
As melloras supoñen que dúas zonas que tiñan clasificación B -os produtos extraídos delas tiñan que pasar por un proceso de depuración previo á súa venda- pasan a ser zonas A, polo que o marisco pode ser comercializado directamente sempre a través dun centro de expedición. Mentres, outras cinco zonas catalogadas como C -polo que o produto tiña que pasar pola depuración natural mediante reinstalación en batea- ou B/C estacional, pasan a ser zona B, co que o marisco extraído delas poderá comercializarse directamente previo paso por unha depuradora.
Estes cambios, froito da mellora da calidade das augas, facilitarán o traballo dos mariscadores ao reducir ou eliminar os prazos de depuración dos produtos extraídos e deberían redundar nun mellor prezo das súas capturas en lonxa.
As zonas que pasan de estar clasificadas como B a ser zona A son a parte media da ría do Barqueiro, en Lugo, e a enseada de Meloxo, na ría de Arousa, mentres que na ría arousá están outras dúas das cinco zonas que melloran de C a B. Unha delas é a do saco de Fefiñáns, en Cambados, que antes era C e agora pasa a ser B, e a outra é a coñecida como Entre canos, tamén en Cambados, que ata agora era B/C estacional -sendo C entre novembro e xuño- e que pasa a ser B todo o ano.
As outras melloras de clasificación das zonas de produción correspóndense co banco da Comboa, na ría de Ortigueira, coa enseada de Caranza, en Ferrol, e coa parte media do esteiro do río Mandeo. Estas tres áreas de traballo pasaron de estar catalogadas como zonas C a ser zona B, co que o produto extraído só ten que pasar por unha depuradora antes da súa comercialización.
O traballo de seguimento constante dos bancos marisqueiros que fai a Xunta a través do Intecmar permite coñecer o seu estado e ver o xeito de mellorar a súa produción polo que estas melloras na clasificación son froito en moitos casos de labores para rexenerar os bancos marisqueiros e actuacións para mellorar o saneamento das rías.
Estas melloras facilitarán o traballo dos profesionais do marisqueo das zonas afectadas e súmanse ás 27 zonas que melloraron a súa clasificación entre abril de 2009 e xullo deste ano, concretamente en 20 bancos marisqueiros e sete viveiros flotantes con incidencia en máis de 12 quilómetros cadrados de bancos marisqueiros e 740 bateas.
As análises realizadas polo Intecmar tamén constataron o empeoramento de dúas zonas de produción marisqueira, a enseada de Fisterra e a enseada de Bañobre. A primeira delas posou de ser A estacional (era B no mes de agosto) a ser B todo o ano e a segunda pasou de ser B a ser B de novembro a abril e C de maio a outubro. A elas súmanse os polígonos A Pobra A-B, unha zona de cultivo en viveiros que pasa de ser A a B.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.