Notas de prensa

O campus de Vigo amosa o seu patrimonio arqueolóxico megalítico

O campus de Vigo destaca como un espazo de grande interese arqueolóxico, con varios xacementos que revelan a súa riqueza prehistórica, como o do Monte das Cabanas ou o das Xunqueiras/Pedreiras. Este último está sendo nas últimas semanas obxecto dunha escavación arqueolóxica froito dun convenio entre a Xunta e a UVigo, estase a estudar a mámoa número 2 deste conxunto tumular como parte dun programa de investigación, conservación e difusión e socialización do patrimonio arqueolóxico do campus olívico.

A intervención arrancou a finais de agosto e rematará a vindeira semana co tapado e protección da mámoa. Antes de proceder a esta última parte do traballo, o conselleiro Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou este venres os traballos, acompañado pola vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, e o director do Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia, Roberto Pena. A dirección científica dos traballos corre a cargo de Javier Chao, arqueólogo con ampla experiencia en escavacións do megalitismo galego, co apoio técnico de Beatriz Comendador, profesora titular da área de Prehistoria da UVigo e investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT), encargados ambos de guiar a visita. Ademais, o proxecto conta coa participación de alumnado da Facultade de Historia do campus de Ourense da UVigo, así como dunha estudante procedente de Alemaña que está a realizar unha estadía de prácticas en conservación e restauración de patrimonio arqueolóxico.

O conselleiro resaltou a importancia da colaboración entre Xunta e Universidade para “afondar no coñecemento deste conxunto e caracterizalo de cara á súa futura posta en valor, máis cando se atopa precisamente nunha contorna vencellada ao saber e á aprendizaxe”, en referencia á pertenza dos terreos ao campus universitario. Neste sentido fixo tamén fincapé a vicerreitora, que apuntou á idoneidade de desenvolver no futuro un proxecto “visitable, divulgativo e participativo” para que a cidadanía poida coñecer todo este patrimonio que atesoura o campus vigués.

Unha necrópole con 6000 anos de historia

A necrópole megalítica das Xunqueiras, erguida por comunidades do Neolítico hai uns 6000 anos, está emprazada nun rechán cunha altitude máxima de 489 metros sobre o nivel do mar, inmediatamente ao sur do cumio do Coto das Xunqueiras (505 m). Esta elevación forma parte dunha serie de dorsais montañosas que se prolongan cara ao norte, co Alto de Puxeiros e o Coto Lousado, delimitando o Val do Fragoso pola súa banda sueste, e cara ao sur, onde se atopan os Altos de A Xesteira, San Cosme e a Serra do Galiñeiro. “En todo este territorio localízanse importantes conxuntos arqueolóxicos que evidencian a longa ocupación humana da zona”, explicaba na visita a profesora Beatriz Comendador.

En concreto, o conxunto das Xunqueiras está formada por, polo menos, catro túmulos ou mámoas, de entre 14 e 19 metros de diámetro e entre 0,60 e 1,65 metros de altura, aínda que os arqueólogos apuntan á posible presenza dun quinto enterramento. Os traballos estanse a levar a cabo na mámoa 2 porque, segundo explican os arqueólogos, “amosaba en superficie restos visibles das laxes da cámara, o que a convertía na mellor candidata para iniciar a intervención”.

Durante as tres últimas semanas, o equipo de arqueólogos avanzou na escavación deste túmulo para recoñecer, delimitar e documentar a cámara funeraria central; o seu sistema de acceso e posible peche; determinar os límites construídos do monumento; comprobar o tratamento previo do terreo sobre o que se ergue e confirmar o tratamento dado ao volume de terras achegadas para formar a mámoa. Como lle explicou ao conselleiro Javier Chao, os traballos permitiron determinar que do enterramento só se conserva a metade de cámara e que non existe corredor de acceso.

A vindeira semana rematarán os traballos co tapado preventivo da área para protexer así o rexistro arqueolóxico e a estrutura do monumento, mediante a colocación dunha manta xeotextil, “unha tea sintética permeable que se estende directamente sobre a superficie escavada para protexela da erosión e do contacto directo coa terra. Por riba colócase unha capa de terra do propio túmulo que actúa como recheo e garante a súa integración paisaxística, evitando ao mesmo tempo danos nas estruturas arqueolóxicas”.

Todo o traballo levado a cabo dende o 25 de agosto están sendo divulgando a través das redes sociais de PrehistoriaGEAAT, nas que se comparten imaxes, vídeos e materiais divulgativos que achegan á comunidade universitaria e á cidadanía o valor deste patrimonio milenario situado a poucos metros das aulas.

Avanzar no coñecemento dos túmulos 3 e 4

O equipo de investigación confía en continuar desenvolvendo campañas neste xacemento nos vindeiros anos, en concreto, nas mámoas 3 e 4 e no espazo que hai entre elas, xa que foron obxecto dunha prospección previa realizada con xeorradar en 2011 que amosou “certas anomalías” no terreo, uns “resultados moi interesantes, aínda que difíciles de interpretar sen escavación”.

En concreto, no túmulo 3 documentouse unha forma ovalada orientada noroeste-sueste e unha posible estrutura circular perimetral de 40 metros, que podería corresponder a un anel delimitador. Tamén se localizaron reflexións que apuntan á presenza dun corredor orientado ao sueste, coherente co patrón coñecido noutros túmulos galegos. A distintas profundidades apareceron estruturas circulares concéntricas, o que abre a hipótese dunha retumulación dun monumento máis antigo.

No túmulo 4 identificouse un posible espazo interno cunha cámara poligonal e pequeno corredor. A análise conxunta dos datos suxire unha relación de continuidade entre os túmulos 3 e 4, tradicionalmente considerados independentes. Estes resultados, avanza Comendador, marcarán as pautas da futura intervención arqueolóxica.

A vicerreitora e o conselleiro tamén visitaron estas dúas mámoas e amosáronse abertos a abrir unha vía de conversas que poida dar pé a novos convenios entre ambas institucións para novas escavacións nestas dúas zonas.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-09-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (morris-antonioduran.jpeg) A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas acordou conceder o Premio Xiria ao Labor Teatral 2026 ao actor Antonio Durán ‘Morris’ (Vigo, 1959). A organización da Mostra outorga este galardón en recoñecemento á súa dilatada traxectoria profesional, tanto no eido da comedia como do drama, 'cunha capacidade creativa excepcional que lle permite interpretar personaxes complexos ou populares e conmover aos públicos máis diversos'. O actor recibe cunha 'alegría tremenda' este galardón, 'sobre todo vindo de xente que comparte o camiño que eu recorrín'.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) A débeda pública de Galicia representa só 3,52 % do total da débeda do conxunto das comunidades, o mellor dato de toda a serie histórica, que comeza no ano 1994. Ademais, a ratio de débeda PIB galega sitúase no 13,9 %, fronte ao 20,2 % da media autonómica e por baixo das previsións iniciais contidas nos Orzamentos 2025, que eran do 14,1 %. Tamén desde o ano 2020 Galicia formaliza unha parte cada vez máis significativa do seu endebedamento en formato sustentable, a través de préstamos e emisións de bonos.

Notas

Especialistas de dez países, desde Canadá ata Xapón, pasando por Francia, Bélxica ou Noruega, participarán o 24 e 25 de abril en Vigo no congreso internacional Escrituras potenciais: o ordinario e o infraordinario, unha cita coorganizada entre as universidades de Vigo e Sorbonne Nouvelle polos profesores e destacados especialistas Hermes Salceda e Alain Schaffner, figuras claves no estudo da narrativa contemporánea francesa.
A Universidade da Coruña celebrou hoxe a constitución do seu novo Consello de Goberno, logo da súa renovación para adaptalo aos Estatutos da UDC e en liña co marcado pola LOSU. Logo de rematados os diversos procesos electorais desenvolvidos nas semanas anteriores, este Consello de Goberno queda conformado por un total de 63 membros, 34 homes e 29 mulleres.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES