
O Consello da Xunta analizou hoxe un informe sobre a implantación desta nova medida fiscal pola que as familias galegas poderán desgravar ata 105 por fillo. A iniciativa, que xa foi comprometida no Debate sobre política xeral, permitirá un aforro de 6,3 M aos fogares galegos.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, indicou que a nova medida fiscal vai dirixida ás familias con rendas anuais per cápita superiores a 10.000 e ata 30.000, con fillos matriculados en educación primaria ou educación secundaria obrigatoria, que na actualidade non se acollen ás axudas para libros de texto e material.
Cada familia poderá desgravarse ata un 15% do gasto ata un máximo de 105 por fillo. A porcentaxe do 15% aplicarase sobre o importe das facturas correspondentes ás compras de libros ou material escolar para o curso 2025/2026 realizadas entre o 1 de xullo e o 31 de decembro de 2025.
A desgravación no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas realizarase na declaración da renda do ano 2026, correspondente ao exercicio de 2025. Para iso, Román Rodríguez indicou que a Xunta a incluirá na Lei de medidas do ano 2026 con efectos para o ano 2025.
Apoio ás familias
Esta nova acción vén sumarse ao completo programa de Xunta para apoiar ás familias nos gastos do inicio do curso. Reforzará un dos valores fundamentais do sistema educativo galego como é a equidade e a xeración de igualdade de oportunidades. E ademais fará que o duro inicio de curso para moitas familias sexa algo máis levadeiro, indicou Román Rodríguez.
Ata o vindeiro 20 de xuño está aberto o prazo para solicitar as axudas á compra de libros de texto e material escolar, para as familias con rendas anuais per cápita iguais ou inferiores aos 10.000 per cápita.
No caso dos manuais, as axudas oscilan entre os 160 e os 270, en función da renda e da etapa educativa, e son de 300, con independencia da renda, para determinados casos, como os alumnos matriculados en Educación Especial. Os vales para material son de 60 ou 75, en función tamén da capacidade económica das familias.
Os fogares poden tamén acceder aos manuais de balde a través do programa E-Dixgal ou do fondo de préstamo gratuíto. Ademais, este ano porase en marcha o préstamo de libros a alumnos usuarios do programa de libro dixital, que se regulará a través doutro procedemento.
No actual curso, 163.023 alumnos tiveron libros de balde a través do fondo, das axudas para a compra de manuais ou do programa de libro electrónico, o que supón o 70 % do alumnado das etapas obrigatorias. Deles, 126.754 accederon tamén a vales de material. Esta porcentaxe incrementarase o próximo curso coas novas medidas que aspiran a chegar a 60.000 alumnos máis.
O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.
Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.