Actualidad de Economía

Noticias economia

A comunidade rematou o ano co 100 % do orzamento executado, cun superávit do 0,25 %, reducindo a débeda en 234 millóns de euros e rebaixando a ratio débeda/PIB ata o 14,5 %. Galicia pechou o exercicio cun superávit de 202 millóns de euros. Un saldo positivo motivado por unha liquidación do SFA superior á inicialmente prevista, que permitiu a recuperación da concesión de catro autovías, cun aforro de 342 millóns de euros nos exercicios futuros. Esta operación ten carácter financeiro e, polo tanto, non ten impacto no cálculo do saldo. A débeda por habitante sitúase na comunidade nos 4.395 euros fronte aos 6.870 euros da media de comunidades. Ademais, Galicia lidera un ano máis o esforzo investidor, cun 16,4% do gasto de capital sobre o gasto non financeiro, case o dobre da media.
A débeda pública de Galicia representa só 3,55 % do total da débeda do conxunto das comunidades, o mellor dato de toda a serie histórica, que comeza no ano 1994. Ademais, Galicia é a Comunidade Autónoma que máis reduciu a súa débeda ao peche do exercicio 2024, 234 millóns de euros menos que a finais de 2023. Deste xeito, a débeda de Galicia sitúase no 14,5 % do PIB, fronte ao 21,1 % da media autonómica. O secretario xeral Técnico e do Tesouro da Consellería de Facenda e Administración Pública compareceu hoxe a petición propia na Comisión 3ª do Parlamento para dar conta do endebedamento da Comunidade Autónoma de Galicia ao peche do exercicio de 2024.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe a importancia de que exista un diálogo fluído entre Alcoa e o comité de empresa nun ano, dixo, que vai ser 'crucial' para a compañía, posto que sairá da súa condición de empresa en crise e poderá ter acceso, polo tanto, a axudas públicas e outras vías de financiamento. Segundo apuntou, para iso, o prazo que manexa a propia Alcoa é o último trimestre de 2025 cando, engadiu, ao superar esa condición 'vai poder abrir todo un campo de vías tanto de financiamento como de apoios públicos'. 'Cremos que este ano é crucial', sinalou Lorenzana, para que 'xa poida comezar a funcionar no mercado económico con normalidade'.
O presidente autonómico, Alfonso Rueda, anunciou a aprobación por parte do Consello da Xunta do Plan director da automoción para o período 2025-2027, que 'estará dotado de 230 millóns de euros' para impulsar un sector 'que está a vivir a súa propia revolución industrial coa chegada do vehículo eléctrico'. Esta industria foi declarada estratéxica xunto coa metalmecánica, a naval, o sector forestal-madeira, a industria das TIC, a loxística industrial, a industria da alimentación, o sector téxtil e confección e a industria da construción. O Plan director da automoción é o resultado dun proceso participativo e colaborativo de interlocución con todo o sector.
Alfonso Rueda destacou que o Goberno autonómico traballa no deseño da nova Estratexia de internacionalización da empresa galega 2026-2030, a folla de ruta para seguir potenciando a saída ao exterior das empresas galegas e que inclúe medidas para que o tecido produtivo afronte mellor os retos do futuro máis inmediato. Rueda salientou a posible implantación de aranceis por parte de Estados Unidos ao produtos doutros países. Nesta liña lembrou que, na actualidade, hai 'un millar de empresas galegas que exportan aos EEUU, das que 350 o fan de forma regular'.
A economía galega medrou un 2,9% no cuarto trimestre de 2024 en relación ao mesmo período do ano anterior, como se desprende da información publicada polo Instituto Galego de Estatística. En canto á evolución intertrimestral, de setembro a decembro de 2024 o PIB autonómico aumentou un 0,8%, mentres que o ano se pechou cun crecemento do 2,8%. Os datos de contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego –en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- medrou no cuarto trimestre un 1,0%.
O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, sinalou que o reparto da débeda autonómica entre todos os españois suporá que cada galego deba pagar 220 euros máis. Ademais, sinalou que a débeda mutualizada a Galicia 'non desaparece', súmase á doutras Comunidades Autónomas e increméntase a que 'pasa a ter cada galego'. Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia, o presidente da Xunta sinalou que a mutualización dos 4.000 millóns de débeda autonómica non implica a transferencia directa deses recursos e que pasen a estar a disposición da Xunta. Con esta medida, parte da débeda das autonomías pasaría a estar asumida pola Administración Xeral do Estado, pero as comunidades non contarían con novos recursos e unicamente aforrarían o pago de parte dos xuros.
Ata o de agora, o teito de renda para unha unidade familiar para o acceso á unha VPP situábase en 2,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem), límite que pasará a ser de 3 veces o Iprem. Con respecto ás VPA de réxime especial, o límite máximo do Iprem increméntase tamén en medio punto, pasando de 3 a 3,5; e pasando ademais do 4,5 ata 5 veces o Iprem nas vivendas de réxime xeral. Mantense o tramo de ingresos ponderados para o acceso ás VPA de réxime concertado, en ata 6,5 veces o Iprem. Ata o de agora, para que unha parella cun fillo poda adquirir unha VPP ou unha VPA de réxime especial, o Iprem fixaba os ingresos máximos anuais brutos en ata 26.250 euros. Coa modificación do tope, e a modificación dos tramos de ingreso, esa mesma unidade familiar para a adquisición da mesma vivenda, acadará os 31.500 euros anuais brutos.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou hoxe que Galicia deixa de ingresar 127 millóns de euros cada mes pola inacción do Goberno central na actualización das entregas a conta. Tal e como destacou Rueda, esta é unha das conclusións do informe sobre as repercusións na Tesourería da Comunidade do retraso da actualización do importe das entregas a conta do Sistema de Financiamento Autonómico (SAF), que o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presentou hoxe no Consello de Goberno. Para o titular do Goberno galego, o próximo Consello de Política Fiscal e Financieira “vai ser unha oportunidade perdida” se non se fala do financiamento autonómico, unha cuestión prioritaria.
A repotenciación dos 25 parques eólicos máis antigos de Galicia, por superar os 25 anos de antigüidade, permitirá a retirada de máis de 800 aeroxeradores da paisaxe galega, que quedan reducidos a unha media de 120. A día de hoxe, os cinco parques eólicos que hai en Galicia xa repotenciados están na provincia da Coruña: en Zas, Corme, Cabo Vilán, Malpica e entre Mañón e Ortigueira (Serra da Panda II). Á espera de coñecer os datos do informe anual de Rede Eléctrica, Galicia é a terceira Comunidade Autónoma con maior produción eléctrica a partir da forza do vento (9.086 GWh). A eólica foi a tecnoloxía renovable que máis GWh achegou durante 2023 ao mix enerxético autonómico, ata o 38,1 %.
« Anterior | 9  de  388 | Siguiente »

Notas economia

As iniciativas abraguen actividades do sector industrial da automoción; do sector agroalimentario, como a elaboración de viños, pan e bolería; e dos servizos, como centros para maiores e escolas infantís, clínicas dentais, de fisioterapia e podoloxía ou restaurantes especializados. O investimento medio por proxecto é de preto de 152.000 euros, correspondéndose máis do 47% das iniciativas ás impulsadas por autónomos e as restantes por sociedades mercantís.
Trátase dun complemento do que se beneficiarán 38.500 galegas e galegos perceptores de pensións non contributivas, do Fondo de Asistencia Social e do Subsidio de Garantía de Ingresos Mínimos. Estes 206€ serán ingresados de oficio e abonados nun único pagamento nos dez primeiros días do mes de xaneiro. Así se reflicte nos orzamentos de 2020 que contemplan unha partida destinada a esta finalidade.
A mellora dos resultados obtidos nos controis que realiza periodicamente o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia nas zonas de produción marisqueira permitiu que desde a semana pasada sete desas zonas de produción mellorasen a súa clasificación microbiolóxica, o que facilita o labor do sector. As análises realizadas nestas áreas de traballo revelaron de xeito continuado menores niveis de contaminación pola bacteria E. Coli.
As catas dan comezo este mércores, no Centro Integrado de Formación Profesional Compostela, sito en Lamas de Abade. Ese día arrancará a XVIII Cata dos Meles de Galicia, mentres que os días 28 e 29 destinaranse á XXII Cata dos Queixos de Galicia. Un labor que levará a cabo un panel de sete expertos, no caso dos meles, e doce no dos queixos, encargados de analizar totalmente a cegas e de forma minuciosa as mostras, para pasar a seleccionar as marcas gañadoras.
O Leader ten un orzamento de 84 millóns de euros dentro do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e actualmente arredor do 85% dos seus fondos están xa comprometidos. Estes recursos, xestionados por cada un dos GDR no seu respectivo ámbito xeográfico, serven para dinamizar o territorio e impulsar un desenvolvemento harmónico do noso agro cun enfoque “de abaixo a arriba”.
A Fundación Juana de Vega coordina o primeiro encontro de diagnose no marco da “Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia” que se está desenvolvendo en virtude dun convenio de colaboración subscrito o pasado mes de agosto entre a Fundación, a AGADER, a Axencia de Turismo de Galicia e o IGAPE.
Máis de 70 profesionais de 51 empresas de ambas as beiras do Miño participan no V Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia, que se desenvolve hoxe e mañá no balneario da localidade ourensá de Arnoia. A Xunta e o Goberno luso organizan este foro bilateral, que continúa aumentando progresivamente tanto en nivel de participación como en acordos de colaboración e coprodución.
A sostibilidade agro-territorial centrará a temática do XII Congreso de Economía Agraria que se desenvolverá do 4 ao 6 de setembro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC, un foro científico de carácter estatal para o que xa confirmaron a súa inscrición máis de 200 investigadores de universidade españolas e iberoamericanas nas que se imparten estudos de agronomía e enxeñaría forestal, ademais de profesionais destes sectores.
Constituise a rede provincial de concellos termais de Ourense, unha agrupación integrada por 15 municipios que permitirá garantir a estabilidade destes asentamentos dentro da provincia e seguir, así, impulsando o potencial económico e turístico destas augas. Esta normativa céntrase expresamente no emprego lúdico das augas termais, complementando a normativa vixente sobre a súa práctica terapéutica.
O grupo de investigación Proxectos e Planificación ( ProePla) da USC e a Oficina Agraria Comarcal de Lugo promoven a organización da xornada 'Smart farming, novas tecnoloxías na produción de leite', un foro que se desenvolverá o vindeiro 12 de setembro no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo e que se encadra dentro do Plan de Transferencia Tecnolóxica ao Agro Galego 2019, financiado a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES