
O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse cos xerentes dos 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Galicia, para avaliar e impulsar a aplicación da medida Leader na nosa comunidade autónoma. A xuntanza serviu para poñer de manifesto a boa sintonía existente entre a Xunta e estas entidades e para confirmar a aposta da Consellería do Medio Rural por darlle continuidade aos GDR como xestores desta medida cara o futuro.
Ademais, o conselleiro ofreceu aos grupos a posibilidade de participar e incorporar a súa experiencia e coñecementos en novos proxectos, como o das aldeas modelo ou o dos polígonos agrarios, co fin de fomentar a dinamización e a creación de riqueza e emprego no medio rural. José González trasladou tamén ás xerencias dos GDR a importancia de afondar no impulso á comercialización das pequenas producións tradicionais, sendo o Leader unha ferramenta moi útil para acadar ese obxectivo.
Por outra banda, neste encontro de traballo, celebrado no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón) e ao que tamén asistiu o director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, valorouse o elevado grao de execución desta medida. O Leader ten un orzamento de 84 millóns de euros dentro do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e actualmente arredor do 85% dos seus fondos están xa comprometidos.
Estes recursos, xestionados por cada un dos GDR no seu respectivo ámbito xeográfico, serven para dinamizar o territorio e impulsar un desenvolvemento harmónico do noso agro cun enfoque de abaixo a arriba, dando así un papel protagonista aos axentes públicos e privados asentados sobre o terreo. Por último, nesta reunión acordouse celebrar un novo encontro no vindeiro mes de decembro, que estará centrado na explicación e análise da futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.