Notas de prensa

Un cento de especialistas debaten na illa de San Simón sobre as empresas da economía social 'entre a tradición e a innovación'

Coa illa de San Simón como anfitrioa, preto dun cento de especialistas de toda España debaten sobre a situación actual e os retos de futuro das empresas da economía social (aquelas nas que o interese colectivo dos seus integrantes e o interese xeral económico e social están por riba do capital), dentro do VIII Congreso Internacional de Economía Social Eescoop (Escola de Especialización Profesional en Economía Social, Cooperativas e Outras Organizacións de Participación).

Este congreso, na súa oitava edición, está organizado polos docentes da Facultade de Comercio e investigadores do Post-Growth Innovation Lab María José Cabaleiro e Carlos Iglesias.

O simposio ten como lema As Empresas da Economía Social: desde a actividade tradicional cara á innovación tecnolóxica e social e, durante a xornada de onte e a de hoxe, céntrase en “poñer en común as actuais liñas de investigación e as experiencias prácticas que veñen desenvolvendo neste ámbito. Son referencia obrigada as actividades tradicionais vinculadas á economía social, nas que os principios cooperativos permitiron o seu mantemento e desenvolvemento constante, como tamén o son as actividades emerxentes vinculadas ao sector servizos, do que están a xurdir experiencias de éxito propiciadas, entre outros factores, pola innovación tecnolóxica”.

O programa comprende tanto sesións de comunicacións como mesas redondas nas que se abordan cuestións como a desigualdade social, a desigualdade económica, o deterioro da democracia ou o cambio climático. Con todo, o congreso está aberto a todas as cuestións relacionadas cos valores e principios propios das entidades de economía social.

Dúas xornadas de debate

O congreso arrancou na tarde de onte cun acto institucional no que participaron Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo; Aicha Belassir, directora xeral da Economía Social do Goberno de España; Marta Mariño, directora xeral de Economía Social da Xunta de Galicia e o profesor Carlos Iglesias, en nome da organización.

Tras o acto de apertura tivo lugar a sesión plenaria sobre O valor da información da Economía Social: Estatísticas e Rexistros, na que participaron como relatores Rafael Chaves Ávila (IudesCoop); José Luís Monzón (Ciriec); Carlos Vargas Vasserot (Universidade de Almería) e o profesor da UVigo Carlos Iglesias.

A xornada completouse cun primeiro bloque de sesións paralelas, organizadas arredor de tres temáticas: a transformación dixital, innovación e tecnoloxía; transición ecolóxica, sostibilidade e ODS 1 relacionado co fin da pobreza; e desenvolvemento territorial e emprego. Entre outros temas, presentáronse traballos sobre a contribución das sociedades cooperativas agroalimentarias ao desenvolvemento territorial en Estremadura; as comunidades enerxéticas, cooperativismo e modelos de aloxamento digno; comercio minorista de alimentación; economía social como motor de emprego de calidade en Galicia ou sobre os premios de xubilación como instrumento coadxuvante para o relevo xeracional dos socios traballadores.

Hoxe venres a xornada arrancou co segundo bloque de sesións paralelas, con comunicacións que xiraron arredor doutras tres temáticas: transición ecolóxica, sostibilidade e ODS 2 que está en liña coa erradicación da fame; gobernanza, estruturas organizativas e regulacións; e innovación social e cohesión social. Ao longo da sesión déronse a coñecer, entre outros temas, traballos sobre as novas tendencias no financiamento das entidades da economía social; as achegas das comunidades de montes aos ODS; o camiño da muller nas cooperativas agroalimentarias españolas ou a traxectoria de máis de 55 anos da Fundación Vicente Ferrer.

Posteriormente tivo lugar a reunión dos membros de Eescoop, que deu paso a unha sesión plenaria sobre tradición e innovación nas empresas de Economía Social, na que interviñeron Carmen Rodríguez Rodríguez, presidenta de Agaca e vicepresidenta de CLUN e Manuel Varela López, presidente de Caixa Rural Galega. A mañá completouse coa presentación da estratexia Galega de Economía Social EGAES H27, da man de Marta Mariño Regueiro, directora Xeral de Economía Social da Xunta de Galicia e coa presentación de resultados da Cátedra Unesco, do que se encargou Colombia Pérez Muñoz, directora da Cátedra Unesco de Economía Social e Solidaria da Universidad Cooperativa de Colombia.

O acto de clausura contou coa asistencia de Pablo Fernández López, secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia; Gustavo Lejarriaga Pérez de las Vacas, director de Eescoop e investigador da Universidade Complutense de Madrid e o docente da UVigo María José Cabaleiro Casal.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-06-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES