Noticias

Galicia lidera as solicitudes presentadas en Europa para participar en proxectos de I+D+I interrexionais

Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, coñeceu hoxe en Nigrán un dos proxectos beneficiarios da pasada edición de Vinnovate Galicia, liderado pola empresa Kreios Space e no que participan a Universidade de Vigo e unha compañía tecnolóxica da Baixa Austria.

Nesta ocasión Galicia lidera o número de propostas presentadas en Europa, con 19 candidaturas, a rexión con maior participación seguida de Gales, con 18, e o Norte de Portugal, con 14, segundo a Vanguard Initiative. As rexións que van en colaboración con Galicia nas iniciativas conxuntas, por número de proxectos, son: Norte de Portugal (8), Gales (6), Brabante septentrional-Países Baixos (2), Nordeste de Romanía (2) e Leste dos Países Baixos (1). Logo da fase europea, os organismos galegos poden materializar a súa solicitude a través da convocatoria galega, que pode consultarse no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A nova convocatoria, impulsada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, ascende a 1 M€ cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 e financiará aos axentes da nosa Comunidade que participen en proxectos de desenvolvemento experimental e solucións innovadoras entre empresas e organismos de investigación de polo menos dúas rexións das nove participantes.

Terceira convocatoria

As propostas de proxectos galegos ao abeiro da convocatoria Vinnovate Galicia 2026 deberán contribuír ao desenvolvemento de tecnoloxías incluídas na Plataforma de Tecnoloxías Estratéxicas para Europa (STEP), como son biotecnoloxías; tecnoloxías do hidróxeno como electrolizadores, pilas de combustible e aplicacións industriais; biotecnoloxías aplicadas á saúde como xenómica, terapias avanzadas e medicamento personalizado; tecnoloxías renovables mariñas e fabricación avanzada para aplicacións offshore ou tecnoloxías eficientes no uso dos recursos (net-zero technologies). Un dos obxectivos nesta etapa é avanzar en áreas como biotecnoloxías ou tecnoloxías renovables mariñas e a sostibilidade é un punto clave.

O consorcio galego deberá estar constituído por entre dúas e catro entidades e alomenos unha delas debe ser unha peme, sendo a participación mínima das pemes no orzamento da parte galega do proxecto do 30%. As axudas poderán acadar os 500.000 euros para proxectos –a executar ata o 30 de setembro de 2029– e o orzamento mínimo da participación galega será de 150.000 euros. A resolución desta convocatoria prevese para decembro de 2026 e os organismos de investigación sen actividade económica percibirán un 100% de subvención. Participan en Vinnovate rexións de sete países: Leste dos Países Baixos-Provincias de Gelderland e Overijssel-, ademais de Brabante Setentrional, Gales (Reino Unido), Galicia e País Vasco (España), Baixa Austria (Austria), Baixa Saxonia (Alemaña), Norte de Portugal (Portugal) e Nordeste de Romanía (Romanía).

Proxecto SIA3D no sector espacial

O proxecto SIA3D, liderado pola empresa pontevedresa Kreios Space no ámbito do sector espacial, é un dos beneficiarios da convocatoria VInnovate Galicia 2025. Este proxecto, que hoxe puido coñecer a directora da Axencia Galega de Innovación, presenta unha proposta altamente innovadora co obxectivo de realizar a primeira demostración en órbita da historia dun sistema ABEP (Propulsión Eléctrica Atmosférica), desenvolvida por Kreios Space. Esta validación representa un paso imprescindible para confirmar a viabilidade real de operar satélites en VLEO (órbita terrestre moi baixa) sen propelente a bordo, un avance que transformará as bases tecnolóxicas do sector espacial europeo.

Neste proxecto participan, por parte de Galicia, Kreios Space e a Universidade de Vigo a través do Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación (CACTI), xunto cunha empresa de Austria especializada en tecnoloxías avanzadas, AdditiveXperts. O custo do proxecto para os socios galegos supera os 380.000 euros e a Xunta achega o 60%. Nas dúas convocatorias anteriores apoiáronse 10 proxectos con participación galega, aos que a Xunta destinou máis de 2M€.

R., 2026-09-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES