Noticias

A Xunta dá luz verde aos textos dos Estatutos das mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou esta mañá de que o Consello deu luz verde aos textos 'dos estatutos das mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro de Galicia', que entran así na súa última fase de tramitación coa súa remisión ao Consello Consultivo para que emita o informe preceptivo 'e estean aprobados a finais de ano'. Este trámite, que coincide coas vésperas do Día Internacional das Mulleres Rurais -que se conmemora cada 15 de outubro- busca 'avanzar no recoñecemento das mulleres' destes eidos e 'mellorar o seu acceso a novas oportunidades e recursos'. Ambos documentos buscan ademais, tal e como explicou Calvo, visibilizar a súa contribución ao desenvolvemento territorial; garantir o seu acceso en igualdade a dereitos, oportunidades e recursos; fomentar a contratación feminina en profesións masculinizadas ou impulsar a titularidade compartida en explotacións e embarcacións.

Os dous textos establecen medidas concretas para fomentar o emprego, a formación, a conciliación, a saúde laboral e o emprendemento feminino, así como a participación das mulleres nos espazos de decisión e representación e para reforzar o dereito a estar protexidas de todas as formas de violencia. A aprobación destes estatutos constitúe unha ferramenta clave para avanzar na garantía de dereitos, oportunidades e recoñecemento efectivo das mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro como axentes protagonistas do desenvolvemento sostible de Galicia.

Mulleres do rural

O conselleiro tamén salientou que o Estatuto das mulleres do rural contempla entre os seus contidos o de promover que, polo menos, 'o 40 % das persoas integrantes dos órganos de goberno das asociacións profesionais, empresariais e sindicais do ámbito agrario e agroalimentario sexan mulleres'.

Ademais, entre os seus obxectivos figuran o de promover o acceso das mulleres ao traballo agrario e fomentar o autoemprego e o emprendemento feminino, co fin de reducir as taxas de paro e aumentar a ocupación feminina no sector agrario; profesionalizar a actividade laboral das mulleres a través da mellora da súa formación, capacitación e do apoio ao desenvolvemento da súa carreira profesional; promover a igualdade e visibilización das mulleres vinculadas ao monte, co recoñecemento do seu papel clave na sustentabilidade, prevención de incendios, e conservación do territorio.

Con este estatuto tamén se persegue promover o acceso á formación e á capacitación das mulleres do rural; fomentar accións de sensibilización en igualdade; propiciar a corresponsabilidade e as medidas de conciliación nas zonas rurais ou fomentar a seguridade e saúde no traballo das mulleres rurais. Así mesmo, tratase de promover a dignificación salarial no sector agrario e no sector servizos, especialmente nos servizos de atención no fogar e coidados.

Para acadar estes obxectivos poderanse adoptar, entre outras, medidas como a de incentivar a cotitularidade das explotacións agrarias e das empresas agroalimentarias ou adoptar decisións correctoras específicas, cando proceda, naqueles programas, axudas ou políticas públicas nas que se detecte unha situación de desigualdade ou infrarrepresentación das mulleres no acceso a dereitos, recursos produtivos, titularidade, formación ou financiamento.

Ademais, consonte a este estatuto, a Xunta velará porque as mulleres do rural gocen de xeito efectivo de dereitos xa recoñecidos no ordenamento xurídico, sen que poida haber desigualdades por razón de sexo ou por traballar ou vivir nunha zona rural. Trátase de dereitos como os de participar na formulación e execución en condicións de igualdade dos plans de desenvolvemento rural; acceder á formación para aumentar as súas competencias técnicas e dixitais; organizar grupos de autoaxuda e constituír asociacións e cooperativas, co fin de acceder en condicións de igualdade ás oportunidades económicas mediante o emprego por conta propia ou allea; acceder ao uso da terra en condicións de igualdade ou o dereito a estar protexidas de todas as formas de violencia.

Mulleres do mar

O texto do Estatuto das mulleres do sector marítimo-pesqueiro de Galicia senta as bases normativas para facer efectivo o dereito á igualdade de trato e oportunidades, eliminar calquera forma de discriminación, mellorar as condicións de traballo e seguridade laboral, fomentar a conciliación e impulsar a presenza das mulleres nos órganos de gobernanza e decisión do sector do mar.

