
Galicia é a segunda comunidade autónoma do Estado, tras Valencia, coa maior porcentaxe de alumnado matriculado en Ensinanzas Artísticas, tal e como se reflicte nas estatísticas oficiais do Ministerio de Educación, segundo deu conta hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante unha visita ao Conservatorio Superior de Música da Coruña, onde estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez.
Así pois, segundo os datos ministeriais, en Galicia, por cada 10.000 habitantes de entre 14 e 21 anos, hai 330 estudantes cursando Ensinanzas Artísticas, moi preto dos 392 da Comunidade Valenciá, que ocupa a primeira posición. A media española é de 230.
Na súa visita ao centro con motivo do inicio curso escolar, o conselleiro subliñou que esta segunda posición no panorama nacional é un exemplo da fortaleza e da calidade da formación artística que se imparte nos nosos centros autonómicos e dos que o Conservatorio Superior de Música da Coruña é un referente.
Román Rodríguez salienta a aposta do Goberno galego polo impulso e consolidación destas ensinanzas que son unha opción académica de primeiro orde a través dunha oferta ampla e reforzada con iniciativas novidosas como a implantación de novos itinerarios e másteres, o impulso da feira InnovArt para poñer en valor o traballo de alumnos e profesores destes centros ou o liderado de Galicia no debate estatal para a equiparación efectiva e real dos titulados das Ensinanzas Artísticas Superiores cos titulados universitarios na normativa. Así mesmo, lembrou tamén a medida pioneira do Goberno galego de matrícula gratuíta para todos os alumnos destas ensinanzas e da cal no curso pasado se beneficiaron máis de medio millar de estudantes.
As Ensinanzas Artísticas -que inclúen as Artes Plásticas e Deseño, a Conservación e Restauración de Bens Culturais, as ensinanzas superiores de Música e de Arte Dramática e as ensinanzas elementais e profesionais de Danza e de Música- acadaron o pasado curso os preto de 6.200 matriculados.
No caso concreto das ensinanzas de Música, en Galicia cúrsanas este ano un total de 4.247 alumnos entre os dous conservatorios superiores (A Coruña e Vigo) e os sete profesionais na Comunidade.
Reforzo no Conservatorio da Coruña
En canto ao Conservatorio da Coruña, conta con 290 estudantes para as especialidades de Interpretación, Composición, Pedagoxía e Dirección.
Este centro viu reforzada este ano a súa oferta académica co novo itinerario Canto Jazz da especialidade de Interpretación, o que completa esta familia instrumental. Ademais, a Consellería vai dotar o Conservatorio dun set de tres timbais de orquestra profesionais.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.