A economía galega medrou un 2,9% no cuarto trimestre de 2024 en relación ao mesmo período do ano anterior, como se desprende da información da contabilidade trimestral referente a este período, publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). En canto á evolución intertrimestral, de setembro a decembro de 2024 o PIB autonómico aumentou un 0,8%, mentres que o ano se pechou cun crecemento do 2,8%.
Desde o punto de vista da demanda, a formación bruta de capital aumentou un 3,8% e as exportacións de bens e servizos presentan unha taxa interanual do 3,7%. As importacións suben un 1,7%, o mesmo que medra a demanda interna e o gasto en consumo final chega ao 1,4%. No que respecta á oferta, a construción medrou un 6,0%; o sector primario un 1,8% e os servizos un 3,7%, cun maior incremento no apartado de comercio, transporte e hostalería (5,8%).
Crecemento do emprego
Ademais, os datos de contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- medrou no cuarto trimestre un 1,0%, o que supón un incremento de 10.577 postos respecto ao mesmo trimestre do ano anterior.
Por ramas de actividade, o emprego creceu un 1,4% no sector servizos e un 1,0% na construción, mentres que na industria se rexistra un aumento do 0,9% e no sector primario unha diminución do 3,3%.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.