Notas de prensa

Acto de entrega dos Premios de Emprendemento da Universidade da Coruña no marco de UDC TALENTO

A UDC vén de celebrar o acto de entrega dos Premios de Emprendemento, unha das actividades incluídas na xornada UDC TALENTO, a I Feira de Emprendemento e de Apoio ao Emprego da UDC desenvolvida no marco de IMPULSA-T. O acto deu comezo coa entrega dos Premios Santander X Spain Awards, uns galardóns que teñen como obxectivo recoñecer as ideas de negocio universitarias e startups máis innovadoras e prometedoras.

Este evento contou coa presenza da vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da Universidade da Coruña, María José Lombardía Cortiña; acompañada por José Anta Álvarez, adxunto de Transferencia da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia; Marta Mariño Regueiro, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e María Eugenia Fandiño Pita, xerente de Institucións de Galicia de Santander España.

Durante a súa intervención, a vicerreitora destacou que “o emprendemento é crear oportunidades, transformar ideas en realidade e apostar polo propio talento” e que “na Universidade da Coruña cremos firmemente que cada estudante leva dentro de si a semente do cambio, da innovación e do impacto positivo na sociedade”, subliñando que “estes premios axudan a descubrir e potenciar este talento”.

O acto deu comezo coa entrega dos Premios Santander X Spain Awards, uns galardóns que teñen como obxectivo recoñecer as ideas de negocio universitarias e startups máis innovadoras e prometedoras do panorama estatal, ofrecéndolles apoio no seu crecemento, visibilidade, proxección internacional e mentorías personalizadas de xeito gratuíto.

Os primeiros premios en entregarse foron para os proxectos emprendedores en fase de validación do programa “Santander X Spain Awards | Proxectos Emprendedores Universitarios 2025”. En primeiro lugar, María José Lombardía Cortiña e María Eugenia Fandiño Pita fixeron entrega dos diplomas aos tres equipos finalistas:

- Consultoría & Datasafe Innovations, unha iniciativa de asesoría especializada na regulación da intelixencia artificial e na protección de datos persoais, dirixida a concellos galegos de menos de 15000 habitantes e a microempresas.
- Juryscription, un software que combina a análise de datos e intelixencia artificial para modernizar o ámbito xudicial mediante a automatización dos procesos administrativos.
- Tapit, unha proposta de dixitalización do intercambio de tarxetas de visita mediante tecnoloxía NFC, recoñecida ademais cunha mención de honra.

A continuación, entregáronse os diplomas e premios económicos (2000 euros por proxecto) aos equipos gañadores desta modalidade:

- La Madriguera de Pichi, un centro de educación ambiental para achegar a natureza ás escolas empregando metodoloxías pedagóxicas innovadoras en sustentabilidade e conservación.
- Membermetrics, un proxecto de plataforma integral para a recollida, análise e xestión das valoracións e opinións de clientes en tempo real, orientada actualmente ao sector dos ximnasios.
- Rethink, un sistema de reciclaxe comunitario de plásticos que recompensa ás persoas usuarias con puntos, os cales poden cambiar por produtos ou descontos en empresas colaboradoras.

O acto continuou coa entrega dos premios ás startups universitarias, enmarcados no programa “Santander X Spain Awards | Startup Universitaria 2025”. José Anta Álvarez e María Eugenia Fandiño Pita fixeron entrega dos diplomas de finalistas a Motion and Force Engineering Solutions e Nerxus Quality Solutions, dúas spin-offs da UDC orientadas, respectivamente, á aplicación da investigación biomecánica e á optimización da eficiencia enerxética. O diploma de startup gañadora, dotado cun premio económico de 4000 euros, foi para Artificial Intelligence Indestia, que incorpora a intelixencia artificial ao ámbito publicitario, con especial foco nos anuncios inmobiliarios.

Na última parte da cerimonia procedeuse á entrega dos premios ao estudantado da Universidade da Coruña polos seus traballos de fin de estudos vinculados ao ámbito do emprendemento. As dez persoas galardoadas presentaron e defenderon os seus proxectos entre o 1 de setembro de 2023 e o 31 de xullo de 2025. Concedéronse primeiros e segundos premios en cada unha das cinco áreas de coñecemento (Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, e Enxeñaría e Arquitectura), dotados con 800 e 400 euros, respectivamente. Estes premios contaron co financiamento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.

Persoas premiadas:

- Artes e Humanidades: Clara Souto Ferreiro (1º premio), polo desenvolvemento da estratexia de branding dunha marca propia: Beboppy.
- Ciencias: Manuel Loureiro Muiños (1º premio), polo deseño dun nanosensor para a detección rápida e selectiva de bacterias patóxenas; e Santiago Fernández-Noriega Balseiro (2º premio), con Tapit, un proxecto de dixitalización de tarxetas de visita con tecnoloxía NFC.
- Ciencias da Saúde: Pablo Páramo Telle (1º premio), co proxecto ComunicELA para a mellora da comunicación en pacientes con ELA; e Cecilia Belzarena Fernández (2º premio), polo desenvolvemento dun sistema de detección automática da COVID-19 persistente a partir de imaxes OCT.
- Ciencias Sociais e Xurídicas: Mónica Irina Casas Pérez (1º premio), polo proxecto de implementación da economía circular nun restaurante saudable; e Iván Suárez Míguez (2º premio), cun proxecto de residencia de mascotas na cidade da Coruña.
- Enxeñaría e Arquitectura: Irene Rodríguez Ríos (1º premio), polo seu traballo de redeseño da ourivaría tradicional galega para xoiería de alta gama; Lucía Naya Cambón (2º premio), polo desenvolvemento dunha ferramenta de análise de indicadores clave nunha empresa de produtos lácteos; e David Zambrana Seoane (2º premio), co traballo de deseño dun stack de observabilidade para plataformas de e-commerce.

A vicerreitora María José Lombardía Cortiña clausurou o acto resaltando que estes galardóns son “un reflexo do talento, da creatividade e da capacidade transformadora que queremos impulsar desde a Universidade da Coruña a través deste novo programa IMPULSA-T”.

Universidade da Coruña (UDC), 2025-11-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES