Actualidad de Economía

Noticias economia

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC presentou o 40º informe 'A Economía Galega', un estudo que realiza de maneira ininterrompida dende 1986. Os seus directores, Dolores Riveiro e Melchor Fernández, explicaron que o documento se pode resumir nunha 'evolución favorable na maior parte dos sectores de actividade, confirmando unha notable capacidade de adaptación nun contexto internacional complexo'.
Galicia rexistra en xuño con 1.123.034 cotizantes o máximo de afiliacións á Seguridade Social e con 105.768 persoas paradas o nivel de desemprego máis baixo de toda a serie histórica. No caso das afiliacións, soben tanto na comparativa anual como na mensual. Hai preto de 20.400 afiliacións máis que hai un ano e case 11.200 cotizantes máis que hai un mes, sendo na comparativa mensual o ritmo de subida maior ao estatal. En relación co paro, cae tanto na comparativa anual , cunha redución do -1,39 % como na mensual, neste caso un -3,28 %.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou que o Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2022, que tivo aplicación ata 2025, mobilizou máis de 1.600 millóns de euros de investimento público e acadou unha execución do 99,3 %, por riba da media española e europea. Foi no acto de peche formal do PDR, que tivo lugar en Santiago de Compostela e no que a conselleira estivo acompañada dos altos cargos do seu departamento.
Galicia rematou o mes de maio con 1.111.867 afiliacións á Seguridade Social, o que supón 17.061 cotizantes máis que no mesmo mes do ano pasado. Ademais, o número de persoas desempregadas situouse en 109.355, unha cifra que representa 2.286 menos que en maio de 2025. No que atinxe ás afiliacións, estas experimentan un incremento interanual do +1,56 % e tamén avanzan en comparación co mes anterior, con 8.048 afiliacións máis (+0,73 %). Polo que respecta ao desemprego, a tendencia continúa sendo positiva tanto en termos anuais como mensuais. Así, o paro baixa un -2,05 % respecto de maio do ano pasado e un -2,62 % en relación con abril de 2026 —máis dun punto por enriba da media nacional—, o que se traduce en 2.938 persoas desempregadas menos.
Galicia pechou abril con 1.103.820 afiliacións á Seguridade Social, 16.386 cotizantes máis ca en abril do ano pasado, e con 112.293 persoas no paro, 3.252 menos que no mesmo mes de 2025. No caso das afiliacións, na comparativa anual aumentan nun +1,51 % e tamén medran na comparativa mensual (+7.944 afiliacións máis, +0,72 %). De feito, en termos intermensuais, trátase do segundo maior aumento, tanto en termos absolutos como relativos, dun mes de abril desde que hai rexistros, despois do acadado o ano pasado. En relación co desemprego, este cae tanto na comparativa anual, cun descenso do -2,81 % como na mensual, neste caso cun recorte do -2,07 %, o que implica 2.377 persoas desempregadas menos con respecto a marzo de 2026.
Galicia pechou o primeiro trimestre deste ano con máis poboación empregada que hai un ano. Neste sentido, os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados hoxe e relativos ao primeiro trimestre deste ano reflicten unha suba de 28.000 persoas ocupadas en relación ao ano pasado, lixeiramente superior á do conxunto do Estado e acadando, con 1.178.100, a cifra máis alta nun primeiro trimestre desde 2008. Ademais, a comunidade rexistra a maior taxa de emprego (49,30) nun primeiro trimestre en 18 anos e unha taxa de paro menor (8,96) que no conxunto de España (10,83). Ademais, as taxas galegas de paro feminino (9,51) e xuvenil (24,30) tamén son máis baixas que no conxunto do Estado.
A débeda pública de Galicia representa só 3,52 % do total da débeda do conxunto das comunidades, o mellor dato de toda a serie histórica, que comeza no ano 1994. Ademais, a ratio de débeda PIB galega sitúase no 13,9 %, fronte ao 20,2 % da media autonómica e por baixo das previsións iniciais contidas nos Orzamentos 2025, que eran do 14,1 %. Tamén desde o ano 2020 Galicia formaliza unha parte cada vez máis significativa do seu endebedamento en formato sustentable, a través de préstamos e emisións de bonos.
Foi presentada a nova edición da campaña Días Azuis do Comercio Galego, froito da colaboración entre o Executivo autonómico e a Federación Galega de Comercio, que se desenvolverá entre o 10 e o 30 de abril de 2026. Esta iniciativa ten como obxectivo incentivar e dinamizar o comercio de proximidade. Para iso, sortearanse 20.000 euros en premios entre as persoas consumidoras que realicen compras nos establecementos adheridos durante o período da campaña.
Galicia pechou marzo con 1.095.875 afiliacións á Seguridade Social, 16.479 cotizantes máis ca en marzo do ano pasado, e con 114.670 persoas no paro, 4.485 menos que no mesmo mes de 2025. En relación co desemprego, cae na comparativa anual un 3,76 %. O paro tamén se reduce nas catro provincias galegas e en todos os sectores de actividade, liderando a baixada a construción (-9,83 %), seguida do sector primario (-6,65 %), da industria (-4,62 %) e, por último, dos servizos (-2,93 %). Canto aos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como no dos parados de longa duración rexístrase a cifra máis baixa de desemprego para un mes de marzo de toda a serie (maio 2005). No caso das mulleres desempregadas a redución anual é de 2.434 persoas (-3,52 %) e no dos parados de longa duración a baixada é de 3.514 (-5,96 %).
O presidente da Xunta destacou que 'as medidas fiscais aprobadas polo Goberno galego e consolidadas dende o ano 2022 permitirán a cada contribuínte da comunidade aforrar unha media de 476 euros na declaración da renda'. Así mesmo, lembrou que na campaña deste ano 'seguen vixentes as medidas de alivio fiscal' postas en marcha pola Administración autonómica nos últimos anos. Así, os contribuíntes galegos volverán aplicar a tarifa deflactada nos tres primeiros tramos autonómicos do IRPF no ano 2023 e a rebaixa do primeiro tramo e do incremento dos mínimos persoal e familiar.
« Anterior | 2  de  388 | Siguiente »

Notas economia

AddVenture, o programa de emprendemento e innovación deseñado para axudar a emprendedores a estruturar, validar e facer crecer os seus proxectos, abre inscricións para a súa terceira edición. Esta iniciativa impulsada polo Consello Social da UDC suma o respaldo nesta nova edición do Consello Social da USC, ampliando o seu alcance e reforzando o seu compromiso coa formación práctica para graduados/as, licenciados/as, posgraduados/as e profesionais que queiran dar un impulso real á súa idea de negocio.
A Rede Localis, Rede de Administración Local, fixo público o seu sexto informe, que leva por título 'A reforma inconclusa das competencias locais', no que se recolle que é fundamental avanzar na reforma da normativa autonómica e estatal. O documento foi presentado nun acto que contou coa participación de Diego Calvo, conselleiro de Presidencia; Natalia Prieto, directora xeral de Administración Local, e os codirectores da rede, Concepción Campos Acuña e Alberto Vaquero.
O vindeiro 18 de setembro, a CEO será o punto de referencia do emprendemento galego coa celebración de Ultreia Ourense, un evento que pretende dinamizar o ecosistema emprendedor das startups da nosa rexión. Esta iniciativa forma parte de Ultreia Galicia, un ciclo de eventos que percorrerá as catro provincias galegas ao longo do mes de setembro, co obxectivo de promover a innovación e o desenvolvemento empresarial. Ourense será a primeira parada deste proxecto.
Apoiar os negocios relacionados coas Paisaxes de Produción Socioecolóxica podería contribuír á conservación da biodiversidade e a sustentabilidade no territorio. Esta é a principal achega do traballo dos grupos de investigación da USC Planificación e Xestión en Sistemas Socio-Ecolóxicos Adaptativos Complexos, Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social e Biodiversidade e Botánica Aplicada.
O DOG ven de publicar a convocatoria 2024-2025 deste programa que busca flexibilizar a oferta formativa para adaptala á demanda real do mercado. Potenciaranse as especialidades máis requiridas polas empresas galegas e polas persoas traballadoras, facilitando o acceso do alumnado aos cursos co reto de dar cobertura ás vacantes existentes no mercado laboral.
O proxecto CAPRIF-CC ‘Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático’ traballará durante case dous anos en prol da activación económica de zonas rurais do noroeste da Península Ibérica. En concreto, perséguese a dinamización laboral no ámbito forestal e nos usos multifuncionais do monte en Galicia e Asturias. O consorcio no que participa a USC a través da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia - Norte de Portugal (FCEER) acaba de desenvolver a súa xuntanza de lanzamento.
No marco do convenio entre a Xunta de Galicia e as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela para o desenvolvemento dun Inventario Forestal Continuo da comunidade, investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal traballaron no desenvolvemento de sistemas capaces de identificar e caracterizar, de forma automatizada, diferentes tipos de plantacións e superficies forestais a partir de imaxes por satélite.
O Diario Oficial de Galicia fai pública hoxe a resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas das obras da estación intermodal de Lugo. Trátase da construción da terminal de autobuses e do aparcadoiro subterráneo necesario para a estación de ferrocarril, cuxas obras foron licitadas por 20 millóns de euros.
“O emprendemento universitario vese máis cerca da economía feminista e da economía circular que doutros modelos de emprendemento tecnolóxico”. Esta é, en palabras da directora de Woman Emprende, Eva López Barrio, unha das principais conclusións que se poden extraer da semana que a USC dedicou á economía circular e que tivo como colofón a quinta edición da Feira de Emprendedoras de Compostela no Centro Sociocultural O Ensanche.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, que participou na entrega de premios das XXVII Catas de viños da denominación de orixe Ribeira Sacra, que se celebrou no concello lugués de Monforte de Lemos, destacou a excelencia destes viños e o seu carácter diferencial, que lles confire a condición de referentes no ámbito nacional e mesmo internacional.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES