Notas de prensa

Os reitores do SUG acadan un preacordo sobre Medicina que garante a creación de unidades docentes en Vigo e Coruña cun mínimo do 50% de profesorado destas universidades

Tras unha década sen que o acordo de descentralización de Medicina se fixese efectivo e case medio ano despois de que a UDC solicitase a implantación do grao, os reitores do Sistema Universitario Galego confirmaron en Santiago de Compostela a consecución dun preacordo entre as tres universidades, que terá que ser validado, primeiro polo grupo de traballo, do que tamén forman parte as consellerías de Educación e Sanidade, e representantes da Facultade de Medicina e do SERGAS.

En liñas xerais o preacordo anunciado hoxe, que abrangue ata o curso 2028/2029, contempla a formación de unidades docentes nos hospitais Ãlvaro Cunqueiro e no CHUAC; a contratación de como mínimo o 50% do futuro profesorado das unidades docentes por parte das universidades de Vigo e A Coruña; e a achega económica para realizar estas contratacións por parte da Xunta de Galicia ás universidades. Asinarase un convenio único, con anexos para cada institución académica e existirá cláusula de saída ante incumprimentos ou ante a insatisfacción co desenvolvemento do proceso.

“Agradezo o ton das negociación e espero que se chegue a aprobar o acordo no grupo de traballo e logo nos consellos de goberno” sinala o reitor da UVigo e coordinador do grupo de traballo, Manuel Reigosa, que considera ademais que “na situación actual, é un bo acordo para o desenvolvemento dos estudos de Medicina en Galicia, e espero que o futuro permita un grao maior de corresponsabilidade”.

Un documento único e consensuado

Na súa comparecencia ante os medios este mediodía en Santiago de Compostela, Manuel Reigosa confirmou que o consenso acadado permitirá presentarlle a vindeira semana ao grupo de traballo “un documento único, consensuado e que está baseado na formación de unidades docentes, tanto en Coruña como en Vigo, ademais de en Santiago, onde xa existía”. Isto permitirá, confirmou Reigosa, que haxa profesorado de distintas categorías contratado polas tres universidades galegas, e “agardamos que este acordo sexa validado, matizado e corrixido polo grupo de traballo, pero que permita empezar a traballar xa no desenvolvemento dunha docencia descentralizada, tal e como esperábamos, que sexa o mellor para a formación dos médicos e no que todos poidamos sentirnos útiles para Galicia, tanto a Universidade de Santiago de Compostela, que é a que ten o título, como as de Vigo e Coruña, que queremos xogar un papel importante tamén na formación destes médicos”.

O preacordo anunciado este mediodía está baseado en documentos nos que, confirmou o reitor da UVigo, se levaba tempo traballando e tendo en conta debates previos como os mantidos nas universidades de Vigo e Coruña, incluíndo os acordos dos seus respectivos consellos de goberno. Para a súa posta en marcha, Reigosa avanzou que se contará cunha axuda económica importante para a contratación de novo profesorado, que será o que facilitará a descentralización “e que a docencia, que xa é boa, mellore”, así mesmo indicou que se trata de aproveitar as potencialidades de todos os hospitais de Galicia.

Porcentaxe de profesorado, duración e cumprimento

“Hai moitos detalles que teñen que ver co número de profesores que se van incluír de cada unha das tres universidades”, explicou Reigosa, que tamén indicou que as novas prazas que vaian saír estarán en torno ao 50% en cada unha das unidades descentralizadas, e que, ademais, se van poder incorporar ás tres unidades docentes coas que xa contan as universidades de Vigo e Coruña e que, polo tanto, “todos eles van xogar en pé de igualdade”.

O documento do preacordo tamén recolle os consensos acadados en canto á duración do convenio, que arrancaría o vindeiro curso e se completaría no 2028/2029, así como toda unha serie de documentación adicional que se presentará a vindeira semana ao grupo de traballo. “Durante tres cursos académicos procederíase secuencialmente á descentralización de 4º, 5º e 6º, de maneira que no curso 2028/2029 se acadaría a descentralización completa, cunha parte moi importante no CHUAC e no Ãlvaro Cunqueiro, pero tamén contando coas posibilidades que nos ofrecen outros hospitais de Galicia”, detallou o reitor da UVigo, que tamén incidiu en que a clave será que “todo o persoal implicado nesas unidades docentes estará en pé de igualdade e, polo tanto, “participará na docencia teórica, práctica e clínica con absoluta normalidade”.

Ante posibles incumprimentos do acordo, Reigosa sinalou que “desde logo, se se producise algún incumprimiento podería saírse dese acordo”, se ben, subliñou sentirse “absolutamente optimista en que sexamos quen de facer unha docencia realmente mellor, unha descentralización efectiva, cun número de estudantes acaído nos hospitais da Coruña e Vigo e que, polo tanto, nos sintamos moi cómodos e sigamos traballando para nese curso 2028/2029 poder pór enriba da mesa novos procedementos de descentralización máis completa”.

Procedemento na UVigo

Logo da consecución do acordo acadado este mediodía, Manuel Reigosa confirma que “a Universidade de Vigo seguirá a folla de ruta marcada polo consello de Goberno, pero cabe esperar que se aprobe o novo acordo e, daquela, quede adiada a petición da titulación”.

Reigosa referiuse a este preacordo como “un novo exemplo de colaboración, como tantas veces ten amosado o Sistema Universitario Galego, nalgo que era moi difícil pero que acabou por converterse en todo un exemplo de diálogo”. Nesta liña indicou que “foi complicado, pero valía a pena facer o esforzo polo ben do país, da formación do alumnado de Medicina e por optimizar os recursos cos que contamos”.

Valoracións de UDC, USC e Xunta

O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, indicou que a avaliación dos cumprimentos do acordo farase anualmente e, polo tanto, transcorrido o primeiro ano da sinatura, realizarase xa unha primeira avaliación. Salientou, así mesmo, a importancia que ten “o mantemento da vinculación única de cada hospital á universidade que lle corresponde territorialmente, así como o mantemento das condicións dos institutos de investigación sanitaria das tres universidades, xunto cos hospitais correspondentes”.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, valorou moi positivamente o acordo, ao que se referiu como “un gran paso adiante”. Nesta liña, indicou que se trataba de buscar a mellor solución para a formación de médicos en Galicia e, finalmente, o acordo logrado, vai na liña do que se viña defendendo desde a USC, “que é buscar a implicación de todo o sistema sanitario de Galicia, dos hospitais e das outras universidades”. Así mesmo fixo fincapé, ao igual que Cao e Reigosa, en que este acordo demostra e pon en valor a capacidade do SUG de atopar fórmulas e solucións, “cada un desde a súa propia universidade”, na procura do mellor para Galicia.

En nome da Xunta, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, insistiu en que “hoxe é un bo día para Galicia”, un día no que se lanza unha mensaxe “moi positiva para o conxunto de Galicia”, xa que “entre todos, desde posición antagónicas, fomos capaces de chegar a un punto de encontro, un bo acordo”.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-11-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.
Foto de la tercera plana (golpes-bajos.jpg) O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa e a Homenaxe a Golpes Bajos. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.

Notas

A Universidade da Coruña acollerá o vindeiro 22 de outubro a IV Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), un encontro que reunirá na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC (ETSAC) profesorado das tres universidades públicas galegas para compartir experiencias, boas prácticas e propostas ante os novos retos da docencia universitaria.
A maior presenza de proxectos tecnolóxicos ou xurdidos da investigación universitaria entre as iniciativas de emprendemento seleccionadas é un dos aspectos destacados dá XIII Pont-Up Store. Promovido pola UVigo e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, este encontro do emprendemento permite a 48 novas iniciativas empresariais dar a coñecer os seus produtos e servizos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES