Notas de prensa

Un 'speed dating' e un 'divulgathon' sobre lumes forestais, principais novidades do Plan Ciencia de ida e volta 2026-2027

Entre os meses de outubro de 2026 e xuño de 2027 desenvolverase o VI Plan Ciencia de ida e volta, unha nova tempada de actividades de divulgación científica na UVigo, impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (co financiamento da FECYT-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Ao longo de nove meses sucederase un amplo programa de actividades de lecer científico, co que a UVigo volverá sacar a ciencia dos laboratorios ás rúas.

O programa, que conta cun orzamento de máis 100.000 euros, dos que 30.000 proceden da FECYT, inclúe nesta edición dúas novidades: unha dinámica de “citas rápidas”, un speed dating científico, no que persoas investigadoras de diferentes ámbitos compartirán os seus proxectos co público xeral, que deberá escoller o proxecto co que máis conectasen, match científico, e á persoa investigadora que mellor conseguise captar o seu interese, match divulgativo, tendo en conta aspectos como a claridade da mensaxe e a capacidade para atraer a atención do público.

Doutra banda, arredor da celebración do Día Internacional da Terra, o plan promoverá o divulgathon Lume e Vida, un foro de debate que reunirá persoas directamente afectadas polos incendios forestais (veciños e veciñas, brigadistas e colectivos locais) e persoas expertas da UVigo en ámbitos como a ecoloxía, a enxeñaría forestal, a socioloxía e a comunicación, que traballan actualmente en proxectos de investigación relacionados coa prevención dos incendios e coa recuperación dos ecosistemas. A programación arredor desta temática incluirá tamén intercambios científicos con alumnado de educación secundaria, con roteiros polos cinco laboratorios vivos do proxecto europeo LivingSoiLL (Healthy Soil to Permanent Crop Living Labs), así como un paseo arqueolóxico polas illas Ons, con visitas ás escavacións do Grupo de Estudos Arqueolóxicos e Antropolóxicos (GEAAT) da Universidade de Vigo.

Aberta a inscrición na formación Comunica a túa ciencia

As actividades do plan comezarán o 28 de outubro coa formación Comunica a túa ciencia, cinco módulos de dúas horas orientados a desenvolver e mellorar competencias clave na comunicación social da ciencia. Cada módulo centrarase nun ámbito específico e contará cunha persoa formadora especializada. Ademais, poderán cursarse de maneira independente, segundo os intereses e as necesidades de cada participante.

A formación estará dispoñible nas modalidades síncrona e asíncrona e diríxese á comunidade universitaria, aínda que tamén estará aberta ao público externo. Haberá 90 prazas por sesión e as persoas interesadas deberán inscribirse a través dos formularios habilitados na Secretaría en liña, que se irán abrindo a medida que se anuncien as distintas actividades. A inscrición xa está aberta para o primeiro dos módulos, Comunicar para conectar: mensaxe, corpo e voz, que afondará na construción e estruturación da mensaxe, no uso da narrativa aplicada á divulgación científica e na adaptación dos contidos ao tempo dispoñible e ás características do público. Tamén abordará o corpo como ferramenta de comunicación, con especial atención á expresión corporal, á presenza física, á confianza e á preparación, así como ás técnicas vocais aplicadas á comunicación oral. A sesión estará impartida por Lara Capeáns, licenciada en Comunicación Audiovisual e cunha ampla traxectoria na realización e edición de videoclips e documentais, recoñecidos con varios premios internacionais.

As actividades do plan continuarán co gallo do Día da Ciencia en Galego, que se celebra o 4 de novembro, e que este ano chega á súa terceira edición dentro do plan, co obxectivo de poñer en valor a investigación e a divulgación na lingua propia de Galicia. Nesta ocasión publicarase un novo volume da Escolma de termos científicos, que incorporará terminoloxía dos ámbitos das matemáticas, a astronomía e a botánica. A iniciativa dá continuidade ao traballo de enriquecemento do vocabulario científico-técnico en galego iniciado en 2024 e busca facilitar o seu uso tanto na comunidade universitaria como nos centros educativos.

