
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, fixo fincapé hoxe o forte impulso que a Xunta deu nos últimos tempos a incrementar os recursos neste ámbito e que fai que Galicia leve varios anos consecutivos sendo unha das comunidades que mellor atende ás persoas con dependencia e discapacidade en España. Fíxoo nunha comparecencia en Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, na que manifestou que o obxectivo da rede de recursos que está a construír e consolidar o Executivo autonómico é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade.
Begoña Abeijón apuntou durante a súa comparecencia que desde o ano 2016 o Goberno galego concedeu axudas a concellos e mancomunidades coas que as unidades de atención temperá aumentaron ata as 57. Ao respecto explicou que estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Xunta destina este ano nove millóns de euros á Rede galega de atención temperá, que na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias, fronte os dous únicos recursos deste tipo que había en Galicia no 2009. Ademais, avanzou que o obxectivo é seguir estendendo esta rede por todo o territorio e poñer en marcha o servizo de atención postemperá, destinado a nenos de 6 a 12 anos.
A directora xeral tamén destacou, no marco da súa intervención na comisión parlamentaria, o notorio incremento de prazas públicas de atención residencial e diúrna posta á disposición das familias ata contar a día de hoxe con máis de 5.900, máis do dobre das que había no 2009. Destas prazas, máis de 330 creáronse nesta lexislatura, incluídas as 110 do novo Centro de Atención á Discapacidade (CAPD) de Ourense.
Investimento en equipamentos
Así mesmo, Begoña Abeijón aproveitou a súa comparecencia na Comisión para poñer en valor os investimentos da Xunta para que as entidades do sector crearan, ampliaran ou mellorasen os seus centros, co fin de facer fronte aos novos retos no ámbito da saúde mental e a discapacidade. Así, referiuse á residencia de saúde mental das Pontes, na que a Administración autonómica leva destinado un millón de euros; o futuro centro de Alume en Lugo, con 3,6 millóns de euros; ou o novo centro da Creba en Noia, con máis de 500.000 euros de investimento.
Tamén salientou a nova unidade para a atención ás patoloxías duais impulsada na residencia de Bóveda, así como o novo centro de atención integral de Dano Cerebral da Coruña, ao que se destinaron máis de 600.000 euros; a ampliación do centro de atención integral á parálise cerebral de Aspace, en Vilagarcía de Arousa, con máis de 1,6 millóns de euros; a nova residencia de discapacidade intelectual de Aspanaex en Vigo, con dous millóns de euros; ou o centro de atención diúrna á discapacidade física en Ponteareas, ao que se achegaron 700.000 euros. En total, na última década a Xunta investiu máis de 55 millóns de euros en crear novos centros, reformar, mellorar e equipar os que xa existían.
Por outra banda, Begoña Abeijón afirmou na Cámara autonómica que Galicia sitúase á cabeza de España en educación inclusiva, co alumnado con necesidades educativas especiais escolarizados en centros de ensino ordinarios. Así mesmo, salientou que no ámbito laboral a Xunta traballa en varias vías para garantir o acceso ao emprego das persoas con discapacidade, a través da reserva de prazas para o emprego público, o impulso aos centros especiais de Emprego ou por medio de programas específicos de inserción laboral.
Colaboración co tecido social
Na súa intervención parlamentaria, a directora xeral quixo recoñecer o traballo das entidades sociais, coas que a Xunta traballa para ofrecer servizos de calidade alí onde son necesarios. Ao respecto, explicou que a través de convenios de colaboración e das axudas do 0,7% do IRPF, o Goberno galego destina 12 millóns de euros anuais para financiar actividades de ocio e deporte inclusivo; asesoramento no exercicio da capacidade xurídica; programas de respiro familiar, servizos de atención temperá, de fomento de habilidades sociais e de logopedia; formación, prácticas prelaborais e programas de inserción laboral; iniciativas para o fomento da accesibilidade ou de envellecemento activo. Esta colaboración coas entidades permita chegar cada ano a máis de 140.000 persoas con discapacidade en Galicia.
Por último, Begoña Abeijón avanzou que a Xunta, da man do tecido social, traballa na elaboración dun Plan estratéxico con horizonte 2030 para definir a folla de ruta que a Administración autonómica seguirá nos vindeiros anos. Neste sentido, indicou que este plan debe responder a retos como o auxe dos trastornos do espectro autista, o fomento da vida independente e a autonomía persoal ou o impulso de servizos no rural.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, liderou esta na capital comunitaria a delegación da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) que mantivo unha reunión de traballo na sede da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) con representantes deste departamento da Comisión Europea. No encontro participaron mandatarios e representantes de territorios costeiros de concas como o Atlántico, o Mediterráneo ou o mar do Norte para abordar a futura estratexia Visión 2040 e a necesaria actualización da Política Pesqueira Común (PPC).
Un total de cinco candidaturas galegas optan como finalistas aos XIX Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Galicia convértese así na comunidade con máis finalistas, con candidaturas en catro das cinco categorías. En concreto, os ceramistas Barreiros Artesanía e a deseñadora e redeira Amalia Puga optan ao Premio Produto, mentres que Sandra Vilas é candidata por segundo ano consecutivo ao Premio Emprendemento.