Notas de prensa

Especialistas de diferentes ámbitos reflexionarán no campus sobre a expansión do cómic máis aló do papel

Discutir academicamente acerca do cómic contemporáneo desde as novas concepcións e usos do soporte e do formato tradicionalmente asociados á banda deseñada é o obxectivo central do XI Foro Internacional de Creación na Fronteira, que reunirá un conxunto de especialistas de diferentes áreas na sede da Vicerreitoría do campus.

Promovidas polo grupo de investigación dx5 da Facultade de Belas Artes, estas xornadas buscarán entre o luns 19 e o mércores 21 reflectir “as distintas maneiras nas que o cómic se relaciona con outros medios e disciplinas”, como o cinema, os videoxogos, a arquitectura ou a pintura, dando lugar a “produtos transmedia”, sinalan desde a organización.

Baixo o título de Diving the gutter: Cómic de campo expandido, intermedialidade e transmedialidade, trátase dunhas xornadas abertas ao público, que poderán seguirse tanto de xeito presencial como virtual. A través dun conxunto de conferencias, impartidas por especialistas de ámbitos como os videoxogos, o cine ou a literatura, o grupo busca promover unha reflexión sobre a evolución que está a vivir este medio e as súas “interaccións con outras disciplinas artísticas”, como sinala o profesor Miguel Cuba, director deste foro. O seu obxectivo é afondar nesa idea do cómic de campo expandido desde unha “perspectiva ampla”, de tal xeito que haxa espazo tanto para obras que parten da alteración dos formatos como para aquelas que fusionan a banda deseñada con outras disciplinas. Deste xeito, preténdese tanto abordar sobre as “conexións” do cómic co mundo do cinema ou dos videoxogos, como pór o foco “en interaccións máis complexas, nas que as linguaxes se mesturan e o cómic abandona eses parámetros tradicionalmente” asociados á banda deseñada.

Nese senso, Cuba recoñece a idea do cómic de campo expandido como algo “relativamente recente no contexto da historia do cómic”, que está permitindo “expandir a súa linguaxe e romper determinadas barreiras e estereotipos”, dando lugar a proxectos moi distintos que, non obstante, “conservan unha esencia que fainos seguir chamándoos cómic”. Neste punto, os promotores das xornadas poñen de relevo que a experimentación tanto co formato da banda deseñada como cos seus soportes, máis aló da obra impresa, constitúen “un dos aspectos máis renovadores do medio”.

Tres tardes de conferencias

Promovido co financiamento da Universidade de Vigo e da Xunta de Galicia, a través das axudas a grupos de referencia competitiva, este foro internacional desenvolverase ao longo de tres tardes na Casa das Campás, podendo seguirse tamén de xeito virtual, previa inscrición a través do correo miguel.cuba@uvigo.gal. A súa programación botará a andar o luns ás 16.00 horas cun relatorio do crítico e programador cultural Felipe Rodríguez Torres sobre a triloxía de El protegido de M. Night Shyamalan e a “deconstrución do xénero de superheroes”. A continuación, os investigadores da Universitat de Valencia Álvaro Pons e Noelia Ibarra falarán sobre “o cómic como obxecto museístico”, centrándose no traballo de Paco Roca. O investigador do grupo dx5 e codirector das xornadas, José Andrés Santiago, afondará no "binomio" que forman o manga e o anime xaponés, mentres que Enrique del Rey e Carlos Vilareal, da Universidad de Alcalá, abordarán as conexións entre o espazo arquitectónico e a narración na Comiteca desta institución.

A investigadora e novelista Ana Merino, recoñecida en 2020 co Premio Nadal, abrirá a xornada do martes cun relatorio sobre a evolución da banda deseñada no espazo expositivo dos museos, mentres que o artista Francesc Ruiz, "unha das principais figuras nacionais sobre o tema das xornadas", sinala Cuba, proporá “unha aproximación ao cómic en movemento”. Obras que “desbordan” os límites e convencións asociadas a este medio centrarán a continuación a intervención do director deste foro, pechándose esta xornada cun relatorio do profesor da Universidad Europea de Madrid Gerardo Vilches.

Xa o mércores, o foro continuará cunha conferencia sobre as “relacións transmediais” entre cómics e videoxogos, a cargo do investigador da Universidade da Coruña Juan Luis Lorenzo. A continuación, o profesor da Universidad Politécnica de Madrid Enrique Bordes impartirá o relatorio Expandiendo cómics, dos casos y medio, mentres que a artista Marta Cartu reflexionará sobre a súa propia práctica artística no ámbito do cómic expandido. A programación pecharase cunha conferencia do divulgador e escritor Pedro Paredes sobre a obra do autor estadounidense Chris Ware.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-10-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, liderou esta na capital comunitaria a delegación da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) que mantivo unha reunión de traballo na sede da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) con representantes deste departamento da Comisión Europea. No encontro participaron mandatarios e representantes de territorios costeiros de concas como o Atlántico, o Mediterráneo ou o mar do Norte para abordar a futura estratexia Visión 2040 e a necesaria actualización da Política Pesqueira Común (PPC).
Foto de la tercera plana (premios-nacionales-artesania-2026.jpg) Un total de cinco candidaturas galegas optan como finalistas aos XIX Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Galicia convértese así na comunidade con máis finalistas, con candidaturas en catro das cinco categorías. En concreto, os ceramistas Barreiros Artesanía e a deseñadora e redeira Amalia Puga optan ao Premio Produto, mentres que Sandra Vilas é candidata por segundo ano consecutivo ao Premio Emprendemento.

Notas

A exposición 'Outro e sobre si', do artista Andrés Rodís, abriu as súas portas ao público no Museo Gaiás da Cidade da Cultura. A mostra é o resultado da I Residencia ArtLab IGFAE, unha iniciativa da USC e a Xunta e que naceu en 2025 para tecer fíos entre a investigación en física de partículas e a creación contemporánea galega. 'Outro e sobre si' poderá visitarse de balde no Gaiás ata xaneiro de 2027.
Discutir academicamente acerca do cómic contemporáneo desde as novas concepcións e usos do soporte e do formato tradicionalmente asociados á banda deseñada é o obxectivo central do XI Foro Internacional de Creación na Fronteira, que reunirá un conxunto de especialistas de diferentes áreas na sede da Vicerreitoría do campus.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES