
Neste sentido, a Xunta reclamará ao Goberno nesta reunión a actualización inmediata das entregas a conta para que Galicia ingrese as cantidades que se lle deben en función dos tributos que pagan os cidadáns en cada territorio, algo para o que non é preciso ter aprobados os Orzamentos.
Segundo lembrou o presidente, as CC.AA. están a recibir unhas entregas a conta prorrogadas, calculadas a partir da previsión de ingresos do ano 2023, o que supón que cada mes que pasa sen que se actualicen, reciban 1.802 millóns de euros menos do que lles correspondería.
O atraso destas entregas o ano pasado provocou tensións de liquidez na Tesourería da Comunidade galega ás que se tivo que facer fronte con créditos que xeraron custes financeiros de máis de 10 millóns de euros.
A situación estase a repetir este ano, coa falta de Orzamentos Xerais e a negativa do Goberno central a tramitar a actualización das entregas a conta mediante Real Decreto-Lei, o que podería supoñer 14 millóns de euros máis en gastos financeiros ao final de ano. Como consecuencia, a Xunta pedirá a compensación dos custes financeiros nos que se incorre.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.