Máis actividades para achegar a ciencia á sociedade

A oferta complétase con iniciativas arredor do 11F, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, como as xornadas Elas Fan CienTec e Rachando Estereotipos, así como co relanzamento do Minicionario de Xustiza Social. Este último proxecto, impulsado en 2024 en colaboración con persoas investigadoras da Facultade de Educación e Traballo Social, retómase coa intención de actualizar os seus contidos e adaptalos a novos datos, retos e perspectivas.

Outra das novidades será a xira Quero ser investigadora, que suporá a dixitalización das seis edicións dos catálogos homólogos e dos materiais didácticos complementarios, así como das versións en lectura fácil e audiolibros. Ademais, haberá talleres de estimulación física e cognitiva con alumnado de educación infantil e persoas maiores usuarias de residencias e centros de día arredor da conmemoración do Día Mundial da Saúde.

A feira-exposición científica A ciencia que vén, prevista para o mes de maio, ofrecerá obradoiros e demostracións abertas á cidadanía a cargo de grupos de investigación da UVigo. Pola súa banda, o programa Embaixadoras e embaixadores da Ciencia e do Coñecemento, que se desenvolverá en xuño en colaboración co alumnado do Programa Universitario de Maiores (PUM), completará unha programación que combina actividades consolidadas con novas propostas para achegar a investigación á sociedade.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-10-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (mariscadoras.JPG) O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou esta mañá de que o Consello deu luz verde aos textos 'dos estatutos das mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro de Galicia', que entran así na súa última fase de tramitación coa súa remisión ao Consello Consultivo para que emita o informe preceptivo 'e estean aprobados a finais de ano'. Este trámite, que coincide coas vésperas do Día Internacional das Mulleres Rurais -que se conmemora cada 15 de outubro- busca 'avanzar no recoñecemento das mulleres' destes eidos e 'mellorar o seu acceso a novas oportunidades e recursos'. Ambos documentos buscan ademais, tal e como explicou Calvo, visibilizar a súa contribución ao desenvolvemento territorial; garantir o seu acceso en igualdade a dereitos, oportunidades e recursos; fomentar a contratación feminina en profesións masculinizadas ou impulsar a titularidade compartida en explotacións e embarcacións.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) A economía galega medrará catro décimas máis do previsto hai un ano, cando se elaboraron os orzamentos vixentes. Así se desprende do Informe sobre as previsións macroeconómicas que se incluirán nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027, elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e que hoxe foi avalado pola AIReF. Deste xeito, segundo constata o documento, Galicia medrará máis do previsto para este ano. Non en van, se en xullo, cando se aprobou o teito de gasto non financeiro, a Comunidade xa mellorou a previsión de crecemento que estaba nos orzamentos para este ano en dúas décimas, pasando do 1,9 % ao 2,1 %, agora volve a facelo, mellorando noutras dúas décimas (ata o 2,3 %) a previsión para o peche de 2026.

Notas

A Rede de Centros Singulares de Investigación da USC conmemora o 24 de outubro o 10º aniversario de Ciencia Singular, a xornada de portas abertas que desde 2017 achega a miles de persoas o labor científico punteiro da USC. Esta iniciativa cumpre unha década ofrecendo á cidadanía a oportunidade de coñecer o traballo que realizan centos de investigadores en química, tecnoloxías intelixentes, medicina molecular, física de partículas ou tecnoloxías ambientais, descubrindo a aplicación práctica do coñecemento científico.
Entre os meses de outubro de 2026 e xuño de 2027 desenvolverase o VI Plan Ciencia de ida e volta, unha nova tempada de actividades de divulgación científica na UVigo, impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (co financiamento da FECYT-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Ao longo de nove meses sucederase un amplo programa de actividades de lecer científico, co que a UVigo volverá sacar a ciencia dos laboratorios ás rúas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES