Notas de prensa

Unha ferramenta baseada en IA ofrece un mapa de recursos para aproveitar os subprodutos alimentarios e impulsar a economía circular

No marco do proxecto transfronteirizo Bio Transfer GNP, liderado polo centro de investigación interuniversitario Ecobas, o campus de Ourense acolleu este mércores o lanzamento dunha ferramenta baseada en intelixencia artificial que permite identificar recursos e oportunidades para impulsar a economía circular a partir de subprodutos da cadea de valor alimentaria da eurorrexión Galicia-norte de Portugal.

Bio Transfer GNP (Rede de Transferencia Biocircular para a Valorización dos Recursos Endóxenos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal) é unha iniciativa de cooperación transfronteiriza que busca impulsar a bioeconomía neste territorio, conectando os centros de investigación co tecido empresarial para “transformar os recursos naturais da zona en modelos de negocio máis sostibles e circulares”. Liderado por Ecobas, participan as tres universidades públicas galegas, o Instituto Politécnico do Porto, o Instituto Politécnico de Bragança, o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga), a Associação Portuguesa de BioIndústrias, o Centro para a Valorização de Resíduos e a Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia. Arrancou en xullo de 2025 e rematará a finais de 2027, contando cun orzamento total de 1,05 millóns de euros (790.431 euros financiados polo programa Interreg VI A España–Portugal (Poctep) 2021-2027, con fondos Feder da UE).

“No marco desta colaboración, desenvolvemos unha ferramenta baseada en intelixencia artificial para facer accesible o noso mapa de recursos de economía circular. A interface que creamos permite que calquera persoa, organización ou empresa interactúe de forma dinámica co coñecemento técnico do proxecto, facilitando consultas rápidas sobre como valorizar os recursos”, sinalan desde o proxecto. A ferramenta foi desenvolvida no marco de Bio Transfer GNP por Miguel Rodríguez e Marta Senn (Grupo GEN-Gobernanza, Economía e Natureza da Universidade de Vigo), e André Ribeiro e Tiago Mestrinho (do Centro de Valorizaçào de Residuos). Con ela, o proxecto "pon a disposición pública unha guía interactiva para fomentar a sostibilidade e a innovación” e “unha solución pensada para que empresas e institucións identifiquen oportunidades de economía circular e contribúan a un desenvolvemento económico máis respectuoso co noso medio ambiente”. Deste xeito, indican os responsables da iniciativa, “colaboramos na transformación de mermas, subprodutos ou residuos en novos materiais, suplementos ou fontes de enerxía”.

Toda a información, accesible mediante unha consulta a IA

Este Mapa de Recursos e Subprodutos para a Economía Circular na Industria Agroalimentaria ofrece información detallada sobre os sectores clave da industria agroalimentaria galega e do norte de Portugal, incluíndo os sectores lácteo, cárnico, mariño, bebidas (viño, cervexa e sidra), froitas e verduras e aceite. A través da ferramenta deseñada pódese coñecer información sobre os residuos (subprodutos) xerados nos procesos produtivos que poden ser relevantes para a economía circular, como volumes de produción, principais subprodutos, composición química e posibles vías de valorización. “Toda esta información está accesible mediante unha consulta a IA, especialmente deseñada para este fin. Mediante o diálogo a través do chat coa IA, pódense obter respostas claras sobre a composición de cada subproduto e as súas posibilidades de aproveitamento actuais e potenciais”, apuntan desde a iniciativa. A ferramenta dixital desenvolvida polo consorcio transfronteirizo cuantifica e caracteriza subprodutos industriais da cadea de valor dos alimentos para facilitar a simbiose e a xeración de biocompostos de alto valor engadido mediante intelixencia artificial. Con ela quérese “transformar descartes produtivos en vectores de competitividade estratéxica na eurorrexión Galicia-norte de Portugal”.

Sobre a posta en marcha desta iniciativa, Miguel Rodríguez sinala que “a transición cara a un modelo produtivo circular e descarbonizado demanda superar a dispersión informativa e conectar con precisión a ciencia co tecido empresarial”. Segundo detalla o profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, “a diferenza das habituais plataformas transaccionais punto a punto (frecuentemente condicionadas polo segredo industrial ou reticencias de discrecionalidade empresarial), esta ferramenta aposta pola agregación rigorosa de datos estruturais”. A súa metodoloxía combina estatística oficial de produción sectorial con coeficientes técnicos de orixe bibliográfica e experimental, permitindo estimar con precisión o volume anual de subproduos ou residuos xerados, a súa caracterización físico-química e alternativas de valorización en diferentes usos industriais.

O mapa cobre as cadeas de valor do mar, lácteo, cárnico, bebidas, froitas, verduras e aceites, “identificando oportunidades de valorización que van moito máis alá do uso enerxético convencional ou a compostaxe”. Como exemplo, os promotores da iniciativa sinalan que “a industria conserveira de túnidos non só xera biomasa residual: a súa composición revela dispoñibilidades cuantificables de compoñentes bioactivos como ácido hialurónico para a cosmética, hidroxiapatita para rexeneración ósea en odontoloxía e medicina, e hidrolizados proteicos (FPH) con propiedades antioxidantes e antihipertensivas”.

Para democratizar o acceso ao coñecemento, a matriz multidimensional do mapa foi integrada nunha contorna interactiva asistida por IA xenerativa (Google Notebook-Gemini). Na actualidade, a ferramenta preséntase na súa primeira versión beta, dispoñible a través do apartado de Recursos da páxina web do grupo de investigación GEN. Deste xeito, persoal investigador, pemes e xestores públicos poden “interrogar a base de datos de xeito aberto e flexible, consultando rutas de valorización sen barreiras informáticas”. Trátase, sinalan por último desde o proxecto, “dunha arquitectura minimalista, sostible no tempo e escalable a novos sectores produtivos ou correntes materiais, consolidando a eurorrexión como polo de excelencia en bioeconomía circular”.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-10-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (premios-nacionales-artesania-2026.jpg) Un total de cinco candidaturas galegas optan como finalistas aos XIX Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Galicia convértese así na comunidade con máis finalistas, con candidaturas en catro das cinco categorías. En concreto, os ceramistas Barreiros Artesanía e a deseñadora e redeira Amalia Puga optan ao Premio Produto, mentres que Sandra Vilas é candidata por segundo ano consecutivo ao Premio Emprendemento. Na categoría Promociona para Entidades Privadas, resultou finalista a asociación APAMP e a súa marca A Casa Rodante; e no Promociona para Entidades Públicas, é candidata a Fundación Pública Artesanía de Galicia.
Foto de la tercera plana (xuventude.jpg) O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou que a Xunta vai desenvolver o título II da Lei de Xuventude de Galicia' para mellorar a calidade dos servizos que se prestan á mocidade galega con medidas para 'incrementar o número de monitores nos campamentos ou flexibilizar os requisitos para poder exercer este traballo'. Así se recolle no proxecto de decreto co que se actualiza o segundo título desta normativa que foi avaliado hoxe no Consello da Xunta e que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia 'despois dun longo proceso de participación e diálogo cos axentes implicados' a través de distintos espazos de escoita activa.

Notas

A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela celebra a concesión do Premio Diego Bernal 2027 a Xosé López García, xornalista, doutor en Historia e profesor emérito do centro. A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) acordou por unanimidade concederlle o galardón en recoñecemento a unha traxectoria de case cinco décadas dedicada ao xornalismo, á docencia e á investigación.
No marco do proxecto transfronteirizo Bio Transfer GNP, liderado polo centro de investigación interuniversitario Ecobas, o campus de Ourense acolleu este mércores o lanzamento dunha ferramenta baseada en intelixencia artificial que permite identificar recursos e oportunidades para impulsar a economía circular a partir de subprodutos da cadea de valor alimentaria da eurorrexión Galicia-norte de Portugal.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES