
O concerto na Granxa D'Outeiro supuxo un fito histórico, ao tratarse dun espazo con alto valor patrimonial e no que nunca antes acollera un evento musical desta índole. O resultado foi inmellorable, acadando un rotundo "sold out" con 150 persoas que encheron por completo o recinto. O equipo de Arteficial amosa a súa máxima satisfacción tanto por este éxito como pola excepcional calidade e calor humana vivida no resto das citas ourensás.
Unha oportunidade única: a xira europea de Mad Foxes recala en Galicia A vindeira fin de semana traerá outra das grandes apostas desta edición. Grazas ao esforzo colectivo de Arteficial e de colectivos e proxectos amigos como Facela Fest, A Seara, Surfing the Lérez e Abadía Da Cova, chega a Galicia a recoñecida banda francesa Mad Foxes. O grupo atópase inmerso nunha xira europea espectacular e experimentando un crecemento artístico imparable.
As datas e localizacións para ver en directo a Mad Foxes serán as seguintes:
Venres 12 de xuño ás 20:00 h.: Abadía da Cova (Ribeira Sacra) Entrada libre.
Sábado 13 de xuño: Festival Surfing the Lérez (Pontevedra) Entrada libre.
Domingo 14 de xuño ás 19:30 h: Sala Clavicémbalo (Lugo) Único concerto de pago da fin de semana. As entradas teñen un prezo de 12 euros e pódense adquirir a través da ticketera Ingresse.
Exclusividade para os asistentes e apertura do Mercado das Sementes Outro dos grandes atractivos destes vindeiros concertos de presentación do 12, 13 e 14 de xuño será a revelación en primicia do cartel completo do XX Festival Arteficial. Esta información tan agardada estará dispoñible en exclusiva unicamente para as persoas que asistan a estes concertos e para os socios do festival.
Como adianto, a organización confirma a presenza de artistas no cartel final como Basic Partner, DJ Balconde, DJ Grima, La Rate Timide, Peitoescuro, Sapoconcho Sem Poncho e Scúru Fitchádu (máis nomes por anunciar). Ademais, a programación oficial en Ribadavia contará cos tradicionais pasarrúas de Airiños e xigantes con cabezudos polas rúas da vila, xunto con diversas actividades interxeneracionais.
Convocatoria aberta: Mercado das Sementes 2026 Arteficial abre oficialmente o prazo de inscrición para o Mercado das Sementes, un espazo destinado a creadores, deseñadores, ilustradores, artesáns e proxectos orixinais que queiran encher de talento a Praza da Madalena de Ribadavia o vindeiro 5 de setembro de 2026. As prazas son limitadas e as solicitudes pódense enviar ata o 7 de agosto ao correo electrónico: [email protected].
Arteficial leva vinte anos demostrando que a cultura pode florecer desde o rural cando existe unha comunidade que a sostén. O vindeiro 4 e 5 de setembro, Ribadavia volverá ser o epicentro da música e a creación independente.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.