Notas de prensa

A Fundación Juana de Vega coordina o primeiro encontro de diagnose sobre a estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas galegas

A Fundación Juana de Vega coordina o primeiro encontro de diagnose no marco da “Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia” que se está desenvolvendo en virtude dun convenio de colaboración subscrito o pasado mes de agosto entre a Fundación, a AGADER, a Axencia de Turismo de Galicia e o IGAPE.

Esta estratexia ten por obxectivo mellorar o posicionamento dos viños galegos no seu conxunto, reforzar a súa imaxe de marca vinculada cos territorios nos que se producen e mellorar a eficacia da promoción e comercialización dos produtos turísticos vinculados ao enoturismo e a enogastronomía.

Este primeiro encontro tivo lugar no Centro de Desenvolvemento Cooperativo (Verín) para analizar a situación da DO Monterrei e as principais debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades para o sector vitivinícola e turístico do territorio. Nel participaron diversas organizacións e institucións cuxo ámbito de actuación coincide prioritariamente co territorio da DO Monterrei, tanto relacionadas directamente co sector vitivinícola, como do sector turístico, das administracións públicas e doutros axentes do territorio: viticultores, adegas, Consello Regulador, rutas do viño, Deputación de Ourense, Clúster do Turismo de Galicia, Consorcio de Turismo, hostaleiros, axencias de viaxe, concellos, Grupos de Desenvolvemento Rural, centros de investigación, centros de formación, entre outros.

O obxectivo destes encontros é en primeiro lugar coñecer as inquedanzas dos distintos axentes das comarcas vitivinícolas de Galicia respecto dos diferentes temas a abordar. Tamén facelos partícipes dos avances na elaboración da estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia así como recoller as achegas dos distintos axentes, respecto da diagnose do sector así como dos retos e obxectivos que deben guiar o sector vitivinícola e turístico galego no futuro.

O encontro celebrado hoxe en Monterrei contou cunha primeira fase para a identificación das principais debilidades e ameazas da comarca; unha segunda de debate entre todas as persoas asistentes, e unha terceira parte na que se plasmaron as conclusións, consensos, visións e retos que debe afrontar o territorio e o sector nos próximos anos.

A metodoloxía empregada propiciou un diálogo colaborativo entre as persoas participantes. Asemade favoreceu un proceso creativo no que as persoas puideron dialogar sobre as cuestións que foron expoñendo. Isto favoreceu que aflorasen ideas, acordos e camiños de acción creativos e innovadores, e todo isto nun ambiente acolledor e distendido, no que compartir opinións e coñecemento en asuntos sectoriais, desde perspectivas diversas.
A este primeiro encontro en Verín seguiranlle outros catro similares nos outros territorios vitivinícolas que existen en Galicia (Ribeira Sacra, Valdeorras, Rías Baixas e Ribeiro), que se celebrarán antes de fin de ano seguindo esa mesma metodoloxía.

O sector vitivinícola converteuse nun dos sectores máis dinámicos do rural galego, aglutinando nas súas cinco Denominacións de Orixe, a máis de 13.000 viticultores, unhas 450 adegas e un valor económico de máis de 200 millóns de euros. O viño é por tanto un importante dinamizador nas comarcas de Galicia que están ligadas a estas Denominacións de Orixe, creando fortes vínculos entre agricultura, patrimonio, paisaxe, gastronomía, cultura e turismo.

Fundación Juana de Vega, 2019-11-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES