Notas de prensa

USC e Universidade do Minho participan nun proxecto pioneiro para poñer en valor un forte da guerra do XVII con Portugal

Achegar o patrimonio e a arqueoloxía á xente e facer que a sociedade civil coñeza, protexa e sexa a protagonista da historia é o obxectivo de 'Fortalezas da Fronteira', un proxecto cultural no que participa a USC, e que pretende poñer en valor o rico patrimonio que oculta a fronteira dunha e outra beira do Miño. O proxecto está actuando no xacemento de 'As Torres', no Concello de Tomiño, coa participación de arqueólogos e comunicadores conxuntamente coa Comunidade de Montes de Taborda e do que forman parte mozos e mozas dun Campo de Voluntariado da Xunta.

O equipo traballa sobre un estratéxico forte militar da guerra que no século XVII enfrontou a Galicia e Portugal e que foi descuberto hai tres anos.

Unha parte importante deste proxecto é a divulgación cultural. Por iso, durante a duración deste proxecto teñen lugar ‘barferencias’, conferencias, charlas e proxeccións en distintos bares do concello de Tomiño nos que participarán destacados especialistas da arqueoloxía, divulgación e bioloxía. Ademais, as persoas interesadas poden acudir á escavación e realizar unha visita guiada co equipo de arqueólogos que alí traballa.

O proxecto

O proxecto integra unha serie de traballos arqueolóxicos encamiñados á caracterización do sitio de 'As Torres', identificado en 2020 por Xurxo Salgado Tejido, xornalista, editor e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, e caracterizado pola arqueóloga, investigadora do Lab2PT e profesora da Universidade do Minho Rebeca BlancoRotea. Precisamente, son estes dous profesionais os encargados de dirixir as actuacións que terán lugar neste xacemento.

Tras varios anos de investigacións identificouse nunha antiga explotación mineira romana xa estudada por Brais Currás (2014). Trataríase dunha batería fortificada que, en torno a 1666, durante a Guerra da Restauración, aproveitaría o emprazamento elevado e outras estruturas anteriores, como as trincheiras da explotación mineira, como punto estratéxico de control e defensa do territorio nunha zona de paso entre as poboacións de Goián e Tui. Esta fortificación exercería un papel crucial para evitar un gran ataque, por parte de tropas portuguesas, á estratéxica praza forte de Tui.

O sitio arqueolóxico atópase en terreos da comunidade de montes de Taborda, que é o promotor deste campo arqueolóxico no que traballan. Este proxecto arqueolóxico está vinculado a un Campo de Voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude e conta co respaldo da Dirección Xeral de Patrimonio.

Algunhas das actividades a realizar son unha escavación arqueolóxica na batería, unha prospección do seu entorno e unha limpieza do espazo, nas que participarán con diferentes graos de implicación, mozos e mozas voluntarios, sempre supervisados por un equipo de profesionais. Precisamente, este campo de traballo pretende que mozos e mozas aprendan dos traballos arqueolóxicos, pero tamén participen na recolla de memoria oral, nas actividades de difusión patrimonial e nas charlas que se impartirán do gallo de entender e visibilizar toda esta dinámica económica, cultural e patrimonial tan rica na fronteira miñota. Este é, principalmente, o cometido do Grupo de Novos Medios da USC, o de visibilizar, difundir e crear as estratexias de comunicación, divulgación e redes sociais do proxecto.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-09-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES