Notas de prensa

Quince centros educativos participarán na VII edición de Talentos Inclusivos durante o curso 2026-2027

Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.

Na provincia da Coruña participarán o IES de Ortigueira, de Ortigueira; o IES Sofía Casanova, de Ferrol; o IES Maximino Romero de Lema, de Zas; o IES Rego de Trabe e o CIFP Universidade Laboral, de Culleredo; o IES Plurilingüe Eusebio da Guarda e o CPR Calasanz - PP Escolapios, da Coruña; o IES Breamo, de Pontedeume; o CPR Plurilingüe Montespiño, tamén de Culleredo; e o IES As Telleiras, de Narón.

Na provincia de Lugo foron seleccionados o IES da Terra Chá José Trapero Pardo, de Castro de Rei, e o CPI Plurilingüe de Castroverde, situado nesta localidade. En Ourense, participará o CPR Plurilingüe Santa Teresa de Jesús, da cidade de Ourense. Pola súa banda, na provincia de Pontevedra incorpóranse o IES Ribeira do Louro e o IES Pino Manso, ambos os dous do Porriño.

Tecnoloxía ao servizo da inclusión

Talentos Inclusivos ten como obxectivo incrementar os coñecementos e as competencias do alumnado en ciencia e tecnoloxía mediante a súa participación activa e colaborativa no deseño de solucións tecnolóxicas dirixidas a persoas con discapacidade.

O programa conta coa colaboración da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no marco do seu convenio co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña.

A iniciativa busca combinar a atención á diversidade co desenvolvemento do talento do alumnado, fomentar o traballo en equipo e contribuír a visibilizar as persoas con discapacidade, promovendo unha educación máis inclusiva a través da innovación tecnolóxica.

Durante o curso, estudantes de ESO, Bacharelato e ciclos formativos de Formación Profesional traballarán en grupos colaborativos xunto con persoas usuarias das entidades participantes de atención a persoas con discapacidade. Os equipos contarán co acompañamento do profesorado, do persoal investigador do CITIC e de profesionais das entidades colaboradoras.

Os retos tecnolóxicos definiranse durante os primeiros meses do proxecto a partir das necesidades e propostas das distintas persoas participantes. As solucións estarán orientadas á rehabilitación, á accesibilidade e á mellora da calidade de vida, e poderán abordar ámbitos como os sistemas aumentativos e alternativos de comunicación, a realidade aumentada, a robótica aplicada á rehabilitación, a domótica de baixo custo, a impresión 3D e os produtos de apoio para o acceso ao ordenador, entre outros.

Cada reto poderá contar cun máximo de dez estudantes, e cada centro educativo terá a posibilidade de participar en varios proxectos, ata un máximo de 40 alumnos e alumnas.

Cooperación e sensibilización durante o curso

Os centros seleccionados comprométense a traballar conxuntamente coas entidades colaboradoras, realizar un seguimento periódico dos retos e organizar actividades de sensibilización sobre a discapacidade dirixidas á comunidade educativa.

A convocatoria contempla reunións mensuais en liña para o seguimento dos proxectos e a participación presencial nos actos de apertura e clausura do programa. O acto final desta sétima edición está previsto para o 11 de xuño de 2027, cando o alumnado e o profesorado presentarán o traballo desenvolvido xunto co resto das persoas integrantes dos seus equipos.

Sobre Talentos Inclusivos

Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña) e ASPACE Coruña, que conta co apoio do Consello Social da UDC, do Concello da Coruña, da Xunta de Galicia e da FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre a mocidade e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo que desenvolven solucións tecnolóxicas a retos formulados por persoas con parálise cerebral.

A través deste proxecto, estudantes de secundaria, bacharelato e formación profesional de diversos institutos de Galicia deben buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos propostos por persoas usuarias das entidades ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Roja A Coruña.

Talentos Inclusivos conta tamén co apoio de persoas voluntarias de Inditex, que ofrecen asesoramento no desenvolvemento dos retos.

Máis información: https://talentosinclusivos.citic.udc.es/

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que impulsa o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A súa actividade científica estrutúrase en catro áreas principais de investigación: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, ademais dunha área transversal a todas elas: a Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e é membro da Rede CIGUS para o período 2024–2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e, nun 60 %, pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021–2027, co obxectivo temático de promover «unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora» (ED431G 2023/01).

Universidade da Coruña (UDC), 2026-10-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES