Noticias

O novo protocolo galego contra a violencia no ámbito educativo contará con medidas de prevención e intervención ante unha presunta situación de risco

A Xunta de Galicia vén de lanzar o Protocolo de actuación contra a violencia na infancia e na adolescencia no ámbito educativo, que ten como principal obxectivo que os docentes dispoñan das ferramentas axeitadas, así como dunha folla de ruta clara para activar ante a sospeita de que algún estudante poida estar sufrindo unha situación de violencia de calquera tipo e en calquera contexto. O protocolo establece o procedemento a seguir cunha actuación coordinada do persoal educativo que asegure unha resposta rápida e eficaz e sempre orientada á protección do menor. Nel fai fincapé tanto na prevención como na detección e intervención ante casos de violencia que os estudantes poidan sufrir tanto no propio centro como no seu ámbito social e familiar.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, que esta mañá participou no Instituto Luís Seoane de Pontevedra na presentación do contido deste novo protocolo, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, salientou que a loita contra a violencia desde os centros educativos “debe comezar moito antes de que aparezan os primeiros síntomas”.

“A prevención é a chave, pero para que sexa efectiva, cómpre construír espazos seguros e de confianza onde o alumno se sinta protexido e escoitado”, subliñou. Neste senso, o titular de Educación da Xunta avanza que a través deste protocolo, se fomenta que os colexios e institutos, ademais de ser “lugares físicos que funcionen como espazos seguros”, promovan un ambiente emocional de confianza e axuda propicio.

Tipoloxías de violencia segundo a OMS

Nesta liña, o protocolo establece o procedemento a seguir cunha actuación coordinada do persoal educativo que asegure unha resposta rápida e eficaz e sempre orientada á protección do menor. Nel fai fincapé tanto na prevención como na detección e intervención ante casos de violencia que os estudantes poidan sufrir tanto no propio centro como no seu ámbito social e familiar.

Abrangue, así mesmo, todos os tipos de violencia recoñecidos pola Organización Mundial da Saúde (OMS): de carácter física, sexual, emocional, de xénero, institucional, neglixencias, indución á delincuencia, explotación económica ou Trastorno Facticio Inflixido a outro (TFIA). Este último refírese a cando unha familia somete ao menor a continuas exploracións médicas, subministracións de medicamentos ou ingresos hospitalarios, alegando síntomas ficticios ou xerados de maneira activa polo adulto.

Prevención no centro e na familia

No apartado da prevención inclúense medidas para o centro educativo, onde a persoa coordinadora de benestar e convivencia xoga un papel central como figura de referencia das comunicacións relacionadas con posibles casos de violencia, e tamén en coordinación coas familias.

No caso dos centros, promoveranse charlas informativas para crear ambientes de confianza onde o alumnado non teña medo a falar e se sinta seguro, impulsarase a formación do profesorado e traballaranse aspectos sobre intelixencia emocional.

No que atinxe á coordinación coas familias, desenvolveranse distintas actividades como obradoiros e charlas formativas sobre disciplina positiva, intelixencia emocional, estrés parental, conflitos familiares, entre outros, e reforzarase a orientación e as canles de comunicación.

Detección e intervención

No apartado da detección, o protocolo subliña a importancia de actuar con máxima dilixencia e responsabilidade ante unha sospeita de que un neno se atope nunha situación de risco. Se ben os docentes non son os responsables de valorar nin de confirmar a existencia dunha situación de violencia sobre un menor, si deben contar coas ferramentas necesarias para identificala, comunicala e activar os mecanismos para protexela.

Para iso, o primeiro paso que se establece é a escoita activa e a confidencialidade, así como un cuestionario de indicadores que orientan aos docentes sobre sinais identificativas dunha situación de risco. O cuestionario está dividido en bloques con indicadores físicos, emocionais, condutuais e familiares.

De confirmarse a sospeita, o docente deberá poñelo en coñecemento do equipo directivo e, en función da gravidade dos feitos, deberá comunicalos de xeito inmediato ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado (risco elevado) ou aos servizos sociais (risco potencialmente baixo) para que estes realicen as investigacións oportunas. Tamén se lle comunicará á familia sempre e cando se confirme que as persoas agresoras e/ou encubridoras non pertencen á contorna familiar.

Paralelamente, o protocolo establece un abano de medidas de intervención psicoeducativa para favorecer o proceso educativo do alumno, con estratexias que fomenten espazos de diálogo onde a vítima poidan expresar libremente os seus medos e inquedanzas, así como facer os axustes metodolóxicos e curriculares necesarios.

Tamén se establece un seguimento do alumno de carácter confidencial que se levará a cabo a través da persoa coordinadora de benestar e convivencia, así como unha coordinación interinstitucional (servizos sociais, sanitarios, forzas e corpos de seguridade do Estado, fiscalía...) para unha intervención positiva.

Este protocolo forma parte da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025, que se está desenvolvendo este curso con novas accións como o Termómetro Acoso Escolar, unha ferramenta que xa está a disposición centros educativos e que axudará aos docentes a unha mellor detección e prevención das situacións de acoso.

R., 2025-09-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) Este órgano está formado por 12 expertos de recoñecido prestixio, tanto a nivel galego como internacional, nos ámbitos científico, tecnolóxico, empresarial e das políticas públicas. Na actualidade a Comunidade despunta en ámbitos como a biotecnoloxía, a intelixencia artificial ou a computación cuántica e acada numerosos fitos. O obxectivo deste consello asesor é apoiar e asesorar ao Executivo autonómico nas súas políticas públicas de I+D+i para seguir acadando éxitos e posicionando Galicia como un territorio de referencia nesta materia. As persoas que forman parte deste organismo, ademais do conselleiro, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, son cinco no eido da investigación, tres no das políticas públicas e catro no ámbito da innovación, empresa e emprendemento.
Foto de la tercera plana (medio_ambiente.jpg) Galicia consolida a súa posición como a comunidade española que máis logrou reducir en 2024 as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (GEI) con respecto a 1990, ano de referencia a nivel comunitario para as políticas en materia de clima. En concreto, a baixada rexistrada neste período foi do 68,5% fronte ao 12,8% no que se sitúa a media nacional. Os últimos datos oficiais dispoñibles volven situar a Galicia á cabeza da clasificación nacional en canto a redución de emisións netas. No período 1990-2024 Galicia logrou reducir en máis de dous terzos as súas emisións netas e tamén é a comunidade española que lidera a baixada de emisións GEI interanual, cun 9,8% menos que en 2023.

Notas

A Universidade de Vigo inaugurou a maior estación óptica terrea de España, consolidando así o seu liderado en comunicacións cuánticas vía satélite. Bautizada co nome de Antonia Ferrín, en homenaxe a quen foi a primeira astrónoma de Galicia, e situada na contorna da Facultade de Filoloxía e Tradución, 'o lugar máis idóneo de todo o campus para evitar turbulencias da canle atmosférica', o orzamento total para a posta en marcha desta nova infraestrutura situouse en torno aos 1,5 millóns de euros.
O proxecto de investigación RESCLIM@TIEMPO que lideran a USC e a Universidade de Granada, no marco da colaboración permanente entre os grupos SEPA-interea da Universidade de Santiago e Eva-EASI da Universidade andaluza, organizan esta semana no Campus compostelán o I Congreso Internacional sobre Respostas Educativas e Sociais á Emerxencia Climática e VI Seminario Internacional RESCLIMA ‘Estamos a tempo? De que estamos a tempo?’.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES