Noticias

Ao longo de 2024 xermolaron en Galicia un total de 192 cooperativas novas, o 12% das creadas no Estado

En 2024, creáronse en Galicia un total de 192 cooperativas novas. Este dato representa un incremento notable respecto ao ano 2023, no que se rexistraran 138 novas cooperativas. “Esta evolución contribúe a consolidar a percepción do cooperativismo como un modelo empresarial resiliente, especialmente eficaz en contextos marcados pola incerteza económica e social”. Así o subliña o ‘Informe da Economía Social en Galicia’, coordinado por Maite Cancelo e Manuel Botana, que se presentou este mércores 25 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.

No acto presidido polo reitor Antonio López Díaz, tamén interviñeron o decano Xoán Doldán, o presidente do Foro pola Economía Social Galega, Mino Martínez; a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, Marta Mariño; e a profesora da USC Maite Cancelo, en calidade de directora do Centro de Estudos Cooperativos de Galicia (CECOOP), entidade responsable do estudo.

Esas 192 novas cooperativas, cantidade máis elevada da serie histórica, con 591 socios e socias promotores —o 45%, mulleres— representan o 12% das creadas no conxunto do Estado. O Informe tamén rexistra o nacemento en Galicia de 77 sociedades laborais —o 28% das constituídas en España, só por detrás da Comunidade de Madrid—, oito novos centros especiais de emprego e dúas empresas de inserción, que mostran unha tendencia crecente do peso da economía social en Galicia. Asinan o informe Dolores Álvarez, Manuel Botana, María Bastida, Maite Cancelo, Rosario Díaz, Pilar Expósito, José Antonio Montero, Ana Olveira, Alberto Vaquero, Emilia Vázquez Rozas, Miguel A. Vázquez Taín e Alicia Villalba.

Emprego

Como datos máis relevantes do estudo, cómpre destacar as 1.144 sociedades cooperativas e 344 sociedades laborais que hai activas en Galicia. Ademais, operan na comunidade galega 132 Centros Especiais de Emprego, 16 Empresas de Inserción Laboral, 4 mutuas e mutualidades, 63 confrarías de pescadores, 1.039 sociedades agrarias de transformación e 3.034 comunidades de montes veciñais en man común. Todas elas conforman a foto das entidades de mercado da Economía Social Galega que ascende a 5.776. Con relación ao emprego xerado, das entidades das que se ten información, de xeito directo ou indirecto, a cifra sitúase nas 22.401 persoas traballadoras neste ámbito: 10.595 en cooperativas, 6.279 en confrarías de pescadores, 2.316 en Centros Especiais de Emprego, 1.743 en Sociedades Laborais, 1.452 en Empresas de Inserción e 16 empregos directos nas mutualidades de previsión social. Os ingresos estimados son de máis de 3.666 millóns de euros, sendo as cooperativas con máis de 2.700 millóns as entidades que máis achegan a este sector.

O 76% das novas cooperativas localízanse nas provincias atlánticas, o 84% fano baixo a figura de traballo asociado e aumentan en todos os sectores de actividade, sendo maioritarias no sector servizos. Nas sociedades laborais, a maioría (65) tamén operan no sector servizos, 7 na construción, 3 na industria e 2 en agricultura. Por provincias, é Pontevedra quen lidera a nova creación (54), seguida da Coruña (13). En Lugo e Ourense constituíronse 10 novas empresas. As cooperativas activas sitúanse maioritariamente nas provincias da Coruña e Pontevedra, sendo esta última a que conta con máis cooperativas por primeira vez en toda a serie histórica. As cooperativas, ademais, consolídanse como axente de desenvolvemento rural xa que a maioría está nestes territorios.

Por comunidades, Galicia é a novena segundo ou seu peso nas Sociedades Laborais en España, representando o 5,5% do total, o que supón unha porcentaxe lixeiramente superior ao seu peso non PIB (5,2%). Analizando os datos dos Centros Especiais de Emprego (CEE), dos 128 galegos, 56 pertencen á Economía Social. A maioría operan no sector servizos (45,3%) e levan a cabo actividades administrativas e servizos auxiliares e máis concretamente nos de limpeza xeral de edificios e xardinería. Segundo os datos do Rexistro de CEE da Xunta de Galicia, en 2024, existían un total de 132, dos cales 59 teñen como obxectivo a obtención de impacto social. Retómase a traxectoria ascendente que estaba estancada por mor da crise da COVID-19, crecendo un 3,1% con relación ao ano anterior. Case a metade dos CEE centran as súas actividades no sector servizos (46,2%), levando a cabo na súa maioría actividades administrativas e servizos auxiliares e concretamente de limpeza xeral de edificios e de xardinería. Con relación ás Empresas de Inserción (EI), mantense o peso da provincia da Coruña, con oito e a importancia no sector servizos onde operan a gran maioría das EI galegas.

As confrarías de pescadores, un total de 63 e que supoñen o 31,8% das españolas, mostran a importancia do sector pesqueiro en Galicia. No estudo móstrase a evolución das afiliacións a estas entidades: 3.912 empresas e 6.279 persoas traballadoras. Por sector de actividade, na Coruña as confrarías teñen maior presenza no marisqueo desde embarcación, en Lugo no sector de pesca de altura e en Pontevedra no de marisqueo a pé.

Outras familias da Economía Social

No ano 2024 había 1.039 sociedades agrarias de transformación (SAT) rexistradas en Galicia con 10.028 socios e un capital social de 54,5 millóns de euros. Isto sitúa Galicia como a sexta comunidade autónoma por número de entidades e a oitava por número de socios e capital social. Ao analizar as Comunidades e Mancomunidades de Montes Veciñais en man común, fórmula asociativa exclusiva de Galicia, e recoñecida como entidades da Economía Social pola Lei Galega, en 2024 existían 3.388 montes veciñais en man común, cunha superficie de preto de 661.000 hectáreas (cun tamaño medio de 195 ha.) e 115.811 comuneiros que se concentran nas provincias de Ourense (38,7%) e Lugo (27,2%). Estas comunidades, á súa vez, agrúpanse nas 37 mancomunidades de montes veciñais en man común.

Semana Economía Social

Más de 140 actividades en 40 universidades españolas e de Iberoamérica compoñen a VII Semana Universitaria da Economía Social ata o 4 de marzo. A Universidade de Santiago de Compostela participa, a través do CECOOP, cun conxunto de iniciativas destinadas a dar visibilidade a estas entidades da economía galega e os resultados da investigación neste ámbito entre os estudantes de distintos graos. En Santiago están programadas máis de 30 actividades nas que participarán uns 30 relatores, entre profesorado, axentes do sector e autoridades, cunha cuantificación dunhas 75 horas de formación que chegará a uns 700 estudantes.

Así, na actividade ‘A Economía Social na Aula’, profesores de varias materias dos graos de Economía, Administración e Dirección de Empresas e dobre grao de Dereito e Relacións Laborais abordarán o concepto e cuantificación da Economía Social galega desde o punto de vista da política económica, o dereito do traballo, o desenvolvemento económico, a economía financeira, organización de empresas e a sustentabilidade ou a econometría, incorporando de forma transversal estas empresas nas clases interactivas das respectivas materias. Por outra banda, Manuel Veiga, socio de Larega Soc. Coop. Galega imparte charlas na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais para estudantes do grao e do Mestrado universitario en Goberno Local e Políticas públicas Innovadoras ou do Mestrado Universitario en Dirección e Xestión Contable e Financeira da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Outras novidades deste ano son o torneo de debate sobre Economía Social que organiza o profesor Guillermo Meijón con estudantes do grao en Economía da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e con estudantes do grao en Relacións Internacionais da Facultade de Dereito da Universidade de Vigo (Campus de Ourense).

O Centro de Estudos Cooperativos da Universidade de Santiago de Compostela é un centro mixto de investigación, formación e estudo do cooperativismo e outras fórmulas da Economía Social creado por convenio entre a Xunta de Galicia e a USC en maio do ano 2002. Pertence á rede ENUIES de Centros e Institutos de investigación, forma parte dos órganos de dirección de CIRIEC-España, do Observatorio Iberoamericano do Emprego e a Economía Social e Cooperativa (OIBESCOOP) e dos consellos científicos do portal estatístico da Economía Social en España (CIRIECSTAT) e das revistas económica e xurídica de CIRIEC-España.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-02-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (jose-precedo.jpg) O xornalista galego de elDiario.es José Precedo, que defendeu o dereito ao segredo xornalístico ante o Tribunal Supremo, é o gañador do XXII Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración do Concello de Pontevedra. Precedo recibirá o premio en Pontevedra o vindeiro 9 de maio na Casa Consistorial. A sala de prensa do Concello de Pontevedra acolleu o anuncio da candidatura gañadora da vixésimo primeira edición do Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración do Concello de Pontevedra. O acto contou coa presenza do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, a decana do Colexio Belén Leal e o secretario do premio Darío Janeiro.
Foto de la tercera plana (cdc-ean.jpg) Esta edición do Encontro de Artes Novas contará coa participación de talentos recoñecidos como a escritora, comisaria e podcaster Sonia Fernández Pan, que realiza desde 2021 a serie de podcasts The Tale and The Tongue co Instituto de Arte, Xénero e Natureza da Escola Superior de Deseño e Arte de Basilea. Ou a dupla artística Clo-Plas, unha proposta sonora única e radical da poeta e xornalista Xiana Arias e o artista e investigador Berio Molina, que fusionan versos e electro-pop minimalista coa oralidade popular da Fonsagrada. O programa inclúe tamén cunha conversa co profesor e investigador en Filosofía da Tecnoloxía, Pablo Sanguinetti, autor do libro Tecnohumanismo. Por un diseño narrativo y estético de la inteligencia artificial e de numerosos artigos académicos e divulgativos sobre a intersección entre tecnoloxía, humanidades e creatividade.

Notas

Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña, acollerá entre os días 15 e 29 de abril o ciclo de cinema feminista “E ti que miras?”, unha proposta coordinada por Bea Saiáns que reúne unha selección de filmes realizados por mulleres e de especial relevancia no panorama audiovisual nacional e internacional. A programación foi deseñada baixo o criterio de visibilizar obras que abordan temáticas inherentes ao patriarcado, ao tempo que se pon en valor o papel das creadoras no ámbito cinematográfico.
Creatividades híbridas, entre o virtual e o matérico é o lema escollido polo Campus Crea como eixe vertebrador da semana de actividades que impulsa cada ano con motivo da conmemoración do Día Internacional da Creatividade, co propósito de servir como escaparate do proxecto de especialización do campus pontevedrés. Promovida co apoio da Deputación de Pontevedra, a programación da Semana Crea 2026 desenvolverase entre o 20 e o 24 de abril e permitirá reflexionar sobre a evolución da creatividade en diferentes eidos, nuns tempos marcados polas tecnoloxías dixitais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES