
Os resultados presentáronse no encontro anual do Academic Council of the United Nations System (ACUNS) que tivo lugar en Tokio en colaboración coa United Nations University e a University of Tokyo baixo o lema Global Governance and Sustainable Development: Revitalizing Research to Support Multilateral Solutions.
O traballo Chestnut Production-Related Businesses in the Courel Mountains of Galicia, NW Spain: An Opportunity for Biodiversity Conservation, Ecosystem Restoration and Rural Development refírese á importancia que teñen as actividades económicas relativas á produción e transformación da castaña para a conservación da biodiversidade, a restauración dos ecosistemas e o desenvolvemento rural na área do Courel. Tal e como explica o profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra, Emilio Díaz Varela, os soutos constitúen un importante exemplo de paisaxes de produción socio-ecolóxica na Península Ibérica noroccidental, debido aos altos niveis de biodiversidade tanto no dominio xenético, coma no interespecífico e ecosistémico, producindo ademais unha variedade de servizos ecosistémicos, incluíndo culturais, de regulación e de aprovisionamento.
Non obstante, a interrelación entre funcións ecolóxicas, servizos ecosistémicos e negocios está ameazada hoxe en día polo abandono da xestión tradicional, que dá paso a unha serie de transformacións que afectan tanto ás paisaxes de montaña como ao seu tecido socioeconómico. Neste traballo exploramos as relacións entre as actividades socioeconómicas e a capacidade das PPSE para preservar altos niveis de biodiversidade no concello de Folgoso do Courel, unha zona cunha forte tradición en sistemas de produción de castaña, explica o profesor do Campus de Lugo da USC.
Para iso, primeiro analizouse a estrutura económica da área utilizando estatísticas oficiais e identificando os negocios específicos relacionados coas PPSE locais. Tamén se empregaron sistemas de información xeográfica para analizar mapas de cobertura do solo e localizar e caracterizar as áreas de produción de castaña. O traballo completouse con entrevistas a persoas propietarias de negocios como a representantes da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia para obter elementos importantes na relación negocio- PPSE.
Os resultados obtidos amosan unha forte dependencia dos negocios relacionados coa castaña coas PPSE locais, e como os aspectos multifuncionais da produción de castaña como as producións múltiples, os beneficios para a biodiversidade, ou os aspectos paisaxísticos, son activos importantes nas visións de ditos negocios, explica o profesor da EPSE. Tamén identificamos riscos e impactos que afectan a paisaxe produtiva socioecolóxica, moitas veces a través de conexións complexas entre procesos de envellecemento da poboación, o cambio climático, a competencia polo uso do solo ou as pragas e enfermidades, engade. O traballo foi realizado en colaboración coa Escola Politécnica de Mieres, da Universidade de Oviedo, e o departamento de Botánica, da Universidade de Granada.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.