
A aposta da Xunta polo ensino híbrido, que este curso se afianzou coa actualización do proxecto E-dixgal, así como o impulso da futura Lei de ensino dixital, pioneira neste eido, son dous dos elementos distintivos do modelo galego que o fixeron merecedor deste galardón de carácter estatal que, segundo o conselleiro Román Rodríguez, supoñe un aval ao continuo labor que levamos facendo nos últimos anos grazas a un diálogo permanente con todos os axentes que integran a comunidade educativa. Na súa intervención, subliñou a necesidade de abordar os retos tecnolóxicos con sentido común para sacarlle o máximo rendemento ás competencias dixitais desde unha perspectiva didáctica e sempre poñendo o alumno no centro das decisións.
Ademais, para seguir a avanzando no modelo híbrido de ensino, a través da plataforma cREAgal veñen de lanzarse novos materiais e recursos educativos en aberto.
Así mesmo, un dos proxectos máis salientables impulsados pola Xunta é a futura lei de educación dixital, que regulará os dereitos e deberes dos membros da comunidade educativa ante novos desafíos como a intelixencia artificial. Cómpre destacar o carácter integral desta normativa que aspira a ser referente tanto dentro como fóra de Galicia, xa que a día de hoxe non existe ningunha deste tipo a nivel estatal e non consta en Europa.
Mesa con representantes autonómicos
Así o expuxo o conselleiro que, trala recoller o galardón, participou no panel Políticas públicas de dixitalización educativa: prioridades autonómicas organizado polo Observatorio Nacional de Educación Dixital, xunto co conselleiro de Educación e Universidades do Goberno de Baleares, Antony Vera, o viceconselleiro de Educación do Goberno de Canarias, José Manuel Cabrera, e o viceconselleiro de Desenvolvemento Educativo e Formación Profesional da Xunta de Andalucía, Pablo Quesada.
Así mesmo, no panel Retos e propostas de acción: primeiros pasos dos Grupos de Expertos do ONED, participou o xerente de Proxectos de Educación da área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, Manuel Ángel García.
Román Rodríguez debullou o conxunto de iniciativas que está levando a cabo Galicia no eido da dixitalización e a tecnoloxía encamiñadas ao obxectivo prioritario de consolidar o modelo galego de ensino híbrido, onde as ferramentas tradicionais se complementan coas novas tecnoloxías co fin de garantir a mellor formación do alumnado. Para isto é necesario dotalo de competencias dixitais para poder desenvolverse dun xeito responsable, seguro, crítico e competitivo.
Sobre o Observatorio Nacional da Educación Dixital
O Observatorio Nacional de Educación Dixital creouse como unha iniciativa de colaboración público-privada de organizacións e administracións públicas no eido educativo e da innovación. Está integrado por Siena Educación, Aulaplaneta, Fundación Cotec, Fundación Princesa de Girona, Universidade Internacional de Valencia, Microsoft, Intel, Samsung, Escuela21 e Code.org.
O seu obxectivo é promover a mellora continua da educación dixital en España mediante a investigación, a análise e a difusión de boas prácticas e políticas efectivas, así como crear espazos para a reflexión e a xeración de coñecemento orientado a mellorar a calidade da educación dixital nun contexto social cada vez máis dixitalizado e en constante cambio.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.