
Delas, 33 contan este venres e sábado cun espazo no recinto instalado na praza de España, onde teñen lugar boa parte das actividades que complementan o programa deste encontro do emprendemento.
O emprendemento que reivindicamos crea actividade económica, pero tamén fixa talento, fortalece comunidades e constrúe territorio, salientou Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store, no acto inaugural dun encontro que conta co Concello de Pontevedra como patrocinador principal e co apoio de Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia, Abanca e máis de 50 entidades públicas e privadas. Na súa intervención, Figueroa puxo de relevo que unha das novidades deste ano é a incorporación de varias spin-off universitarias, incidindo nese senso en que institucións como a UVigo están xerando coñecemento cun enorme potencial económico e social, polo que o desafío será conseguir que ese coñecemento se converta en empresas e quede no territorio, xerando emprego e novas oportunidades.
Para a UVigo, participar como promotor do Pont-Up Store supón manter o compromiso co emprendemento, a innovación e transferencia, que son piares nos que a nosa Universidade debe sustentarse, salientou a vicerreitora do campus de Pontevedra, Marián Fernández, que participou no acto inaugural xunto co vicerreitor de Transferencia, Innovación e Impacto Social, Rafael Comesaña. Partindo dese obxectivo, salientou Fernández, Pont-Up Store constitúe unha oportunidade de conectar a investigación e coñecemento que se xera nas nosas aulas e laboratorios coa empresa, co emprendemento e, sobre todo, co territorio. Nesa mesma liña, o alcalde de Pontevedra destacou que este evento representa o país enteiro, pondo de relevo que o 47% dos proxectos seleccionados proceden do rural ou de pequenas vilas, así como o feito de que o 69% estean liderados por mulleres.
Este acto inaugural completouse coas intervencións de Pablo Fernández, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra; Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevera; David Regades, delegado especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, e de Olga Rivas, directora da Fundación Roberto Rivas, en representación das entidades patrocinadoras.
Protagonismo para o emprendemento universitario
Unha das iniciativas coas que este encontro abría a súa programación foi o Demo Day do programa de apoio ao emprendemento Incuvi da UVigo, unha sesión dirixida a dar a coñecer a evolución das 15 iniciativas que acadaron premios e axudas na súa última edición. Presentado pola directora da Área de Emprego e Emprendemento, Marta Sestelo, o encontro contou coa participación de varias das entidades patrocinadoras e colaboradoras deste programa e combinou a proxección de vídeos nos que os seleccionadas e seleccionados daban a coñecer as súas propostas coas intervencións de tres dos emprendedores participantes.
Ese foi o caso de María Gabriela Fiori, egresada do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, quen presentou Entre Costas, unha marca de deseño e marroquinería artesanal que conecta Arxentina e Galicia. Este proxecto foi un dos recoñecidos cos premios Incuvi Emprende, ao igual que o de César Moreno, formado tamén neste mestrado da Facultade de Deseño, quen deu a coñecer a firma de moda de autor By César Moreno, que aposta por coleccións en edicións limitadas, producidas localmente e con propostas visuais que conectan Galicia e Colombia. Gañadora dunha das axudas Incuvi Avanza, para proxectos cun maior grao de desenvolvemento, a egresada de Belas Artes Ainhoa Fernández presentou o seu proxecto AF art Advisory, unha consultoría artística especializada en estratexia, representación e comunicación.
O programa Incuvi e os servizos que presta a Universidade en materia de emprendemento serán ademais un dos eixes centrais da sesión Do laboratorio ao mercado: cando o coñecemento se converte a empresa, que a UVigo promove este sábado, a partir das 11.45 horas, no recinto do evento. Coa participación de Marián Fernández e Rafael Comesaña, esta actividade busca tamén dar a coñecer o proceso de asesoría e o procedemento de creación de empresas que se realiza desde a oficina de I+D+i da institución académica.
Por outra banda, esa idea do coñecemento convertido en empresa faise patente neste encontro coa presenza de dúas das spin-off da UVigo entre os emprendementos seleccionados. Unha delas é Enerxía Comunitaria, unha empresa que busca contribuír a un modelo enerxético 100% renovable, democrático e en mans da xente, sinalan. Esta iniciativa conta cun stand no recinto do evento e foi ademais unha das seleccionadas para o Pont-Up Venture, un encontro no responsables de proxectos con base tecnolóxica ou marcado carácter innovador presentarán os seus modelos de negocio ante profesionais do investimento e o venture capital. Este encontro, que ten lugar na tarde deste venres na Casa das Campás, permitirá coñecer tamén a spin-off da Universidade Edgecontinuum, xurdida da investigación en 5G e edge computing e que transforma a infaestrutura existente das organizacións nunha plataforma de nube soberana, descentralizada e tolerante ás desconexións.
Múltiples propostas e actividades
Das 48 iniciativas empresariais participantes para esta edición, 33 contan cun espazo no recinto de evento, onde sete proxectos desenvolverán este sábado diferentes actividades demostrativas, mentres que oito foron seleccionadas para o Pont-Up Venture. Entre as propostas seleccionadas, hai espazo tanto para proxectos centrados na biotecnoloxía, na intelixencia artificial ou na transición enerxética, como para propostas enfocadas na artesanía, nas industrias culturais, na economía circular ou na produción agroalimentaria.
Alén da presentación destas iniciativas empresariais, a programación do Pont-Up Store abrangue un conxunto de actividades, que arrancaron este xoves cunha xornada formativa dirixida a cooperativas no Centro Internacional da Creatividade Maruxa Mallo e continúan ao longo da xornada do venres e a mañá do sábado.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.