Notas de prensa

A sostibilidade agro-territorial, a debate en Lugo do 4 ao 6 de setembro no XII Congreso de Economía Agraria

A sostibilidade agro-territorial centrará a temática do XII Congreso de Economía Agraria que se desenvolverá do 4 ao 6 de setembro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC, un foro científico de carácter estatal para o que xa confirmaron a súa inscrición máis de 200 investigadores de universidade españolas e iberoamericanas nas que se imparten estudos de agronomía e enxeñaría forestal, ademais de profesionais destes sectores.

O reitor da USC, Antonio López Díaz, presidirá este mércores, a partir das 17.30 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, a inauguración deste congreso no marco dunha sesión na que tamén intervirá o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación do Goberno de España, Luis Planas Puchades; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé Roca; os presidentes da Asociación Española de Economía Agraria (AEEA), Raúl Compés López e Tomás García Azcárate, e Roberto García Torrente, en representación de Cajamar.

A estrutura da próxima edición do congreso de periodicidade bienal da Asociación Española de Economía Agraria xirará arredor de tres mesas plenarias, nas que un total de 11 relatores de recoñecido prestixio tratarán cuestións ligadas á sostibilidade e retos do sector leiteiro, á ordenación e fórmulas de produción do territorio rural, así como á dinamización deste sector primario a través da cooperación e dos clústeres agroalimentarios interesados na promoción de iniciativas innovadoras e sostibles.

As pretensións do XII Congreso de Economía Agraria, un evento que constitúe a actividade máis importante das que promove a Aeea, pasan por salientar e poñer de relevo a importancia da análise da sostibilidade dos actuais modelos de consumo e produción agroalimentaria, gandeira e forestal no contexto territorial no que se desenvolven. A celebración deste evento científico no campus de Lugo, permitirá abordar este debate desde a perspectiva atlántica e sen obviar a fraxilidade das áreas que están a sufrir graves problemas de tipo económico e demográfico, a pesar de tratarse de enclaves con potencialidades para a creación de riqueza.

A celebración deste congreso no Campus Terra da USC, a sede da USC que avanza na súa especialización no aproveitamento e na posta en valor de toda a riqueza e das potencialidades que ofrece todo o relacionado coa terra e o territorio, permitirá asemade estimular a investigación sobre o futuro das políticas agrarias e, en particular, da Política Agraria Común (PAC) da próxima década. à relevancia deste congreso cómpre sumar tamén as potencialidades da sede universitaria luguesa, cuxa actividade docente e de I+d+i pivota en grande medida sobre a actividade agrogandeira e as súas industrias derivadas, características que fan do campus de Lugo un enclave acaído para o encontro, o diálogo e a transferencia de coñecemento.

O Congreso de Economía Agraria da AEEA chega a Lugo logo dunha xa dilatada andaina que botou a andar en 1992 en Zaragoza, tomando o relevo das denominadas Reunións de Estudo celebradas ata entón pola citada asociación. Entre 1992 e 2007 estes congresos científicos foro de periodicidade trienal e tiveron como sedes Valencia (1995), Lleida (1998), Pamplona (2001), Santiago de Compostela (2004) e Albacete (2007). Almería (2009), Madrid (2011), Castelldefels (2013), Córdoba (2015) e Elche/Orihuela (2017) completan a relación de localizacións que acubillaron este evento científico da AEEA ao longo do último cuarto de século.

Universidade de Santiago de Compostela, 2019-09-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES