Noticias

Galicia inicia a elaboración dos orzamentos de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou hoxe que o Consello acordou que 'iniciar a elaboración dos orzamentos da comunidade autónoma para o vindeiro ano'. Deste xeito, o Executivo autonómico avaliou un informe presentado pola Consellería de Facenda e Administración Pública sobre a Orde pola que se ditan instrucións para a elaboración dos presupostos de 2026, que marcan as bases do Plan financeiro do Goberno galego para o ano próximo. Calvo resaltou que mentres Galicia 'comeza a traballar nas contas de 2026, o Goberno de España segue funcionando coas de 2023'.

Ademais, salientou a necesidade de que Galicia “siga avanzando pola vía da confianza” nun momento marcado a nivel nacional e internacional “polas incertezas e a inestabilidade”. “A Xunta pon a estabilidade ao servizo dos galegos e galegas, iniciando con normalidade a elaboración dos orzamentos do vindeiro ano para que estean aprobados en tempo e forma”, engadiu o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos.

O proceso continuará a finais de xullo, tal e como indicou Corgos, coa “aprobación do teito de gasto non financeiro” e a entrega do proxecto de orzamentos “antes do 20 de outubro” para a súa aprobación antes de finais de ano. Todo isto co obxectivo de que entren en vigor o 1 de xaneiro de 2026 para comezar a súa execución.

Tal e como salientou o conselleiro de Facenda, pese incertezas económicas e xeopolíticas no eido nacional e internacional, “Galicia segue funcionando” e “grazas a súa estabilidade política e institucional” presentará unhas contas que reforzarán os sectores produtivos para darlle un novo pulo á transformación económica de Galicia, blindarán o estado do benestar e primarán os servizos públicos e as políticas de acceso á vivenda. Ademais, desenvolverán as novas competencias do litoral e a avanzarán na preparación do Xacobeo 2027.

Así mesmo, tal e como explicou Calvo, as contas do vindeiro ano “conterán as previsións precisas para rematar os proxectos financiados polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia”, cuxo prazo de execución remata en agosto de 2026, asegurando o seu pleno aproveitamento e o seu impacto transformador. Así mesmo, promoverán un investimento público que modernice os servizos esenciais como a sanidade, a educación, a atención á dependencia ou a vivenda, coa finalidade de garantir a igualdade de oportunidades e a atención ás persoas máis vulnerables, así como promover a mobilidade sostible e a cohesión territorial.

Para elaborar os novos orzamentos, Galicia precisa do Goberno central información dos recursos do sistema de financiamento autonómico e a concreción dos compromisos de consolidación fiscal, información de que se carece debido á prórroga dos orzamentos estatais, dous anos consecutivos, e pola falta de colaboración institucional.

Cando xa hai que empezar a traballar nos vindeiros orzamentos, o Goberno central acaba de aprobar, aínda agora, a actualización das entregas a conta correspondentes aos orzamentos de 2025, e as comunidades autónomas aínda non recibiron eses recursos.

A única certeza que temos é que existe unha diferenza de 1.531 millóns de euros, a razón de 127 millóns cada mes. Con este atraso, de momento de seis meses, a Administración galega ten un custo financeiro de 6,5 millóns, que aumentará ata que o Goberno central regularice esta situación. E, ademais, cun recorte de 23 millóns de euros no total de entregas á conta sobre o inicialmente comunicado.

Corgos salientou que coa aprobación desta orde, Galicia pon de manifesto que segue a súa propia senda de estabilidade e “mantén un estilo propio, o estilo Galicia” que lle está a permitir un diferencial positivo de crecemento pospandemia, executar a totalidade do seu orzamento, reducir o endebedamento, estar á cabeza en investimento produtivo e seguir pagando con axilidade aos seus provedores.

R., 2025-06-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES