Noticias

A RAGC celebra o Día da Ciencia en Galicia, dedicado á oceanógrafa Aida Fernández Ríos, e entrega as Medallas de Investigación

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia e abrindo camiños para outros. Demostrou que se pode estar profundamente ligado a este país e, ao mesmo tempo, participar na ciencia internacional de maior nivel'.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou hoxe en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como ‘Científica Galega 2026’. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade.

Ao evento, presidido pola reitora da Universidade de Santiago, Rosa Crujeiras, asistiron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o presidente da RAGC, Juan Lema; a directora de Gain, Carmen Cotelo; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; o vicerreitor de Investigación da Universidade de Vigo, Manuel Martínez; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra; a vicepresidenta adxunta de Áreas Científico-Técnicas do CSIC, Elena Cartea; a delegada do CSIC en Galicia, Carmen González; así como académicas e académicos da RAGC e representantes de institucións políticas, científicas, educativas, culturais e de investigación galegas.

O presidente da Academia destacou que “Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia e abrindo camiños para outros. Demostrou que se pode estar profundamente ligado a este país e, ao mesmo tempo, participar na ciencia internacional de maior nivel. Ese é posiblemente un dos legados máis valiosos que podemos recoller da súa figura: desde Galicia pódese contribuír aos grandes problemas da ciencia”.

Durante o evento proxectouse un vídeo no que se aborda a traxectoria vital e profesional da homenaxeada. E presentouse a revista da Academia “A Ciencia en Galicia”, dedicada neste número a Aida Fernández Ríos, e na que se recolle ademais a principal actividade da RAGC e os fitos científicos máis relevantes no último ano na nosa comunidade.

O investigador Gabriel Rosón salientou que “Aida contribuíu de maneira decisiva ao coñecemento do océano nun planeta sometido á crecente influencia humana”

Gabriel Rosón é catedrático da facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo e traballou coa homenaxeada no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CISC), centro no que Aida desenvolveu a súa traxectoria profesional e foi primeira muller en dirixilo. Impartiu unha conferencia na que explicou que os primeiros traballos cientificos de Aida enfocáronse primeiro en avaliar e comprender as causas da extraordinaria riqueza das rías galegas, para logo estudar as masas de auga do Atlántico Norte. Salienta que impulsou unha liña innovadora centrada nos intercambios de CO₂ entre o océano e a atmosfera. Neste contexto, desenvolveu un sistema pioneiro para medir de xeito continuo a presión de CO₂ na auga do mar. Deseñado para operar de maneira completamente automática a bordo de buques oceanograficos, este sistema permitiu obter rexistros continuos de CO₂ tanto na auga como na atmosfera.

O investigador indicou que Aida contribuíu ao desenvolvemento de métodos destinados a cuantificar o dióxido de carbono procedente de actividades humanas almacenado no interior do océano. “Un fito fundamental desta liña foi a súa participación nun artigo publicado na revista Science en 2004, o primeiro estudo que determinou de maneira global a cantidade de CO₂ de orixe humana acumulada no océano. O traballo demostrou que arredor do 40% das emisións foran absorbidas polo océano, poñendo de relevo o seu papel esencial como sumidoiro de CO₂ e como regulador do clima terrestre. Esta capacidade de almacenamento oceánico permitiu atrasar en aproximadamente 15 anos os impactos máis inmediatos do cambio climatico, ao reducir a velocidade de acumulación de CO₂ na atmosfera” -sinalou-.

“Os traballos posteriores de Aida dirixíronse a estudar a acidificacion do océano, unha das consecuencias máis directas do aumento do CO₂ causado pola actividade do home. Os seus estudos puxeron de manifesto que a acidificación oceánica é un cambio químico profundo, silencioso e e de longo alcance, con consecuencias negativas para os ecosistemas mariños” -apuntou Rosón-. O catedrático concluíu a súa intervención destacando que “Aida soubo conectar procesos locais das rías galegas con desafíos ambientais globais, contribuíndo de maneira decisiva ao coñecemento do océano nun planeta sometido á crecente influencia humana”.

Entrega das Medallas de Investigación de Galicia

O presidente da RAGC, Juan Lema, salientou que “hoxe é un día para recoñecer a excelencia científica de Galicia. A Real Academia Galega de Ciencias entrega as súas Medallas de Investigación a cinco científicos e científicas que representan moi ben a calidade e tamén a diversidade da investigación que se fai no nosa comunidade. As Medallas son tamén unha forma de estimular os nosos investigadores e investigadoras e de dar a coñecer á sociedade o seu traballo e o seu esforzo, que non sempre reciben a visibilidade e o recoñecemento que merecen”.

Mabel Loza, Medalla de Investigación en Bioloxía e Ciencias da Saúde, é catedrática de Farmacoloxía na Universidade de Santiago e directora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). Recibe este recoñecemento pola súa contribución ao descubrimento temperán de fármacos, que sitúa a Galicia como líder nacional e un dos polos de innovación europeos no sector. O presidente destacou que “representa de maneira extraordinaria a capacidade de converter coñecemento biomédico en novas oportunidades terapéuticas”.

Sebastian Villasante, profesor de Economía Aplicada da USC e investigador do CRETUS (Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais), recibiu a medalla da sección de Ciencias Económicas e Sociais por converter a Galicia nun referente internacional no estudo do impacto socioeconómico do cambio climático nos océanos. “O seu traballo incorporou ao estudo dos ecosistemas mariños as persoas que viven deles, as comunidades costeiras, as institucións e os mecanismos económicos que determinan o uso dos recursos” -afirmou Lema-.

Leandro Alejano, catedrático de Mecánica das Rochas na Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, foi galardoado en Ciencias Técnicas por ter impulsado a mellora da seguridade das explotacións mineiras. “O coñecemento da mecánica das rochas resulta fundamental para a seguridade das explotacións mineiras, das grandes obras civís e de numerosas intervencións sobre o territorio. O seu traballo combinou investigación, desenvolvemento de metodoloxías e aplicación a problemas concretos” -sinalou o presidente-.

Rosa Crujeiras, catedrática de Estatística e Investigación Operativa na Universidade de Santiago e actual reitora da USC, foi recoñecida no eido das Matemáticas, Física e Ciencias da Computación como grande impulsora da transferencia da investigación matemática á industria. “Representa o enorme valor que adquiriu a estatística nunha sociedade baseada cada vez máis nos datos. A súa é unha maneira moderna de entender a investigación, aberta á colaboración con outras disciplinas e atenta aos problemas que formula a sociedade” -apuntou Lema-.

Francisco Rivadulla, catedrático de Química Física da USC e investigador do CiQUS -Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares-, experto no deseño de novos materiais para a conversión de enerxía, recibiu a medalla da sección de Química e Xeoloxía. “O seu traballo sobre novos materiais é un ámbito particularmente relevante para moitas das tecnoloxías que determinarán o noso futuro” -destacou o presidente-.

R., 2026-10-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (economia-porcentaje.jpg) O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, avanzou hoxe que as contas da Xunta para o ano 2027 continuarán a reforzar o gasto social, cunha suba por riba da media do crecemento do orzamento e con melloras no acceso á vivenda, a máxima prioridade desta lexislatura. Así mesmo, o Goberno galego seguirá comprometido coa transformación do modelo produtivo cunha aposta polo investimento en I+D+i e pola mellora da formación para impulsar o crecemento empresarial. Ademais de aproveitar a riqueza dun Xacobeo 2027, 'que queremos que sexa o mellor da historia'.
Foto de la tercera plana (veran-calor-ferrol.jpg) Galicia rexistrou un mes de setembro seco e moi cálido, cunha temperatura media de 20,4 graos, é dicir, 2,4 graos por riba do habitual nesta época do ano. De feito, foi o segundo setembro máis caloroso na Comunidade desde 1961 (ano de inicio da serie histórica), tan só superado polo de 2018. Así consta no último informe climatolóxico mensual de MeteoGalicia, presentado esta mañá en Santiago de Compostela. O comportamento do mes pasado estivo marcado no conxunto da Comunidade polas altas temperaturas, moi por riba do habitual nesta época do ano, e por varios episodios de calor que se sucederon ao longo das catro semanas. A explicación estivo fundamentalmente no predominio das xornadas anticiclónicas.

Notas

A Coruña converterase do 21 ao 23 de outubro nun punto de encontro de referencia para o debate sobre a transformación dixital da Xustiza coa celebración da quinta edición do DATAfórum Justicia 2026. O encontro reunirá máis de 180 especialistas e máis dun milleiro de asistentes para analizar o impacto das novas tecnoloxías, dos datos e da intelixencia artificial no presente e no futuro do sistema xudicial.
Na vangarda do desenvolvemento tecnolóxico, o avances no sector aeronáutico e aeroespacial teñen impacto en moi diferentes sectores, desde o uso de drons para optimizar a agricultura ata a monitorización de incendios. Co obxectivo de afondar en como a innovación aeroespacial está a redefinir a xestión ambiental e agraria e a resposta aos grandes retos ecolóxicos actuais, o campus de Ourense acolle este xoves e venres a celebración do VI Congreso Internacional do Campus Auga.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES