Noticias

Rueda salienta que as medidas fiscais consolidadas no IRPF pola Xunta permitirán aforrar unha media de 476 euros a cada contribuínte galego

O presidente da Xunta destacou que 'as medidas fiscais aprobadas polo Goberno galego e consolidadas dende o ano 2022 permitirán a cada contribuínte da comunidade aforrar unha media de 476 euros na declaración da renda'. Así mesmo, lembrou que na campaña deste ano 'seguen vixentes as medidas de alivio fiscal' postas en marcha pola Administración autonómica nos últimos anos. Así, os contribuíntes galegos volverán aplicar a tarifa deflactada nos tres primeiros tramos autonómicos do IRPF no ano 2023 e a rebaixa do primeiro tramo e do incremento dos mínimos persoal e familiar.

Deste xeito, Rueda indicou que as deducións autonómicas establecidas pola Xunta 'permitirán aforrar aos contribuíntes galegos preto de 47 M€' na campaña da renda 2025 'que empeza este mércores'. Coas medidas aprobadas pola Xunta, beneficiaranse novamente todos os contribuíntes e, de maneira especial, as rendas medias e baixas. Así se desprende dun informe sobre a campaña do IRPF 2025 presentado hoxe pola Consellería de Facenda e Administración Pública ao Consello da Xunta.

O presidente da Xunta lembrou que 'Galicia foi a primeira comunidade en equiparar fiscalmente no IRPF as familias de dous fillos coas familias numerosas', podendo deducir 250 euros, un incentivo que ata o 2023 tiñan só as familias numerosas (250 euros as de categoría xeral e 400 euros as de especial) e que se dobrou para as familias de tres fillos (500 euros). En total, son 'case 190.000 familias', entre numerosas e con dous fillos, as que resultarán beneficiadas na súa declaración desde a campaña do ano 2023. Esta cantidade increméntase noutros 250 euros por cada fillo a maiores (a partir de tres). Tamén están vixentes deducións referidas ao nacemento ou adopción de fillos, ao coidado de fillos menores, ás persoas con discapacidade de 65 ou máis anos que precisen axuda de terceiros e ao acollemento familiar. Esta última dedución dará dereito á aplicación dunha dedución de 300 euros con independencia da duración do acollemento.

Abundando nas medidas de protección ás familias, os contribuíntes galegos ademais poderán aplicar a nova dedución polos gastos en libros de texto e material escolar.

Deducións para vivenda

No que se refire a deducións por vivenda, Rueda recordou que para aluguer poden acollerse os contribuíntes de idade igual ou inferior a 35 anos. Tamén se aplican para os investimentos en instalacións de climatización e/ou auga quente sanitaria que empreguen enerxías renovables na vivenda habitual, e para obras de mellora de eficiencia enerxética en edificios de vivendas ou en vivendas unifamiliares, así como polos gastos dirixidos ao uso de novas tecnoloxías nos fogares galegos.

Tamén se establecen vantaxes fiscais para a rehabilitación de bens inmobles en centros históricos e para a adquisición ou rehabilitación de vivendas en aldeas modelo.

En relación coas empresas, existen deducións por investimento en empresas agrarias, pola compra de accións ou participacións en entidades de nova creación, por investimentos realizados en accións de entidades cotizadas no segmento de empresas en expansión do mercado alternativo bolsista e por donativos destinados á I+D+i.

Así mesmo, aplicaranse deducións por adquisición de accións ou participacións sociais para a constitución ou ampliación de capital de sociedades cuxo obxecto social exclusivo sexa a realización de proxectos declarados de especial interese público, social ou económico.

Tamén os deportistas de alto nivel poden deducir as axudas e subvencións recibidas.

Novidades nesta campaña de 2025

Ademais destas deducións en vixencia, o presidente da Xunta lembrou que os contribuíntes galegos contarán na campaña de 2025 con 'novos beneficios fiscais' en distintos eidos.

En materia de vivenda, os galegos contarán cunha dedución por gastos derivados da adecuación de inmobles baleiros con destino ao arrendamento como vivendas (dedución do 15% das cantidades satisfeitas sobre unha base máxima de 9.000 euros por vivenda). E o arrendamento de vivendas baleiras dá dereito a unha dedución de 500 euros.

Así mesmo, as familias contarán cunha dedución do 15% das cantidades satisfeitas pola adquisición de libros de texto e material escolar de educación primaria, secundaria obrigatoria e educación especial, cun límite de 105 euros por descendente matriculado.

Tamén hai que ter en conta a dedución polas axudas e subvencións recibidas por persoas con diagnóstico de esclerose lateral amiotrófica ou cos seus fenotipos, ademais da dedución polas axudas recibidas polas persoas afectadas pola talidomida en España durante o período 1950-1985.

Por outra banda, os afectados tamén poderán deducir as subvencións e/ou axudas obtidas a consecuencia dos danos causados polos incendios forestais que provocaron a activación do Peifoga en situación 2 acaecidos en Galicia en 2025 que integren a base impoñible.

Colaboración da Xunta

A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) prestará asistencia presencial –con 36 efectivos e seis coordinadores, que estarán presentes nas 13 administracións/delegacións da Axencia Estatal da Administración Tributaria-, telefónica e videoasistencia aos contribuíntes galegos durante a campaña da renda que comeza este mércores 8 de abril.

Ata o 6 de maio a declaración só se poderá presentar de xeito telemático, pero ese día comeza a atención telefónica do Plan Chamámoslle para obter asistencia telefónica na confección da declaración. A partir do 1 de xuño dará comezo a atención presencial aos cidadáns que prefiran atender as súas obrigas tributarias do IRPF deste xeito. Os días en que se abrirá a petición da cita previa son o 29 de abril, para a asistencia telefónica, e o 29 de maio para a asistencia presencial. Ademais, se o cidadán domicilia o importe, o último día para facelo é o 25 de xuño.

En 2025, en Galicia presentáronse preto de 1,5 millóns de declaracións, das que máis de 960.00 foron declaracións a devolver.

R., 2026-04-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (carballo-interplay-2026.jpg) O Carballo Interplay desenvolverá do 16 ao 19 de abril no Mercado de Carballo a súa 13ª edición cun programa de 32 actividades arredor da creación dixital contemporánea, das series en pequeno formato, a cultura de internet e a reflexión sobre os novos modos de comunicar na rede. O certame reforza especialmente este ano a presenza do galego como lingua de creación, conversa e pensamento no ecosistema dixital, cunha programación específica arredor dos contidos no noso idioma nas redes sociais, accións formativas para a mocidade, premios dirixidos a recoñecer o talento que crea na nosa lingua e novas oportunidades para a produción de proxectos audiovisuais nados no ámbito dixital.
Foto de la tercera plana (cdc-circo.jpg) A Cidade da Cultura celebrará o Día do Circo o vindeiro 19 de abril co espectáculo 'Sen patrón', da compañía galega Pistacatro, recoñecida co Premio Nacional 2025 desta disciplina artística. A proposta terá lugar no Xardín do Teatro, ás 17,00 horas, con entrada libre e de balde. Así, o Día do Circo convértese nun momento para celebrar tamén a chegada da primavera cunha proposta escénica aberta, festiva e accesible para todo tipo de públicos, que combina cabaré, números aéreos e malabares cunha dramaturxia que reivindica tanto técnicas circenses tradicionais como contemporáneas. Pistacatro é unha das compañías e produtoras de circo máis relevantes das artes vivas de Galicia, que traballa a prol da profesionalización do circo na Comunidade, impulsando as carreiras de artistas e traballadores do sector.

Notas

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, acaba de incorporarse oficialmente ao experimento CMS (Compact Muon Solenoid) do CERN, unha das principais colaboracións dentro da Organización Europea para a Investigación Nuclear. O CMS, xunto ao experimento ATLAS, foi o responsable de observar en 2012 o bosón de Higgs, un dos maiores fitos da física de partículas nas últimas décadas.
Chega a Vigo a súa gran cita anual coa Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu, unha actividade que acada xa a súa 28 edición e que, un ano máis, “reúne na cidade unha mostra moi significativa do teatro que se está a facer no seo das universidades galegas e, moi especialmente, na UVigo”, tal e como recalca a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, quen convida a toda a cidadanía a aproveitar esta “grande oportunidade” que brinda a mostra para mergullarse no teatro que se está facendo na actualidade en Galicia, e tamén no estranxeiro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES