
A conselleira participou hoxe na 18ª reunión do Comité de seguimento de Alcoa, a primeira que se celebra logo de que se asinase o memorando de entendemento entre a Xunta de Galicia, o Goberno central, Alcoa e Ignis, para dar garantías á empresa dos prazos dos distintos procedementos administrativos que cada goberno, no seo das súas competencias, ten que tramitar, lembrou.
Segundo dixo, foi unha reunión na que se volveu poñer de manifesto o compromiso absoluto coa planta de San Cibrao e cos máis de 1.000 traballadores e todas as súas familias. Lorenzana destacou, en particular, que, por parte da Xunta de Galicia, nestes últimos meses foi moi importante a autorización da balsa de lodos. Ao respecto, avanzou que a Administración autonómica vai seguir traballando para que poida seguir aumentando a cota e, polo tanto, poida seguir a actividade de Alcoa.
Neste contexto, tamén puxo de manifesto que aínda quedan fitos por cumprir, como o desbloqueo dos parques eólicos que teñen asinados coa empresa contratos de compravenda de enerxía a longo prazo (PPAS) e vanlle garantir unha subministración a prezos máis baixos e competitivos. É clave conseguir abaratar os custos fixos que ten a compañía, traballar para que a fábrica poida continuar desenvolvendo a súa actividade, dixo, para apelar de novo ao diálogo. Para seguir co seu traballo en Galicia ten que haber un compromiso por ambas as dúas partes ademais de, por suposto, por parte dos gobernos, que van facer un seguimento para que os compromisos se vaian cumprindo, concluíu.
O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.
Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.