Noticias

A nova Lei de Xuventude de Galicia procurará mellorar a calidade dos servizos á mocidade

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou que a Xunta vai desenvolver o título II da Lei de Xuventude de Galicia' para mellorar a calidade dos servizos que se prestan á mocidade galega con medidas para 'incrementar o número de monitores nos campamentos ou flexibilizar os requisitos para poder exercer este traballo'. Así se recolle no proxecto de decreto co que se actualiza o segundo título desta normativa que foi avaliado hoxe no Consello da Xunta e que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia 'despois dun longo proceso de participación e diálogo cos axentes implicados' a través de distintos espazos de escoita activa como reunións, sesións de traballo, unha caixa de correos ou foros. O obxectivo, segundo explicou Calvo, é 'actualizar e adaptar a normativa ás necesidades xurdidas nos últimos anos'.

O resultado é un documento amplo e técnico que moderniza o decreto do ano 2000 incorporando cambios relativos á tipoloxía de actividades, ao exercicio profesional, ao sistema de ratios ou ás medidas de protección á infancia. 'Queremos mellorar a calidade, a atención e a inclusión nas actividades de lecer e tempo libre como campamentos ou granxas-escola na nosa comunidade', indicou López Campos.

Neste sentido, unha das principais novidades céntrase na ampliación significativa das posibilidades de acceso ao exercicio profesional no ámbito do lecer e o tempo libre. Ata ese momento, a habilitación para exercer como monitor ou monitora ou como persoal directivo proviña exclusivamente dos títulos expedidos polas escolas de tempo libre. Con esta modificación, amplíanse as acreditacións válidas, e admítense ademais certificados profesionais, títulos da formación profesional ou titulacións educativas que incorporen integramente as cualificacións profesionais correspondentes. Deste xeito, harmonízanse as competencias coas do resto do Estado, ao tempo que se amplía o acceso á profesión e se facilita que todas as persoas cualificadas para este traballo poidan levalo a cabo.

Ademais, o novo desenvolvemento 'establece novas ratios' para que o número de monitores varíe, tal e como explicou o conselleiro de Cultura, en función 'da idade dos participantes, o tipo de actividade ou se hai menores con necesidades de apoio'.

Deste xeito, crearanse dous grupos diferenciados. O primeiro deles, específico para aquelas actividades suxeitas a declaración responsable, incluirá uns ratios dunha persoa cada oito participantes menores de nove anos, que se elevará ata dez no caso de rapazada superior a esta idade. No caso daquelas actividades que non precisen de declaración responsable exixirase unha persoa por cada 10 rapaces de menos de 9 anos, e unha persoa por cada 15 nenos ou nenas de máis idade.

Atención á inclusión

Estas ratios poderán variar no caso de que haxa participantes con discapacidade que precisen apoio. Deste xeito, cada caso deberá ser avaliado de xeito específico para sopesar a mellora do equipo de traballadores en función das necesidades co fin de dotalo do persoal necesario, coa formación e experiencia adecuadas, para garantir a súa inclusión e participación efectiva.

Ademais destes cambios substanciais, a nova regulación tamén atende á tipoloxía das actividades, incorporando novas categorías que non existían no anterior decreto, pero que están xa consolidadas como poden ser os campamentos urbanos, os obradoiros ou as excursións, e aos requisitos das instalacións xuvenís ao introducir regulación detallada que contribúa a garantir o benestar dos usuarios e a calidade do servizo prestado.

Finalmente, o decreto eleva a rango normativo a práctica do envío de oficio do Carné Xove ás persoas que cumpriron 12 anos no último ano, regulación que non existía no anterior normativa da Lei de xuventude de 2012.

R., 2026-10-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (mariscadoras.JPG) O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou esta mañá de que o Consello deu luz verde aos textos 'dos estatutos das mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro de Galicia', que entran así na súa última fase de tramitación coa súa remisión ao Consello Consultivo para que emita o informe preceptivo 'e estean aprobados a finais de ano'. Este trámite, que coincide coas vésperas do Día Internacional das Mulleres Rurais -que se conmemora cada 15 de outubro- busca 'avanzar no recoñecemento das mulleres' destes eidos e 'mellorar o seu acceso a novas oportunidades e recursos'. Ambos documentos buscan ademais, tal e como explicou Calvo, visibilizar a súa contribución ao desenvolvemento territorial; garantir o seu acceso en igualdade a dereitos, oportunidades e recursos; fomentar a contratación feminina en profesións masculinizadas ou impulsar a titularidade compartida en explotacións e embarcacións.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) A economía galega medrará catro décimas máis do previsto hai un ano, cando se elaboraron os orzamentos vixentes. Así se desprende do Informe sobre as previsións macroeconómicas que se incluirán nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027, elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e que hoxe foi avalado pola AIReF. Deste xeito, segundo constata o documento, Galicia medrará máis do previsto para este ano. Non en van, se en xullo, cando se aprobou o teito de gasto non financeiro, a Comunidade xa mellorou a previsión de crecemento que estaba nos orzamentos para este ano en dúas décimas, pasando do 1,9 % ao 2,1 %, agora volve a facelo, mellorando noutras dúas décimas (ata o 2,3 %) a previsión para o peche de 2026.

Notas

A Rede de Centros Singulares de Investigación da USC conmemora o 24 de outubro o 10º aniversario de Ciencia Singular, a xornada de portas abertas que desde 2017 achega a miles de persoas o labor científico punteiro da USC. Esta iniciativa cumpre unha década ofrecendo á cidadanía a oportunidade de coñecer o traballo que realizan centos de investigadores en química, tecnoloxías intelixentes, medicina molecular, física de partículas ou tecnoloxías ambientais, descubrindo a aplicación práctica do coñecemento científico.
Entre os meses de outubro de 2026 e xuño de 2027 desenvolverase o VI Plan Ciencia de ida e volta, unha nova tempada de actividades de divulgación científica na UVigo, impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (co financiamento da FECYT-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Ao longo de nove meses sucederase un amplo programa de actividades de lecer científico, co que a UVigo volverá sacar a ciencia dos laboratorios ás rúas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES