Actualidad de Economía

Noticias economia

O Banco de España acaba de publicar os datos oficiais de débeda pública correspondentes ao peche do exercicio 2025. Nese período, Galicia reduciu a súa ratio de débeda ata o 13,9 % do seu PIB, o que representa a ratio máis baixa dende 2012. Deste xeito, Galicia situase como a cuarta comunidade autónoma de réxime común con nivel de débeda máis baixa e cun diferencial con respecto á media das CCAA de 6,3 puntos porcentuais. A ratio de débeda das CC.AA. situouse no 20,2 %. Logo do esforzo extraordinario por mor da pandemia, Galicia leva unha senda descendente dos seus ratios de endebedamento. Así, desde a pandemia, ano 2020, reduciu a ratio case seis puntos, pasando de 19,6 % ata o 13,9 %.
O presidente da Xunta anunciou que a Xunta destinará un total de 270 millóns de euros a paliar os efectos do conflito en Oriente Medio. Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia o titular do Goberno galego lembrou, ao respecto da situación en Oriente Medio, que o Consello da Xunta xa analizou hai dúas semanas 'os primeiros impactos' e que Galicia foi 'a primeira comunidade autónoma en falar cos clústeres'. Nesta liña, o presidente anunciou que o vindeiro Consello autorizará 'un plan de máis de 150 millóns' para atender aos sectores afectados, que se sumará aos máis de 120 millóns que suporá para Galicia financiar as iniciativas do Goberno central a este respecto.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, advertiu de que as novas medidas para paliar os efectos da guerra de Irán aprobadas polo Goberno central terán 'un impacto directo nas arcas autonómicas' xa que Galicia 'deixará de ingresar máis de 120 millóns de euros' nos tres meses que estas medidas estarán inicialmente en vigor. As medidas con impacto fiscal anunciadas polo Goberno central enfócanse na redución do IVE e dos impostos especiais para os carburantes, electricidade e gas. Ao estar estes tributos cedidos ás Comunidades Autónomas, o impacto derivado da menor recadación repártese entre o Estado e as autonomías, en función da porcentaxe de cesión(no IVE é do 50%, nos impostos especiais do 58%).
Galicia reivindica o papel das rexións no desenvolvemento de Europa e reclama o seu protagonismo no novo marco financeiro plurianual. O Goberno galego xestiona algo máis de 4.000 millóns de euros (4.058) de fondos europeos de xestión compartida, dos que 1.575 millóns son fondos de cohesión, mentres que 2.117 son da Política Agraria Común e 366 corresponden á pesca. Isto supón o 70% dos fondos asignados a Galicia, tendo en conta que máis da metade dos fondos de cohesión, FEDER e FSE+ destinados á nosa Comunidade os xestiona directamente a Administración central, polo que a Xunta aspira a unha maior capacidade de xestión dos recursos asignados ao noso territorio.
Galicia pechou febreiro con 116.058 persoas no paro, 4.919 menos que no mesmo mes de 2025, e 1.088.231 afiliacións á Seguridade Social, 16.283 cotizantes máis en relación con 2025. En relación coa evolución anual, a baixada no desemprego supón algo máis do 4%. Ademais, o paro tamén se reduce nas catro provincias galegas e en todos os sectores de actividade, liderando a baixada a construción (-8,97%), seguida do sector primario (-8,69%), da industria (-6,10%) e, por último, dos servizos (-3,13%). En canto aos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como no dos parados de longa duración, rexístrase a cifra máis baixa de desemprego para un mes de febreiro de toda a serie.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que Galicia pechou o 2025 nunha situación de 'equilibrio', mantendo un 'alto nivel de execución orzamentaria e sen déficit', o que permitiu reforzar as políticas de gasto en servizos públicos. Así o reflicte o informe presentado ao Consello da Xunta pola Consellería de Facenda relativo ao avance de peche do exercicio do pasado ano. O documento destaca a execución dos gastos correntes, vinculados principalmente aos servizos públicos, que chegou ao 106% dos créditos iniciais, aumentando en 555 millóns de euros. Reflicte, tamén, a boa execución do orzamento, que se sitúa no 97,4%, e dos fondos propios, que chega ao 101% dos créditos iniciais.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe os datos dun informe sobre as políticas industriais aplicadas polo Goberno galego no período 2023-2025 que revelan que 'o emprego industrial bate récords en Galicia con 192.300 traballadores' e o sector 'medra por riba da media española'. 'Os datos avalan o éxito das políticas da Xunta', asegurou, na aposta por atraer novos proxectos industriais estratéxicos á comunidade. Con máis de 192.300 persoas ocupadas na industria e un crecemento do Índice de Produción Industrial (IPI) dun 6,5% interanual en decembro de 2025, fronte ao 2,8% do conxunto do Estado, Galicia estase a converter no principal polo de atracción industrial do norte peninsular.
Este dato demostra que Galicia consolida un crecemento sostido da súa economía nos últimos cinco anos, cunha mellor evolución que a media de España no período postpandemia. O PIB de Galicia está 12,3 puntos por riba do de 2019, 2,2 puntos máis que o de España no mesmo período. A este avance da economía galega contribuíu en 2,4 puntos a demanda externa. A formación bruta de capital aumentou un 4,2 %, o gasto das administracións pública subiu un 2,3 % e o gasto dos fogares medrou un 2 %. As exportacións mantivéronse estables, consolidando por riba de 30.000 millóns de euros anuais as vendas ao exterior.
En 2024, creáronse en Galicia un total de 192 cooperativas novas. Este dato representa un incremento notable respecto ao ano 2023, no que se rexistraran 138 novas cooperativas. “Esta evolución contribúe a consolidar a percepción do cooperativismo como un modelo empresarial resiliente, especialmente eficaz en contextos marcados pola incerteza económica e social”. Así o subliña o ‘Informe da Economía Social en Galicia’, coordinado por Maite Cancelo e Manuel Botana, que se presentou este mércores 25 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, denunciou hoxe no Parlamento galego a situación xeral na que se atopa a prestación do servizo de transporte ferroviario en Galicia, motivada polos problemas acumulados nas últimas semanas con máis incidencias das habituais que dificultan a mobilidade da poboación galega. Nunha comparecencia a petición propia criticou que, como sempre, falta por parte do Goberno central 'información directa, clara e transparente do que pasa, as causas e as medidas que hai que adoptar'. Tamén achacou a 'falta de previsión, mantemento e planificación', así como a necesidade de investimentos para dotar a Galicia dun sistema ferroviario moderno e competitivo con tempos de viaxe razoables e frecuencias suficientes.
« Anterior | 3  de  388 | Siguiente »

Notas economia

Este miércoles 24 de mayo a las 8,00 horas en el Hotel Plaza de Cuatro Caminos, (A Coruña), la Asociación Alía Network organiza un desayuno profesional con Francis Cagigao, director de fútbol y jefe de I/D reclutamiento donde nos hablará de “Liderazgo e Identidad: 35 años de camino profesional”.
Máis de cen representantes de Órganos de Control Externo do Sector Público europeos reúnense en Santiago de Compostela o día 5 de maio. A temática do encontro será: 'Os órganos rexionais de control externo e a avaliación de resultados. Un intercambio de experiencias'.
A fiscalidade da enerxía eólica e a análise socieoeconómica da vulnerabilidade de Galicia centran os traballos gañadores da novena edición do Premio Valentín Paz Andrade de Investigación en Economía de Galicia. O galardón, entregado este venres 10, foi convocado polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC e o Consello Económico e Social de Galicia (CES-Galicia).
O equipo investigador da UDC, composto polas profesoras Marta Rey García, como investigadora principal, Vanessa Mato Santiso e Noelia Salido Andrés, e a estudante de Doutoramento Violeta Bouzada Novoa vén de publicar o libro 'Construyendo ecosistemas de innovación social. La contribución del Tercer Sector de Acción Social a una transición digital y ecológica justa en España'.
O grupo de traballo Galicia 2040 do Foro Económico de Galicia, foro coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este mércores en Santiago de Compostela o seu informe Cara novos sistemas de planificación urbana e territorial. Nel, apostan por un cambio de paradigma na creación de vivenda pública e fomento do alugamento e pola creación dun consorcio que aglutine as competencias do transporte público.
Unha visión crítica da economía circular, entendida como a incorporación de determinadas cuestións ambientais ao actual modelo económico para garantir a súa continuidade, constitúe o punto de partida de ExPliCit, un proxecto europeo do que forma parte a UVigo e que ten como obxectivo analizar como este paradigma podería aplicarse en escenarios alternativos aos dunha economía de mercado global.
Galicia alberga un total de 1.145 cooperativas e 656 sociedades laborais activas. Ademais, existen 117 Centros Especiais de Emprego, 13 Empresas de Inserción Laboral, 4 mutuas e mutualidades, 35 confrarías de pescadores, 1.072 sociedades agrarias de transformación e 3.013 comunidades de montes veciñais en man común. Todas elas, conforman a instantánea das entidades de mercado da Economía Social Galega, segundo o Informe da Economía Social en Galicia 2021, dirixido pola profesora da USC Maite Cancelo.
Despois de que os paros provocados polo confinamento fixesen diminuír a súa facturación en 2020, a industria forestal e da madeira recuperou o pasado ano a senda de crecemento en Galicia, acadando as cifras de facturación globais máis elevadas desde 2006, o primeiro ano do que existen estes datos. Segundo o informe 'A cadea forestal-madeira de Galicia', segundo o informe da Axencia Galega da Industria Forestal da Xunta (Xera).
En Galicia existen 1.769 empresas de economía social, que dan traballo a 15.151 persoas. Son datos extraídos do informe que o Centro de Estudos Cooperativos da USC (CECOOP) e o Centro de Información e Investigación sobre a Economía Pública, Social e Cooperativa (CIRIEC-España) presentaron este xoves en Compostela baixo o título 'A Economía Social en España en cifras'.
O Observatorio Municipal Galego, iniciativa da Rede Localis, fixo público un novo documento de análise da situación económica-financeira dos municipios galegos. Nel, a entidade xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, destaca que as entidades locais galegas “aproban” en rendición de contas.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES