
A xornada está promovida conxuntamente pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo co obxectivo de favorecer o intercambio de coñecemento e experiencias entre o profesorado universitario e impulsar a mellora e innovación das prácticas docentes.
O programa combinará relatorios, propostas prácticas e presentacións breves de experiencias desenvolvidas no marco dos grupos de innovación docente das tres universidades.
A apertura correrá a cargo do profesor Antonio Fernández-Coca, da Universitat de les Illes Balears, co relatorio A mí me pasa lo mismo. De la queja compartida a las decisiones que funcionan en el aula de hoy, no que abordará como transformar as inquedanzas compartidas polo profesorado en decisións concretas aplicables á práctica docente.
A intelixencia artificial, protagonista das propostas prácticas
A intelixencia artificial terá un papel destacado no bloque InspirAcción: propostas prácticas para o traballo na aula, no que se presentarán diferentes aproximacións ao uso desta tecnoloxía no ámbito universitario.
Carlos Escudero, da UDC, abordará a cuestión E agora que a IA pode facelo, que facemos nós?, mentres que Javier Martínez, da Universidade de Vigo, presentará a proposta ¿Docencia e IA? Si, pero con sentidiño....
Pola súa banda, Mónica Pérez Ríos e o seu equipo da Universidade de Santiago de Compostela compartirán a experiencia Epidequé: achegando a Epidemioloxía á sociedade e ás aulas, centrada na divulgación e aproximación desta disciplina ao ámbito educativo e social.
Durante a sesión da tarde celebraranse as pílulas de boas prácticas, un espazo destinado a presentar e poñer en común experiencias de innovación desenvolvidas polos Grupos de Innovación Docente da UDC, USC e UVigo.
A XIGAID contará tamén cunha modalidade de póster virtual, que permitirá ao persoal docente e investigador presentar e debater as súas experiencias de innovación a través da plataforma UDCAberta.
O prazo para participar nesta modalidade permanecerá aberto ata o 21 de setembro, mentres que a inscrición para asistir presencialmente poderá realizarse ata o 12 de outubro. O programa completo da xornada e a información sobre as distintas modalidades de inscrición poden consultarse na páxina web da XIGAID.
Con esta cuarta edición, a Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente consolida un espazo común para o profesorado das tres universidades públicas galegas, favorecendo a difusión de experiencias innovadoras, o intercambio de boas prácticas e a reflexión conxunta sobre os retos actuais da docencia universitaria.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.