O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou esta mañá as principais cifras e novidades do novo curso escolar 2025/2026 que arrancará precisamente dentro de dúas semanas, o vindeiro 8 de setembro, con todo listo logo de meses de preparación.
O titular de Educación da Xunta, acompañado do seu equipo, salientou que Galicia vai avanzar na modernización e mellora do ensino, cun segundo chanzo no proceso iniciado o pasado ano, e que está a permitir mellores ratios nas aulas, máis profesorado e recursos e a renovación dalgúns dos principais programas pedagóxicos nos centros, entre outros aspectos. Todo isto nun contexto de caída da natalidade, pois a Comunidade contará este curso cun total de 302.843 alumnos, o que supón 4.255 menos que hai un ano e case 20.000 menos que hai unha década nas diversas etapas desde Infantil ata Bacharelato.
Por niveis, a maior diminución prodúcese en Educación Primaria, con 2.411 alumnos menos; seguida da ESO, con 1.284 menos, e Infantil con 1.019 menos. As excepcións a esta caída son o Bacharelato, cunha suba de 459 estudantes, e Educación Especial, sen cambios.
Abrimos o primeiro curso do segundo cuarto do século XXI, un momento de cambio no que debemos responder a novos retos e necesidades para que o ensino siga preparando ás persoas de acordo ás esixencias do tempo que vivimos -reflexionou o conselleiro-. Por iso, cómpre xestionar o presente e preparar o futuro para sentar as bases da educación das vindeiras décadas. Nese senso, lembrou o compromiso do Goberno autonómico cun proceso de mellora progresiva, curso a curso, que responda aos novos desafíos, con cambios estruturais de calado e unha permanente actualización dos proxectos.
Folla de ruta propia de Galicia
Como lembrou, o ano pasado os cambios centráronse principalmente na ordenación e organización do sistema, con melloras de envergadura que se consolidan e avanzan. Así, a baixada do número de alumnos por aula de 25 a 20 que comezou en 4º de Infantil amplíase agora a 5º de Infantil co obxectivo de completar toda a etapa o vindeiro ano. Esta é unha mellora propia de Galicia, que impulsamos e asumimos na nosa Comunidade por iniciativa propia, explicou. Isto é así porque, mentres as novas leis educativas a nivel estatal non están a mellorar as ratios, Galicia aposta por un ensino máis personalizado.
Igualmente, tamén se estenden as melloras das ratios nos agrupamentos rurais, é dicir, as aulas que mesturan alumnado de diferentes idades por non contar cun número suficiente. Ata agora a ratio máxima en todas era de 18 alumnos por aula. O ano pasado mellorouse a 14 en Educación Infantil e, no novo curso, seguindo o calendario blindado por lei, tamén baixa a 14 no primeiro ciclo de Primaria (1º e 2º curso). Ademais, o tope será de 10 nos agrupamentos que xuntan alumnado das etapas de Infantil e Primaria.
Todas as melloras introducidas o curso pasado seguen en vigor no actual, cun reforzo asociado do profesorado a través do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia. Deste xeito, tense en conta o número de alumnos con necesidades educativas especiais que hai en cada grupo, que se contabilizan por dous ou por tres en función da discapacidade. Isto permite unha dotación extraordinaria de docentes a disposición do centro.
Nas mellores ratios de España
Respecto ás ratios, o conselleiro aludiu ás cifras que vén de publicar o Ministerio de Educación, FP y Deportes e que volven situar a Galicia nas mellores posicións a nivel nacional. Así, se se analiza o número de alumnos por profesor, a media de Galicia é de 9,9 fronte a 11,3 do conxunto de España. En canto á taxa de alumnos por aula, tamén é mellor en Galicia que no promedio nacional en todas es etapas, situándose na parte alta.
Malia a caída da matrícula, lógrase manter case a totalidade do mapa escolar vixente o ano pasado. En concreto, como xa se informou o pasado mes de xullo, deixan de funcionar sete centros por falta de alumnado en toda a Comunidade, mentres que se están a construír tres e se amplían as instalacións doutros 18. Igualmente, no que respecta ao número de aulas e grupos, a cifra será moi semellante á do ano pasado. Á falta de que os centros terminen de cargar os datos de ESO e Bacharelato, estímanse en torno a 11.900.
Precisamente neste punto, Román Rodríguez destacou os beneficios do histórico acordo asinado en 2023 entre a Xunta e tres das catro organizacións sindicais representadas na Mesa Sectorial, CCOO, Anpe e UGT, a quen volveu agradecer a súa altura de miras cun pacto que está dando resultados evidentes e que aumentarán co paso do tempo.
A este respecto, o conselleiro indicou que grazas ao acordo este curso hai 265 beneficiadas, 192 que terían que pechar co anterior mapa organizativo e un mínimo de 73 nas que se realizarán desdobres. Isto fai que, só nos dous primeiros cursos de aplicación, o devandito acordo estea xa propiciando un efecto positivo en medio millar de aulas.
Sobre a cifra de profesorado, matizou que as definitivas se pecharán en setembro, pero adiantou un novo incremento respecto ao cadro de docentes do ano pasado ata situarnos nas cifras máis altas da nosa historia. De feito, expuxo que a día de hoxe os centros escolares contan con ao redor de 1.400 profesionais máis que hai unha década. Grazas ás oposicións celebradas este verán, vanse incorporar ás aulas 1.113 docentes.
Renovación normativa de programas pedagóxicos
Ademais do marco organizativo e das cifras do novo curso, Román Rodríguez detívose a explicar os principais cambios e novidades que afectan aos programas educativos que a Consellería pon a disposición dos centros. En concreto, o seu departamento traballa nunha nova lei e tres decretos que irán entrando en vigor ao longo do curso. Tamén estarán plenamente vixentes os protocolos de actuación ante alertas meteorolóxicas de vento, choiva e vento, e de emerxencias, derivado da experiencia do apagamento.
Posición especial ocupa a futura Lei de educación dixital, actualmente en tramitación, e que regulará, con sentidiño, os dereitos e deberes dos membros da comunidade educativa neste ámbito. O obxectivo é consolidar un modelo híbrido que combine as aprendizaxes tradicionais a través de métodos máis analóxicos coas novas tecnoloxías imprescindibles na sociedade actual. Así mesmo, entrará en funcionamento a primeira fase da reforma do programa de libro electrónico E-Dixgal, no que aumenta a presenza de libros en papel. Igualmente, a Xunta vai reforzar a lectura na aula, cun tempo mínimo diario dedicado a este hábito co obxectivo de mellorar a comprensión lectora.
Igualmente, comezará o despregamento do programa EdugalIA, que vai aproveitar a intelixencia artificial para mellorar a xestión interna tanto nos servizos administrativos da Consellería como nos propios centros escolares e atallar o abandono escolar. O proxecto vén de conseguir captar 9,9 M de fondos europeos de innovación, o que o converte na iniciativa máis destacada en España no aproveitamento da IA no ensino.
Máis recursos para a discapacidade
Outro dos grandes eidos de actuación será a inclusión, para o que entra en vigor a Estratexia galega de inclusión educativa aprobada o pasado mes de maio. Nela inclúense medidas como a creación da FP Básica Adaptada, a formación do profesorado impartida por entidades especializadas na atención á diversidade, a mellora na xestión ou a aplicación GaliOrienta para facilitar o labor dos departamentos de orientación.
Se en algo somos sensibles é en todo o que ten que ver coa equidade, a igualdade de oportunidades e a integración. Neste eido, sempre será necesario máis, afirmou o conselleiro, quen garantiu que é a prioridade número 1. Como demostración, sinalou informes de organismos alleos á Xunta que subliñan o ensino galego como o máis inclusivo e o máis equitativo de España; o incremento de recursos, duplicando o número de especialistas; os 5.000 profesionais dedicados a estas tarefas, ou a o cómputo especial deste alumnado e as medidas especiais para acoller aos estudantes estranxeiros.
Reforzar a autoridade do profesorado é outra das liñas onde a Xunta vai poñer especial atención por ser o piar fundamental dun sistema educativo. O obxectivo é facer da docencia unha profesión máis prestixiada, recoñecida e atractiva. Entre outros aspectos, referiuse á nova oficina de atención e apoio a profesionais que sexan vítimas de posibles situacións de violencia e ao plan de redución da burocracia para alixeirar as tarefas administrativas e que ese tempo poida ser reinvestido en labores puramente educativos. Esta semana será presentado tamén o plan de formación do profesorado para o novo curso escolar, coincidindo coa entrada en vigor do novo decreto que a regula.
Convivencia escolar e FP
O penúltimo punto enumerado polo conselleiro foi a convivencia escolar, un dos grandes compromisos colectivos desde hai anos e onde imos poñer aínda máis énfase. Así, citou como novidades a necesidade da neutralidade ideolóxica como garantía da pluralidade, a futura Rede de concellos contra o acoso escolar para mellorar a coordinación entre a Xunta e as administracións locais ou os resultados da quinta macroenquisa.
Por último, aínda que non foi obxecto desta rolda de prensa, Román Rodríguez aludiu á Formación Profesional, sempre á vangarda, e onde a Consellería aspira a seguir estando un paso por diante. Para iso, aprobarase este curso un novo decreto de ordenación e vanse suceder medidas como as formacións aceleradas, a creación da figura do profesor asociado ao estilo das universidades, así como de títulos internacionais, o novo selo que dará vantaxes a empresas colaboradoras ou a regulación da propiedade intelectual vencellada a proxectos de innovación xurdidos nas aulas, tamén a través dun decreto.