
O XII EMI está organizado por investigadores e investigadoras das tres Universidades galegas e está aberto a todo o seu estudantado de doutoramento, que ten a oportunidade de asistir e facer as súas contribucións a este evento, que durante dous días ofrecerá sesións de relatorios, pósters e mesas redondas. O obxectivo é dar a coñecer as principais temáticas de cada campo de investigación, o que sen dúbida constitúe unha experiencia enriquecedora para todas aquelas persoas que participan.
Logo da apertura do congreso, que presidiu a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e do relatorio da profesora Teresa Moure titulado Dimensión de xénero na investigación, ao longo de toda a xornada do mércores teñen lugar diversos paneis de pósters e comunicacións ademais dunha mesa redonda con asociacións de investigadoras.
Xa o xoves, ademais das comunicacións orais, desenvolverase ás 9.30 horas un relatorio de Pilar Bárcena, do Servizo de Atención Psicolóxica da USC, sobre a saúde mental na investigación. O encontro remata coa entrega dos premios á mellor comunicación de cada área de investigación (Artes e humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura).
O XII EMI configúrase deste xeito unha oportunidade única para mostrar e discutir as investigacións propias coas demais compañeiras e compañeiros predoutorais, potenciando así novas ideas e oportunidades. En definitiva, este encontro constitúe un marco incomparable para favorecer as relacións entre membros da comunidade universitaria, apostando pola colaboración inter e multidisciplinar entre áreas de coñecemento.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.