
Da man do grupo de investigación HealthyFit, as e os investigadores da UVigo coordinan os traballos de elaboración dun catálogo de servizos sociosanitarios e boas prácticas en materia de envellecemento activo no medio rural, no marco deste proxecto liderado pola Deputación de Pontevedra, que acollía este martes a constitución do seu comité de dirección.
Seleccionado na sétima convocatoria do programa Interreg Poctep 2021-2027, Activa Rural Transfronteirizo conta cun orzamento de 4,5 millóns de euros, financiados nun 75% con fondos Feder e estenderase ata finais de 2028. O seu obxectivo é abordar o envellecemento da poboación nas zonas rurais transfronteirizas e ofrecer respostas á fenda dixital e ao desigual acceso aos servizos asistenciais nestas áreas a través da creación de Aldeas Smarthaus, que funcionarían como aldeas piloto nas que desenvolver modelos innovadores de asistencia sociosanitaria accesible e participativa. Nese senso, a reunión deste martes serviu tanto para pór en marcha os órganos de coordinación do programa como para anunciar unha convocatoria, por parte da institución provincial, dirixida a implantar en municipios rurais proxectos piloto vinculados á Axenda de Envellecemento Activo que se desenvolve ao abeiro deste proxecto.
Identificación de boas prácticas
O catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e coordinador do grupo HealthyFit, José María Cancela, encárgase de dirixir o comité técnico de Activa Rural Transfronteirizo, que reúne aos investigadores e investigadoras principais do proxecto nas diferentes entidades socias. Estamos traballando xa cos diferentes membros dos comités na recollida de información, sinala das primeiras fases de traballo nesta iniciativa, que centran no desenvolvemento dun catálogo de servizos sociosanitarios na zona de influencia desta iniciativa, así como doutro centrado en boas prácticas en materia de envellecemento activo.
O propósito deste proxecto é impulsar un modelo de coidados inclusivo, accesible e sostible, no que se insira a integración de tecnoloxías asistenciais, a participación comunitaria e as actividades orientadas ao envellecemento activo. Para iso, estruturase en seis áreas de traballo, que abranguen iniciativas como a creación do Laboratorio Bauhaus de Coidados ou dunha mesa transfronteiriza de envellecemento saudable, así como a definición dun plan estratéxico de asistencia sociosanitaria e envellecemento activo. A estas propostas súmanse accións como o desenvolvemento de tecnoloxías asistenciais e de actividades formativas en materia de asistencia sociosanitaria ou a elaboración dunha axenda estratéxica de envellecemento activo e participación social, que reúna un conxunto de actividades culturais, formativas, deportivas, de voluntariado ou de ocio orientadas a áreas rurais. Os modelos e actividades definidos no marco deste proxecto poranse en práctica á súa vez nas aldeas piloto seleccionadas, a través dun plan de acción específico.
Nese senso, a convocatoria para o impulso de proxectos piloto na provincia abrangue accións como actividades de exercicio físico, campionatos de xogos tradicionais, programas de acompañamento social entre mocidade e maiores, circuítos de turismo sénior e festivais interxeracionais. Así o anunciou a Deputación nun encontro que reuniu representantes das diferentes entidades socias dun proxecto no que participan tamén a Universidade de Santiago de Compostela, a Deputación de Ourense, a Dirección Xeral de Maiores da Xunta de Galicia, as deputacións provinciais de León e Cáceres, os institutos politécnicos de Bragança e Leiría e as comunidades intermunicipais do Alto Minho, Alto Tâmega e Barroso, Terras de Trás-os-Montes, Alto Alentejo, Beiras e Serra da Estrela e Beira Baixa. A esta iniciativa súmanse tamén, como socios sen financiamento, o Centro de apoio á innovación tecnolóxica en intelixencia artificial e a Deputación de Zamora.
O traballo coordinado entre os diferentes participantes e a cooperación transfronteiriza foron destacados nese senso como un dos piares fundamentais desta iniciativa polo deputado provincial de Fondos Europeos, Javier Tourís, na apertura desta xuntanza. Como lembrou, Activa Rural Transfronteirizo busca pór en marcha solucións innovadoras que melloren a atención ás persoas maiores e contribúan ao desenvolvemento social e económico dos territorios rurais, polo que a suma de capacidades e coñecementos permitirá construír respostas máis completas, eficaces e resilientes para afrontar os desafíos demográficos que compartimos.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.