Notas de prensa

O V Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia reúne en Arnoia 51 empresas na busca de novos proxectos conxuntos

Máis de 70 profesionais de 51 empresas de ambas as beiras do Miño participan no V Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia, que se desenvolve hoxe e mañá no balneario da localidade ourensá de Arnoia. A Xunta e o Goberno luso organizan este foro bilateral, que continúa aumentando progresivamente tanto en nivel de participación como en acordos de colaboración e coprodución.

Así o destacou na apertura desta quinta edición Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que xestiona esta iniciativa xunto co Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal (ICA) e coa colaboración da Unión Europea a través do Subprograma MEDIA-Europa Creativa. Acompañárono neste acto Anxo M. Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais; Rosendo Luis Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, e Manoel Claro, representante da Portugal Film Commision.

Sutil explicou que se xa na primeira edición de 2015 o foro conseguira reunir 27 produtoras, desta volta son 51 as que se dan cita en Arnoia para estudar posibles acordos de coprodución internacional arredor de 80 proxectos de cine e de televisión presentados. Farano, como en anos anteriores, nas reunións one to one que a organización lles concertou para a xornada de mañá.

Acordos xa materializados

O director da Agadic subliñou, así mesmo, a materialización de moitos dos contactos iniciados en anteriores edicións desta cita, orientada a impulsar e normalizar a colaboración entre os sectores audiovisuais galego e luso. Entre eles, mencionou a serie Auga seca, de Portocabo e SP-i, que vén de conseguir a primeira axuda do programa MEDIA á difusión televisiva para unha produtora galega. Tamén comezaron a xestarse neste foro a longametraxe Ons, que Maruxiña Film Company e Bando Aparte están a rodar nestes momentos; A illa das mentiras, de Agallas Films e Take 2000; A espía, de Ukbar Films e Ficción Producciones; O futuro da mente, de Agallas Films e Take 2000 co apoio do programa MEDIA a desenvolvemento; Camiños da irmandade, de M International Audiovisual con TVG e RTP, e Vidago Palace, de Hop! Films e Portocabo.

Nesta quinta edición, desprazáronse ata Arnoia os representantes de 20 compañías galegas (Agallas Films, Belle Films, Control Z, Cósmica Producións, CTV, Esnatu Zinema, Ficción Producciones, Filmax, Frida Films, Gaita Films, La Región, M International, Maruxiña Film Company, Mondotropo, Noire et Blanche, Ollo Vivo, Portocabo, Producións Fenda, Q+Ver e Somadrome), mentres que pola banda portuguesa están acreditadas 31 empresas.
Así mesmo, cóntase coa participación das televisións públicas de Galicia e Portugal (TVG e RTP) e coa implicación doutros colectivos profesionais de ambos os territorios, como a Minho Film Commission, o Clúster Audiovisual Galego (Clag)ou a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

A actividade do V Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia complétase con tres sesións específicas impartidas esta tarde e mañá por profesorado do EAVE, Eurodoc e APostLab, prestixiosos programas formativos europeos do ámbito audiovisual, que están orientadas a aspectos relacionados coa coprodución internacional.

V Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia, 2019-11-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES