Notas de prensa

Descubrir a ciencia con C de CINBIO nunha nova edición da súa xornada de portas abertas

Os laboratorios do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), pertencente á Rede Cigus, volveron converterse nun espazo aberto á cidadanía coa celebración dunha nova edición da súa xornada de portas abertas, unha iniciativa integrada no programa de divulgación científica Ciencia con C de CINBIO. Máis de 80 persoas de diferentes idades participaron nesta actividade, deseñada para achegar a investigación que se desenvolve no centro ao público dun xeito participativo e próximo.

A sesión arrancou na tarde do venres coa recepción das persoas asistentes por parte do equipo de xestión do centro, que destacou a importancia de crear oportunidades para que a sociedade poida coñecer de primeira man o traballo que realiza o persoal investigador do CINBIO. A continuación, as e os participantes percorreron as instalacións do centro organizados en pequenos grupos, realizando un itinerario guiado por distintos laboratorios e espazos de investigación. Ao longo de case tres horas, tiveron ocasión de experimentar con algunhas das liñas de traballo que se desenvolven no CINBIO a través de talleres e demostracións prácticas deseñadas polos seus grupos de investigación.

Do ADN ás nanopartículas, pasando polos circuítos neuronais

Entre as actividades houbo un obradoiro sobre os principios básicos da xenética, así como experiencias relacionadas coa luz e a súa interacción cos nanomateriais e demostracións centradas na creación de moléculas con propiedades innovadoras mediante química orgánica.

A nanotecnoloxía tamén ocupou un lugar destacado durante a visita grazas a experimentos que permitiron descubrir o potencial das nanopartículas, os sistemas avanzados de liberación de fármacos e o desenvolvemento de novos materiais. Ademais, as persoas participantes puideron coñecer conceptos ligados á chamada cociña molecular e comprender como a investigación química contribúe á innovación en diferentes ámbitos da vida cotiá.

Ademais, as e os asistentes puideron descubrir como a natureza pode axudar a entender os procesos naturais do corpo, a través da ciencia máis visual. Tamén tiveron a oportunidade de afondar no funcionamento do cerebro e da comunicación neuronal mediante actividades organizadas por especialistas neste ámbito, así como descubrir as propiedades plasmónicas das nanopartículas metálicas de ouro e prata a través de experiencias adaptadas a públicos de todas as idades.

As propostas divulgativas estiveron coordinadas por persoal investigador de diferentes grupos do centro, entre eles Filoxenómica, Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade (CellCOM), Química Orgánica (ORCHID), Nanomateriais Biomiméticos (Biomimat), TeamNanoTech (TNT), Neurocircuits, NanoBioMateriais Funcionais (FunNanoBio) e Materiais Quirais (ChiLab), ofrecendo unha mostra representativa da investigación de vangarda que se desenvolve actualmente no CINBIO.

Esta actividade forma parte do compromiso do CINBIO coa difusión do coñecemento científico e coa promoción das vocacións STEM, achegando á sociedade os avances que se producen nos seus laboratorios e demostrando que a ciencia pode experimentarse de forma directa, amena e accesible para todos os públicos.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-09-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES