Notas de prensa

ReWoW mudará o resultado da descomposición anaeróbica da materia orgánica en materia prima para unha nova bioeconomía

O dixestato é o subproduto que xorde da descomposición anaeróbica da materia orgánica, é dicir, do proceso biolóxico natural onde microorganismos degradan a materia orgánica en ausencia de osíxeno. O Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais traballa, a través do proxecto ReWoW (Revolutionizing the Waste of Waste), na transformación do dixestato nunha valiosa materia prima para unha nova bioeconomía.

Este enfoque disruptivo, de alto risco e potencial, acaba de recibir financiamento ao abeiro da convocatoria HORIZON-EIC-2025-PATHFINDEROPEN á que concorreron un total de 2.087 propostas. De entre estes dous milleiros de solicitudes de 71 países, só recibiron apoio 44, dúas delas na USC e con mulleres como investigadoras principais. No caso do CRETUS, o proxecto esta encabezado pola catedrática de Enxeñaría Química, María Teresa Moreira.

Actualmente subutilizado e a miúdo tratado como un refugallo, o potencial sen explotar do dixestato vese obstaculizado pola súa heteroxeneidade, recalcitrancia e restricións regulatorias. ReWoW introduce unha nova vía de valorización mediante o desenvolvemento da Fermentación Adaptativa Modular (MAF), un bioproceso de última xeración que combina a bioconversión microbiana coa optimización impulsada por intelixencia artificial (IA).

ReWoW deseñará e validará un sistema modular que integra pretratamentos avanzados, fermentacións secuenciais e vixilancia en tempo real para converter o dixestato en tres bioprodutos modelo: biosurfactantes, compostos aromáticos e emendas de solo melloradas. Unha ferramenta de IA de dobre capa dará soporte á plataforma MAF, permitindo o modelado, a toma de decisións e o control de procesos en tempo real.

Bioeconomía circular alternativa

O proxecto tamén incorpora un marco de Deseño Seguro e Sostible para garantir o desempeño ambiental, económico e social desde o principio. Este enfoque integra criterios de seguridade e sostibilidade desde as fases temperás de deseño e desenvolvemento das tecnoloxías, o que permite anticipar impactos potenciais e reducir riscos para a saúde humana e o medio ambiente. Ademais, facilita a comparación de opcións e a selección de alternativas tecnolóxicas máis seguras, eficientes e sostibles. Ao combinar coñecementos especializados en microbioloxía, enxeñería, ciencias ambientais, IA, economía e políticas públicas, ReWoW senta as bases para un modelo transformador de biorrefinería baseada en dixestato. O horizonte final do proxecto é apoiar novos modelos de negocio, avances regulatorios e aplicacións industriais, resituando o dixestato como pedra angular dunha bioeconomía circular alternativa.

O proxecto, no que participa a USC a través do CRETUS —centro cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027—, está coordinado pola Universitat Autonoma de Barcelona (UAB) e integrado tamén pola Università Degli Studi di Milano (Italia), WINGS ICT Solutions (Grecia), Fundació ENT (España), Aeris Tecnologías Ambientales S.L. (España) e UAntwerpen (Bélxica).

O outro proxecto da USC que recibiu financiamento ao abeiro desta convocatoria foi bLOSSom, cuxa investigadora principal no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) é Paula López.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-03-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES