Notas de prensa

A mecánica cuántica inspira 'Outro e sobre si', a exposición de Andrés Rivas nacida das Residencias ArtLab IGFAE

A exposición 'Outro e sobre si', do artista Andrés Rodís, abriu as súas portas ao público no Museo Gaiás da Cidade da Cultura. A mostra é o resultado da I Residencia ArtLab IGFAE, unha iniciativa da USC e a Xunta e que naceu en 2025 para tecer fíos entre a investigación en física de partículas e a creación contemporánea galega. 'Outro e sobre si' poderá visitarse de balde no Gaiás ata xaneiro de 2027.

No acto de apertura participaron, xunto ao artista, o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; a vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta da USC, Almudena Hospido; o director do IGFAE, Carlos Salgado; e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

No marco da apertura da mostra, o IGFAE acolle este mesmo xoves 15 de outubro, ás 19.00 horas, un encontro con Andrés Rodís, aberto ao público xeral, no que o artista conversará con persoal investigador do IGFAE. A conversa pretende continuar o diálogo entre artes e ciencias que se abriu con esta residencia, explorando os camiños polos que discorreu o proxecto de ‘Outro e sobre si’.

Achegamento á cuántica desde a creación artística

A proposta de Andrés Rodís (Santiago de Compostela, 2000) aborda, a través de 25 pezas que inclúen pinturas, colaxes, impresións dixitais e unha vídeo-proxección, algúns dos principios da mecánica cuántica. Estas teorías, desenvolvidas nos anos 20 do século pasado, non só revolucionaron a física de partículas, senón que transformaron a percepción humana sobre a realidade, e tiveron unha profunda influencia na filosofía e nas artes.

Na súa interacción co persoal investigador do IGFAE, durante a estadía que desenvolveu no centro a comezos deste 2026, o artista compostelán achegouse a postulados como o principio de incerteza de Heisenberg, ou o concepto de superposición, dous dos piares da cuántica. Tamén puido coñecer as tecnoloxías e os experimentos que validan estes principios teóricos, reflexionando sobre como a propia medición intervén sobre o observado, así como afondar no debate ao redor do par sinal-ruído. Posteriormente, Andrés Rodís completou a residencia nos espazos REGA da Cidade da Cultura, onde deu forma ás pezas que compoñen ‘Outro e sobre si’.

IGFAE Labs

Esta residencia artística enmárcase na vontade do IGFAE de orientar o seu labor cara a unha investigación e unha innovación máis responsables coa sociedade. Co gallo da acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu —obtida en 2017 e renovada en 2024— o centro mixto da USC e a Xunta de Galicia puxo en marcha os IGFAE Labs, programas concibidos como espazos de encontro entre as artes (ArtLab), a educación (EduLab) ou a transferencia de tecnoloxía (TechLab).

Ao abeiro do ArtLab xurdiron ciclos de diálogo como ‘Transfronteirizas’, desde 2020, e exposicións como ‘Cosmoloxías’ (Irene Dubrovsky, Colexio de Fon­seca, 2019) ou ‘Instrumentos de visión’ (con Armin Linke, Mónica Bello e Arts at CERN, Igrexa da Universidade, 2024).

Convocatoria aberta para a 2ª edición

A Fundación Cidade da Cultura de Galicia e o IGFAE lanzaron en setembro a segunda convocatoria desta residencia, cuxo prazo estará aberto ata o 1 de febreiro de 2027. As candidaturas poden abrirse a todo tipo de formatos, relacionados coas áreas científicas nas que traballa o persoal do IGFAE.

A proposta seleccionada poderá integrarse na actividade cotiá do IGFAE, durante un mínimo de tres semanas e un máximo de oito, dispoñendo dun espazo de traballo, interactuando co persoal do Instituto e recibindo titorización científica e artística. A residencia continuará posteriormente nos espazos REGA da Cidade da Cultura (durante un mínimo dunha semana e un máximo de seis), onde, alén do espazo propio de traballo, ofreceranse os equipamentos, recursos técnicos e humanos para facer realidade o proxecto.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-10-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, liderou esta na capital comunitaria a delegación da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) que mantivo unha reunión de traballo na sede da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) con representantes deste departamento da Comisión Europea. No encontro participaron mandatarios e representantes de territorios costeiros de concas como o Atlántico, o Mediterráneo ou o mar do Norte para abordar a futura estratexia Visión 2040 e a necesaria actualización da Política Pesqueira Común (PPC).
Foto de la tercera plana (premios-nacionales-artesania-2026.jpg) Un total de cinco candidaturas galegas optan como finalistas aos XIX Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Galicia convértese así na comunidade con máis finalistas, con candidaturas en catro das cinco categorías. En concreto, os ceramistas Barreiros Artesanía e a deseñadora e redeira Amalia Puga optan ao Premio Produto, mentres que Sandra Vilas é candidata por segundo ano consecutivo ao Premio Emprendemento.

Notas

A exposición 'Outro e sobre si', do artista Andrés Rodís, abriu as súas portas ao público no Museo Gaiás da Cidade da Cultura. A mostra é o resultado da I Residencia ArtLab IGFAE, unha iniciativa da USC e a Xunta e que naceu en 2025 para tecer fíos entre a investigación en física de partículas e a creación contemporánea galega. 'Outro e sobre si' poderá visitarse de balde no Gaiás ata xaneiro de 2027.
Discutir academicamente acerca do cómic contemporáneo desde as novas concepcións e usos do soporte e do formato tradicionalmente asociados á banda deseñada é o obxectivo central do XI Foro Internacional de Creación na Fronteira, que reunirá un conxunto de especialistas de diferentes áreas na sede da Vicerreitoría do campus.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES