Notas de prensa

A G-Night superará as 200 actividades na súa quinta edición

Cando se cumpre un lustro do seu nacemento, a G-Night, Noite das Persoas Investigadoras, achegará o vindeiro 26 de setembro máis de 200 actividades de divulgación científica ás sete principais cidades de Galicia. Baixo o lema 'Conciencias creativas', as sete cidades serán escenarios de decenas de actividades para achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, especialmente entre a mocidade, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo.

Así, miles de persoas, como as máis de 7000 que se deron cita na pasada edición, poderán achegarse de xeito lúdico ao mundo dos robots, ao cifrado matemático, ás aplicacións da IA, á seguridade viaria, ao efecto invernadoiro, microplásticos ou mesmo ás lesións muscoesqueléticas dos músicos. Charlas sobre aprendizaxe de linguas, unha camiñada para descubrir a pegada de Castelao en Pontevedra ou un obradoiro de escrita antiga, son só unha pequena mostra das actividades das que poderán gozar as persoas que participen na G-Night, tanto nos campus, como nas cidades de Vigo, Ourense Pontevedra.

Coordinada pola UVigo, á fronte dun consorcio no que participan as universidades de Santiago e Coruña, varios institutos do CSIC (IEGPS, IEO, MBG, IIM e Incipit), centros oceanográficos de Vigo e A Coruña do Instituto Español de Oceanografía e outros centros de investigación galegos de como o INIBIC, IDIS, CITMAga e CESGA, desta volta, a G-Night desenvólvese como un evento asociado a un proxecto europeo, empregando os recursos propios das entidades implicadas e co apoio da Xunta de Galicia a través da GAIN, Axencia Galega de Innovación dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Un exemplo de coordinación e traballo en rede

O edificio Redeiras da UVigo foi este mediodía o escenario da presentación da G-Night, na que participaron as vicerreitoras de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, Belén Rubio; a súa homólogas de Política Científica da USC, Pilar Bermejo e de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC, Cristina Naya; a directora da GAIN, Carmen Cotelo e a responsable da UCC do IIM, Luísa Martínez.

“Xuntos somos máis fortes e así o noso sistema de innovación medrará”, dixo Belén Rubio, que gabou o traballo de coordinación desenvolvido pola ducia de institucións que participan na organización da G-Night, así como dos centros de investigadores e investigadoras que tomarán parte na edición deste ano e da UCC+i. “Facémolo con ilusión, porque queremos achegar o noso traballo á cidadanía”, dixo Rubio que incidiu na interdisciplinariedade das máis de 200 actividades que se desenvolveran este ano ao abeiro da Noite Galega das Persoas Investigadoras. Pola súa banda, a vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC, Cristina Naya, agradeceu a coordinación da UVigo nun evento no que destacou que “é froito o traballo de moitas horas e persoas”, así como a importancia de desenvolver unha actividade en rede. Mentres, a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo, puxo en valor a “transcendencia deste tipo de eventos para relacionarnos coa contorna, así como o interese das institucións participantes en desenvolver este tipo de actividades.

Para a directora da GAIN, Carmen Cotelo, a G-Night “permite dar visibilidade social ao labor do persoal investigador galego”, ao tempo que lembrou o interese da Xunta en reter e retornar o talento investigador e “crear conciencia científica e dar visibilidade e posicionar a I+D+i galega como un referente”. Mentres, a responsable da UCC do IIM, Luísa Martínez, agradeceu a coordinación da UVigo, destacando a participación de media ducia de centros do CSIC no evento coa organización de diversas actividades nos ámbitos das ciencias sociais e experimentais.

Tres cidades e máis de corenta actividades no sur de Galicia

Vigo converterase o vindeiro 26 de setembro nun gran escenario científico coa G-Night, que terá o seu epicentro no interior e no exterior no Edificio Redeiras. O evento, que conta co apoio do Concello e co financiamento do Consello Social da Universidade de Vigo, reunirá preto de trinta postos nos que as persoas asistentes poderán gozar en directo de experimentos e das explicacións do persoal docente e investigador da UVigo nos ámbitos científico, da enxeñaría ou das ciencias sociais. A esta iniciativa sumaranse actividades como unha nova edición de Ciencia no Bar no Café De Catro a Catro con charlas sobre a funga de Madagascar ou a realidade virtual inmersiva.

A programación da UVigo na cidade olívica complétase coa segunda edición de Ciencia na Biblio, cunha charla sobre a aprendizaxe de linguas na Biblioteca Xosé Neira Vilas. Ademais, no local de EMAÚS levaranse a cabo seis obradoiros científicos organizados polo IEO-CSIC e o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) celebrará unha xornada de portas abertas dirixida ao persoal dos comercios de Vigo que participaron na iniciativa Escaparates Oceánicos.

Pola súa banda, en Ourense será posible viaxar ao pasado cun obradoiro de escrita antiga na Facultade de Historia e reflexionar sobre igualdade e dereitos no Café Torgal, a través dunha proposta de Ciencia no Bar centrada na xustiza social. Mentres, Pontevedra acollerá a Camiñada Castelao, que permitirá descubrir a pegada e a obra do autor na cidade, e tamén un escape room científico organizado pola Misión Biolóxica do CSIC arredor do cambio climático.

Principais actividades nas cidades do norte

O claustro do Colexio de Fonseca será este ano o epicentro da G-Night en Santiago, onde se concentrarán preto de vinte stands científicos de diversos centros de investigación da USC, nunha xornada que tamén incluirá catro faladoiros no Pazo de San Xerome, coorganizados polo CITMAga e a USC, nos que se tratarán temas de actualidade científica e innovación. Pola súa banda, o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) abrirán as súas portas ao público para ofrecer xornadas de divulgación científica. Así mesmo, as persoas interesadas tamén poderán inscribirse nunha andaina guiada polo casco vello de Santiago, que percorrerá a pegada das mulleres nas rúas da cidade, mentres que o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) ofrecerá visitas guiadas ás súas instalacións.

Na Coruña, haberá visitas concertadas de escolares á DOMUS, que acollerá tres obradoiros científicos sobre a vida celular das enfermidades, a importancia do sono e a intersección entre enxeñaría e medicina. Tamén o CITENI acollerá unha visita escolar guiada na Escola de Náutica e Máquinas pola mañá. Xa pola tarde, a dársena da Mariña será o punto de encontro de distintas actividades organizadas pola UDC, coa participación do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), da Asociación Española contra o Cancro da Coruña, do CICA e do CITEEC. Outro dos pratos fortes da xornada será o programa de charlas científicas en formato exprés, cunha duración de 15 minutos, que se desenvolverá na dársena da Mariña e no bar Ãrnica. Para completar a programación da cidade herculina, o MUNCYT acollerá unha feira científica con diversos stands e haberá visitas guiadas no CITIC e no CITEEC, ademais dunha andaina científica no campus de Elviña.

Pola súa parte, Ferrol contará con experiencias arredor da enxeñaría, a economía ou o márketing político no Centro Cívico de Canido, xunto con visitas ás infraestruturas de investigación do CITENI, onde terán lugar obradoiros para escolares pola mañá, que pola tarde se abrirán ao público xeral.Poa súa banda, Lugo ofrecerá decenas de obradoiros na Praza de Abastos e no Mercado Municipal, que coorganizados pola USC, Xuvenciencia e Agromar, abranguerán dende postos de biomedicina ou botánica ata experiencias inmersivas para explorar o futuro da enerxía e da saúde.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-09-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (morris-antonioduran.jpeg) A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas acordou conceder o Premio Xiria ao Labor Teatral 2026 ao actor Antonio Durán ‘Morris’ (Vigo, 1959). A organización da Mostra outorga este galardón en recoñecemento á súa dilatada traxectoria profesional, tanto no eido da comedia como do drama, 'cunha capacidade creativa excepcional que lle permite interpretar personaxes complexos ou populares e conmover aos públicos máis diversos'. O actor recibe cunha 'alegría tremenda' este galardón, 'sobre todo vindo de xente que comparte o camiño que eu recorrín'.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) A débeda pública de Galicia representa só 3,52 % do total da débeda do conxunto das comunidades, o mellor dato de toda a serie histórica, que comeza no ano 1994. Ademais, a ratio de débeda PIB galega sitúase no 13,9 %, fronte ao 20,2 % da media autonómica e por baixo das previsións iniciais contidas nos Orzamentos 2025, que eran do 14,1 %. Tamén desde o ano 2020 Galicia formaliza unha parte cada vez máis significativa do seu endebedamento en formato sustentable, a través de préstamos e emisións de bonos.

Notas

Especialistas de dez países, desde Canadá ata Xapón, pasando por Francia, Bélxica ou Noruega, participarán o 24 e 25 de abril en Vigo no congreso internacional Escrituras potenciais: o ordinario e o infraordinario, unha cita coorganizada entre as universidades de Vigo e Sorbonne Nouvelle polos profesores e destacados especialistas Hermes Salceda e Alain Schaffner, figuras claves no estudo da narrativa contemporánea francesa.
A Universidade da Coruña celebrou hoxe a constitución do seu novo Consello de Goberno, logo da súa renovación para adaptalo aos Estatutos da UDC e en liña co marcado pola LOSU. Logo de rematados os diversos procesos electorais desenvolvidos nas semanas anteriores, este Consello de Goberno queda conformado por un total de 63 membros, 34 homes e 29 mulleres.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES