o novo Programa de reforzo educativo extraescolar para 6º curso de educación primaria, anunciado hai dúas semanas e dirixido aos alumnos que presenten máis dificultades en lectura e matemáticas, co obxectivo de favorecer a súa progresión académica e facilitar a transición de etapa.

Apoio o profesorado e profesionalización da función directiva

O segundo eixe de actuación do Marco galego para o impulso educativo céntrase no profesorado, reforzando a súa figura como autoridade pública e dotándoo de todas as ferramentas necesarias para exercer con éxito o seu labor profesional. O acompañamento e orientación aos docentes vaise canalizar 'a través da Oficina de Apoio ao Profesorado, que entrará proximamente en funcionamento', indicou Rueda.

En canto ao profesorado en prácticas, vaise reforzar o acompañamento, a mentorización e a avaliación para o novo ingreso. Ademais, aliñado co impulso da aprendizaxe das competencias clave, incorporarase unha formación específica con especial atención á competencia lectora e matemática.

Igualdade de oportunidades

O terceiro eixe de actuación céntrase no impulso da igualdade de oportunidades co obxectivo de que ninguén se quede atrás. Para iso, o presidente salientou que se van poñer en marcha 'novas accións de identificación e intervención temperá ante dificultades de aprendizaxe, especialmente nos primeiros cursos de primaria'. Isto, na práctica, permitirá activar intervencións específicas, graduadas segundo as necesidades individuais e, deste xeito, previr a consolidación das dificultades ao longo do resto dos cursos.

Así mesmo, tamén no presente curso escolar, desenvolverase 'un proxecto piloto de aulas de acollida na ESO para axudar ao alumnado que chega co curso xa empezado', explicou. Isto é, un recurso temporal de apoio para o estudantado procedente do estranxeiro que se incorpore á educación secundaria unha vez iniciado o curso e presente dificultades significativas de competencia lingüística ou desfase relevante nas aprendizaxes.

Novos retos: dixitalización e convivencia

O cuarto dos eixes é o impulso ante os novos retos, como a dixitalización e a intelixencia artificial, en que se enmarca a futura Lei de educación dixital de Galicia, un marco propio que ordenará a transformación dixital do sistema educativo galego garantindo un uso pedagóxico equilibrado, seguro e responsable coa tecnoloxía.

Neste apartado incorpórase tamén o reforzo ao respecto, á convivencia e á responsabilidade do alumnado, promovendo unha cultura escolar baseada no valor das normas e na responsabilidade individual e colectiva para garantir un clima adecuado de convivencia e aprendizaxe.

Recoñecemento aos centros e estímulo ao alumnado

O quinto eixe do Marco galego para o impulso educativo céntrase na mellora continua con base en evidencias. Así pois, aliñado co obxectivo de reforzar as competencias básicas alí onde máis se precise, a Consellería de Educación vai impulsar plans de mellora específicos e acordes ás necesidades de cada centro educativo, tal e como se avanzou.

Para iso, partirase dos resultados das avaliacións de diagnóstico que se realizan cada ano en 4º de primaria e 2º de ESO, da análise do contexto en que se inxire o centro e as súas características. A partir de todos estes datos deseñaranse actuacións centradas en cada caso e que poden abranguer cuestións como a mellora das competencias clave, o impulso de novas metodoloxías de aula, a atención á diversidade, a formación do profesorado, ou o fortalecemento do liderado pedagóxico.

Rueda explicou que outras medidas que se poñerán en marcha é a constitución dunha 'Rede de centros de referencia de boas prácticas', que amosen unha evolución positiva nos seus resultados e cuxa experiencia e bo facer poidan servir de referencia para outros. Ao mesmo tempo, recoñecerase o esforzo e a capacidade de mellora dos centros, ao tempo que o coñecemento xerado por eles se converta nun recurso compartido que impulse o progreso do conxunto do sistema.

Así mesmo, e entre outras medidas, 'crearanse as novas Olimpíadas de Educación Primaria para estimular aos alumnos mediante retos e desafíos adaptados á súa idade', indicou. O obxectivo é estimular os alumnos, espertar vocacións e favorecer unha cultura escolar que valore o coñecemento e o afán de superación. 'En definitiva, seguiremos traballando para reforzar o apoio educativo, especialmente, a aqueles alumnos que máis o precisen para recuperar os niveis anteriores ao último informe PISA', explicou Rueda.

R., 2026-09-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (incendios-xente.jpg) O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.

Notas

A iTERRA Night 2026 achegará o 25 de setembro a investigación que se realiza dende o Instituto de Saúde Global e Desenvolvemento Sostible do Campus Terra da USC á cidadanía a través dunha tarde de ciencia, experimentación e aprendizaxe para diferentes idades. A iniciativa desenvólvese no soto da Praza de Abastos lucense como evento asociado á European Researchers’ Night, unha iniciativa das Marie Skłodowska-Curie Actions (MSCA).
Os laboratorios do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), pertencente á Rede Cigus, volveron converterse nun espazo aberto á cidadanía coa celebración dunha nova edición da súa xornada de portas abertas, unha iniciativa integrada no programa de divulgación científica Ciencia con C de CINBIO. Máis de 80 persoas de diferentes idades participaron nesta actividade, deseñada para achegar a investigación que se desenvolve no centro ao público dun xeito participativo e próximo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES