Noticias

Galicia traslada á Comisión Europea as prioridades das rexións costeiras para a futura Política Pesqueira Común

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, liderou esta na capital comunitaria a delegación da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) que mantivo unha reunión de traballo na sede da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) con representantes deste departamento da Comisión Europea. No encontro participaron mandatarios e representantes de territorios costeiros de concas como o Atlántico, o Mediterráneo ou o mar do Norte para abordar a futura estratexia Visión 2040 e a necesaria actualización da Política Pesqueira Común (PPC).

Durante a xuntanza, a titular de Mar defendeu que “a PPC logrou avances importantes desde 2013, pero tamén debemos ser honestos sobre o que non funcionou: tras máis dunha década a frota envellece, ao sector cústalle atraer a unha nova xeración e moitas comunidades costeiras seguen nunha situación económica e social difícil”. Neste sentido, subliñou que “non pedimos volver atrás, pedimos avanzar mediante unha revisión centrada nas disposicións que nos están a frear”.

Villaverde puxo o acento no envellecemento dos buques —que no caso da frota costeira galega superan os trinta anos de media e se achegan aos corenta nalgunhas zonas— e lembrou que o conxunto da frota europea reduciuse nunha década ao pasar duns 87.000 buques en 2013 a arredor de 73.000 en 2023. “Nesas condicións, as nosas frotas xa fixeron a súa parte; agora pedimos renovar o que queda sen confundir a modernización cun aumento do esforzo pesqueiro”, reclamou, insistindo en que “un motor máis limpo, un equipo de seguridade moderno ou un camarote digno non capturan un pez máis”. Sen modernización non haberá relevo xeracional: os máis novos só virán se o sector lles ofrece boas condicións de traballo e perspectivas económicas. Neste contexto, advertiu tamén de que o próximo marco financeiro plurianual pode quedar curto para afrontar a renovación da frota, a transición enerxética e o relevo xeracional, e reclamou que as necesidades da pesca pesen de verdade na súa planificación.

No tocante á obriga de desembarque, a conselleira do Mar sinalou que “a propia avaliación da Comisión recoñece que non deu o resultado agardado, e en moitas pesqueiras os descartes veñen de regras excesivamente ríxidas e non de malas prácticas”, polo que avogou por pór o foco na selectividade e na ciencia antes que en sancións. Como exemplo dese desaxuste, expuxo o caso do palangre semipeláxico ('pedra-bola') de Burela, afectado polos peches de augas profundas. Villaverde referiuse ao estudo do Instituto Español de Oceanografía (IEO) —elaborado sobre máis de 6,3 millóns de anzois e no que a pescada representou máis do 90% das capturas cun impacto marxinal sobre especies vulnerables (un fragmento por cada 600.000 anzois)— para pedir que se revise a clasificación técnica desta arte.

Marta Villaverde convidou formalmente aos representantes da DG MARE a visitar Galicia para “amosarlles de primeira man a realidade das nosas comunidades pesqueiras”, e abriu a porta á súa participación directa nas vindeiras xuntanzas do grupo de traballo de pesca da CRPM para manter este diálogo institucional de maneira continua. Lembrou ademais que as rexións pesqueiras deben participar no deseño dos novos plans nacionais e rexionais de asociación, para que as necesidades específicas das comunidades costeiras queden recollidas.

R., 2026-10-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (premios-nacionales-artesania-2026.jpg) Un total de cinco candidaturas galegas optan como finalistas aos XIX Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Galicia convértese así na comunidade con máis finalistas, con candidaturas en catro das cinco categorías. En concreto, os ceramistas Barreiros Artesanía e a deseñadora e redeira Amalia Puga optan ao Premio Produto, mentres que Sandra Vilas é candidata por segundo ano consecutivo ao Premio Emprendemento. Na categoría Promociona para Entidades Privadas, resultou finalista a asociación APAMP e a súa marca A Casa Rodante; e no Promociona para Entidades Públicas, é candidata a Fundación Pública Artesanía de Galicia.
Foto de la tercera plana (xuventude.jpg) O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou que a Xunta vai desenvolver o título II da Lei de Xuventude de Galicia' para mellorar a calidade dos servizos que se prestan á mocidade galega con medidas para 'incrementar o número de monitores nos campamentos ou flexibilizar os requisitos para poder exercer este traballo'. Así se recolle no proxecto de decreto co que se actualiza o segundo título desta normativa que foi avaliado hoxe no Consello da Xunta e que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia 'despois dun longo proceso de participación e diálogo cos axentes implicados' a través de distintos espazos de escoita activa.

Notas

A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela celebra a concesión do Premio Diego Bernal 2027 a Xosé López García, xornalista, doutor en Historia e profesor emérito do centro. A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) acordou por unanimidade concederlle o galardón en recoñecemento a unha traxectoria de case cinco décadas dedicada ao xornalismo, á docencia e á investigación.
No marco do proxecto transfronteirizo Bio Transfer GNP, liderado polo centro de investigación interuniversitario Ecobas, o campus de Ourense acolleu este mércores o lanzamento dunha ferramenta baseada en intelixencia artificial que permite identificar recursos e oportunidades para impulsar a economía circular a partir de subprodutos da cadea de valor alimentaria da eurorrexión Galicia-norte de Portugal.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES