//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias economia
A débeda pública de Galicia representa só 3,52 % do total da débeda do conxunto das comunidades, o mellor dato de toda a serie histórica, que comeza no ano 1994. Ademais, a ratio de débeda PIB galega sitúase no 13,9 %, fronte ao 20,2 % da media autonómica e por baixo das previsións iniciais contidas nos Orzamentos 2025, que eran do 14,1 %. Tamén desde o ano 2020 Galicia formaliza unha parte cada vez máis significativa do seu endebedamento en formato sustentable, a través de préstamos e emisións de bonos.
Foi presentada a nova edición da campaña Días Azuis do Comercio Galego, froito da colaboración entre o Executivo autonómico e a Federación Galega de Comercio, que se desenvolverá entre o 10 e o 30 de abril de 2026. Esta iniciativa ten como obxectivo incentivar e dinamizar o comercio de proximidade. Para iso, sortearanse 20.000 euros en premios entre as persoas consumidoras que realicen compras nos establecementos adheridos durante o período da campaña.
Galicia pechou marzo con 1.095.875 afiliacións á Seguridade Social, 16.479 cotizantes máis ca en marzo do ano pasado, e con 114.670 persoas no paro, 4.485 menos que no mesmo mes de 2025. En relación co desemprego, cae na comparativa anual un 3,76 %. O paro tamén se reduce nas catro provincias galegas e en todos os sectores de actividade, liderando a baixada a construción (-9,83 %), seguida do sector primario (-6,65 %), da industria (-4,62 %) e, por último, dos servizos (-2,93 %). Canto aos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como no dos parados de longa duración rexístrase a cifra máis baixa de desemprego para un mes de marzo de toda a serie (maio 2005). No caso das mulleres desempregadas a redución anual é de 2.434 persoas (-3,52 %) e no dos parados de longa duración a baixada é de 3.514 (-5,96 %).
O presidente da Xunta destacou que 'as medidas fiscais aprobadas polo Goberno galego e consolidadas dende o ano 2022 permitirán a cada contribuínte da comunidade aforrar unha media de 476 euros na declaración da renda'. Así mesmo, lembrou que na campaña deste ano 'seguen vixentes as medidas de alivio fiscal' postas en marcha pola Administración autonómica nos últimos anos. Así, os contribuíntes galegos volverán aplicar a tarifa deflactada nos tres primeiros tramos autonómicos do IRPF no ano 2023 e a rebaixa do primeiro tramo e do incremento dos mínimos persoal e familiar.
O Banco de España acaba de publicar os datos oficiais de débeda pública correspondentes ao peche do exercicio 2025. Nese período, Galicia reduciu a súa ratio de débeda ata o 13,9 % do seu PIB, o que representa a ratio máis baixa dende 2012. Deste xeito, Galicia situase como a cuarta comunidade autónoma de réxime común con nivel de débeda máis baixa e cun diferencial con respecto á media das CCAA de 6,3 puntos porcentuais. A ratio de débeda das CC.AA. situouse no 20,2 %. Logo do esforzo extraordinario por mor da pandemia, Galicia leva unha senda descendente dos seus ratios de endebedamento. Así, desde a pandemia, ano 2020, reduciu a ratio case seis puntos, pasando de 19,6 % ata o 13,9 %.
O presidente da Xunta anunciou que a Xunta destinará un total de 270 millóns de euros a paliar os efectos do conflito en Oriente Medio. Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia o titular do Goberno galego lembrou, ao respecto da situación en Oriente Medio, que o Consello da Xunta xa analizou hai dúas semanas 'os primeiros impactos' e que Galicia foi 'a primeira comunidade autónoma en falar cos clústeres'. Nesta liña, o presidente anunciou que o vindeiro Consello autorizará 'un plan de máis de 150 millóns' para atender aos sectores afectados, que se sumará aos máis de 120 millóns que suporá para Galicia financiar as iniciativas do Goberno central a este respecto.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, advertiu de que as novas medidas para paliar os efectos da guerra de Irán aprobadas polo Goberno central terán 'un impacto directo nas arcas autonómicas' xa que Galicia 'deixará de ingresar máis de 120 millóns de euros' nos tres meses que estas medidas estarán inicialmente en vigor. As medidas con impacto fiscal anunciadas polo Goberno central enfócanse na redución do IVE e dos impostos especiais para os carburantes, electricidade e gas. Ao estar estes tributos cedidos ás Comunidades Autónomas, o impacto derivado da menor recadación repártese entre o Estado e as autonomías, en función da porcentaxe de cesión(no IVE é do 50%, nos impostos especiais do 58%).
Galicia reivindica o papel das rexións no desenvolvemento de Europa e reclama o seu protagonismo no novo marco financeiro plurianual. O Goberno galego xestiona algo máis de 4.000 millóns de euros (4.058) de fondos europeos de xestión compartida, dos que 1.575 millóns son fondos de cohesión, mentres que 2.117 son da Política Agraria Común e 366 corresponden á pesca. Isto supón o 70% dos fondos asignados a Galicia, tendo en conta que máis da metade dos fondos de cohesión, FEDER e FSE+ destinados á nosa Comunidade os xestiona directamente a Administración central, polo que a Xunta aspira a unha maior capacidade de xestión dos recursos asignados ao noso territorio.
Galicia pechou febreiro con 116.058 persoas no paro, 4.919 menos que no mesmo mes de 2025, e 1.088.231 afiliacións á Seguridade Social, 16.283 cotizantes máis en relación con 2025. En relación coa evolución anual, a baixada no desemprego supón algo máis do 4%. Ademais, o paro tamén se reduce nas catro provincias galegas e en todos os sectores de actividade, liderando a baixada a construción (-8,97%), seguida do sector primario (-8,69%), da industria (-6,10%) e, por último, dos servizos (-3,13%). En canto aos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como no dos parados de longa duración, rexístrase a cifra máis baixa de desemprego para un mes de febreiro de toda a serie.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que Galicia pechou o 2025 nunha situación de 'equilibrio', mantendo un 'alto nivel de execución orzamentaria e sen déficit', o que permitiu reforzar as políticas de gasto en servizos públicos. Así o reflicte o informe presentado ao Consello da Xunta pola Consellería de Facenda relativo ao avance de peche do exercicio do pasado ano. O documento destaca a execución dos gastos correntes, vinculados principalmente aos servizos públicos, que chegou ao 106% dos créditos iniciais, aumentando en 555 millóns de euros. Reflicte, tamén, a boa execución do orzamento, que se sitúa no 97,4%, e dos fondos propios, que chega ao 101% dos créditos iniciais.
Do 1 ao 15 de setembro desenvolverase esta acción dinamizadora nos concellos de Miño, Pontedeume, Poio, Meaño, Mondoñedo, Lourenzá, Barreiros, A Pobra de Trives, A Teixeira, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Parada de Sil e San Xoán de Río
As persoas consumidoras poderán rexistrar as súas compras nestes municipios a través da páxina web oficial da campaña ou directamente nos establecementos participantes co gallo de participar no sorteo de tarxetas prepago de 50 euros
Coa illa de San Simón como anfitrioa, preto dun cento de especialistas de toda España debaten sobre a situación actual e os retos de futuro das empresas da economía social (aquelas nas que o interese colectivo dos seus integrantes e o interese xeral económico e social están por riba do capital), dentro do VIII Congreso Internacional de Economía Social Eescoop (Escola de Especialización Profesional en Economía Social, Cooperativas e Outras Organizacións de Participación).
Este martes e mércores a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense celebra as II Xornadas traballo social ecosocial: defensa do territorio e comunidades sostibles. O seu obxectivo é 'fortalecer o desenvolvemento do traballo social ecosocial e a organización comunitaria mediante a reflexión, o diálogo e as accións colectivas'. Na actividade, alumnado, profesionais e colectivos compartirán 'boas prácticas e experiencias de traballo social, de acción e de resistencia comunitaria na defensa dos ecosistemas de vida e do territorio'.
GALESTAT responde a unha das demandas do Plan de Acción Europeo da Economía Social, que establece como un dos seus obxectivos aumentar a súa visibilidade mediante a recompilación de datos e estatísticas adecuados. Trátase de ofrecer a información estatística máis relevante dos diferentes actores que integran a Economía Social galega e que complementa a análise que o CECOOP realiza anualmente. O portal recolle datos do ano 2021 dos ingresos, empregos e número de entidades da Economía Social galega.
AddVenture, o programa de emprendemento e innovación deseñado para axudar a emprendedores a estruturar, validar e facer crecer os seus proxectos, abre inscricións para a súa terceira edición. Esta iniciativa impulsada polo Consello Social da UDC suma o respaldo nesta nova edición do Consello Social da USC, ampliando o seu alcance e reforzando o seu compromiso coa formación práctica para graduados/as, licenciados/as, posgraduados/as e profesionais que queiran dar un impulso real á súa idea de negocio.
A Rede Localis, Rede de Administración Local, fixo público o seu sexto informe, que leva por título 'A reforma inconclusa das competencias locais', no que se recolle que é fundamental avanzar na reforma da normativa autonómica e estatal. O documento foi presentado nun acto que contou coa participación de Diego Calvo, conselleiro de Presidencia; Natalia Prieto, directora xeral de Administración Local, e os codirectores da rede, Concepción Campos Acuña e Alberto Vaquero.
O vindeiro 18 de setembro, a CEO será o punto de referencia do emprendemento galego coa celebración de Ultreia Ourense, un evento que pretende dinamizar o ecosistema emprendedor das startups da nosa rexión. Esta iniciativa forma parte de Ultreia Galicia, un ciclo de eventos que percorrerá as catro provincias galegas ao longo do mes de setembro, co obxectivo de promover a innovación e o desenvolvemento empresarial. Ourense será a primeira parada deste proxecto.
Apoiar os negocios relacionados coas Paisaxes de Produción Socioecolóxica podería contribuír á conservación da biodiversidade e a sustentabilidade no territorio. Esta é a principal achega do traballo dos grupos de investigación da USC Planificación e Xestión en Sistemas Socio-Ecolóxicos Adaptativos Complexos, Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social e Biodiversidade e Botánica Aplicada.
O DOG ven de publicar a convocatoria 2024-2025 deste programa que busca flexibilizar a oferta formativa para adaptala á demanda real do mercado. Potenciaranse as especialidades máis requiridas polas empresas galegas e polas persoas traballadoras, facilitando o acceso do alumnado aos cursos co reto de dar cobertura ás vacantes existentes no mercado laboral.
O proxecto CAPRIF-CC Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático traballará durante case dous anos en prol da activación económica de zonas rurais do noroeste da Península Ibérica. En concreto, perséguese a dinamización laboral no ámbito forestal e nos usos multifuncionais do monte en Galicia e Asturias. O consorcio no que participa a USC a través da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia - Norte de Portugal (FCEER) acaba de desenvolver a súa xuntanza de lanzamento.