Así, por exemplo, no ámbito laboral 'incorpora a perspectiva de xénero' nas políticas activas de emprego e nos servizos de intermediación laboral, e promove a contratación por conta allea en áreas onde as mulleres estean subrepresentadas. Ademais, introduce a prevención de riscos laborais con perspectiva de xénero interseccional, adaptando ferramentas, postos e equipos de traballo ás diferenzas anatómicas, e promove a adecuación de espazos para garantir a intimidade a bordo das embarcacións e a priorización en axudas a empresas que conten con protocolos fronte ao acoso sexual e por razón de sexo.

Ao tempo, foméntase a participación equilibrada de mulleres nos órganos de goberno e decisión de confrarías, asociacións, cooperativas e sociedades e aléntase a iniciativa empresarial feminina prioritariamente no eido da economía social, prevendo que as liñas de axudas da Consellería do Mar prioricen investimentos e modernización con perspectiva de xénero. Neste sentido, cómpre salientar que se modifica o regulamento do Consello Galego de Pesca para garantir a incorporación de vogais en representación das organizacións orientadas á defensa dos dereitos das mulleres do mar.

Así mesmo, o texto aprobado hoxe polo Consello establece campañas de difusión social, crea o galardón institucional Premio Muller do Mar, adapta a recollida estatística con variables desagregadas de xénero, garante a participación no Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar e impulsa a figura da titularidade compartida en embarcacións e explotacións.

R., 2026-10-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (mariscadoras.JPG) O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou esta mañá de que o Consello deu luz verde aos textos 'dos estatutos das mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro de Galicia', que entran así na súa última fase de tramitación coa súa remisión ao Consello Consultivo para que emita o informe preceptivo 'e estean aprobados a finais de ano'. Este trámite, que coincide coas vésperas do Día Internacional das Mulleres Rurais -que se conmemora cada 15 de outubro- busca 'avanzar no recoñecemento das mulleres' destes eidos e 'mellorar o seu acceso a novas oportunidades e recursos'. Ambos documentos buscan ademais, tal e como explicou Calvo, visibilizar a súa contribución ao desenvolvemento territorial; garantir o seu acceso en igualdade a dereitos, oportunidades e recursos; fomentar a contratación feminina en profesións masculinizadas ou impulsar a titularidade compartida en explotacións e embarcacións.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) A economía galega medrará catro décimas máis do previsto hai un ano, cando se elaboraron os orzamentos vixentes. Así se desprende do Informe sobre as previsións macroeconómicas que se incluirán nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027, elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e que hoxe foi avalado pola AIReF. Deste xeito, segundo constata o documento, Galicia medrará máis do previsto para este ano. Non en van, se en xullo, cando se aprobou o teito de gasto non financeiro, a Comunidade xa mellorou a previsión de crecemento que estaba nos orzamentos para este ano en dúas décimas, pasando do 1,9 % ao 2,1 %, agora volve a facelo, mellorando noutras dúas décimas (ata o 2,3 %) a previsión para o peche de 2026.

Notas

A Rede de Centros Singulares de Investigación da USC conmemora o 24 de outubro o 10º aniversario de Ciencia Singular, a xornada de portas abertas que desde 2017 achega a miles de persoas o labor científico punteiro da USC. Esta iniciativa cumpre unha década ofrecendo á cidadanía a oportunidade de coñecer o traballo que realizan centos de investigadores en química, tecnoloxías intelixentes, medicina molecular, física de partículas ou tecnoloxías ambientais, descubrindo a aplicación práctica do coñecemento científico.
Entre os meses de outubro de 2026 e xuño de 2027 desenvolverase o VI Plan Ciencia de ida e volta, unha nova tempada de actividades de divulgación científica na UVigo, impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (co financiamento da FECYT-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Ao longo de nove meses sucederase un amplo programa de actividades de lecer científico, co que a UVigo volverá sacar a ciencia dos laboratorios ás rúas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES