Noticias

Mellora a satisfacción dos galegos coa súa vida e a percepción sobre a súa saúde

A satisfacción dos galegos coa súa vida e a percepción sobre a súa saúde mellora respecto aos datos do ano 2019 segundo a última enquisa do Instituto Galego de Estatística. O IGE vén de publicar o módulo específico da Enquisa estrutural a fogares dedicado ao estudo do capital social para o ano 2024, unha operación dedicada a coñecer o grao de benestar dos galegos maiores de 16 anos. Esta enquisa xa se realizou previamente nos anos 2014 e 2019, cuxos datos completos e actualizados poden consultarse na web do IGE. No 2024, o grao de satisfacción dos galegos e galegas coa súa vida foi de 7,31 nunha escala de 0 a 10, sendo 0 nada satisfeito/a e 10 plenamente satisfeito/a, puntuando por riba de 7 o 73,71 % dos enquisados.

Xeograficamente, a cidadanía de Lugo Oriental (A Fonsagrada, Os Ancares e Sarria) e Ourense Sur (A Limia, Baixa Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana) son os que máis satisfeitos están.

Estas cifras amosan unha melloría continuada respecto ao ano 2014, no que a media de satisfacción foi de 6,74 e o 59,82 % puntuaron por riba de 7, e 2019, cunha media de 7,15 e unha porcentaxe de 68,36.

Outros compoñentes que tamén forman parte da enquisa son a calidade das relacións persoais dos residentes na nosa comunidade, preguntas sobre solidariedade e comportamento cidadá, o grao de confianza nas persoas e institucións ou os principais problemas das vivendas.

Estado de saúde e emocional

A enquisa tamén revela información sobre a percepción dos residentes na comunidade autónoma de Galicia do seu estado de saúde e emocional. Así, o ano pasado, o 64,1 % dos galegos valoraron o seu estado de saúde como bo ou moi bo, mellorando en case 4 puntos as cifras do ano 2019, 60,19 %, e case 8 as do 2014, 57,33 %.

En canto ao estado emocional dos galegos, o 60,86 % manifestou sentirse feliz sempre ou case sempre durante as catro semanas previas á entrevista. Unha cifra que de novo mellora o dato do ano 2019, que foi do 59,16 %, e 2014, do 57,12 %.

Seguridade pola rúa

Outro dos datos que se poden extraer dos datos achegados polo IGE refírese ao nivel de seguridade que senten os galegos ao camiñar sós de noite por onde viven. Neste senso, o 80,37 % da poboación declara sentirse bastante ou moi segura nesta situación, unha cifra que mellora a do ano 2019, que foi do 74,35 %, e a do 2014, do 72,74 %.

R., 2025-09-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES